Pestanas principais

A programación de Nadal do Concello de Ames inclúe máis de 100 actividades que se desenvolverán ata o 5 de xaneiro de 2020

Martes, 03 de decembro de 2019

Esta mañá o salón de plenos da Casa do Concello acolleu a presentación da programación que se desenvolverá durante as festas de Nadal. Dende este pasado luns 2 de decembro e ata o día 5 de decembro realizaranse máis de 100 actividades. Trátase dunha programación organizada de xeito transversal entre diversos departamentos municipais que ten como obxectivo ter un Nadal de rúa. Ao acto de presentación asistiron o alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Cultura, Natividade González, a concelleira de Comercio, Innovación e Emprego, Ana Belén Paz, e maila concelleira de Elaboración e Xestión Orzamentaria, Genma Otero. Entre o público estiveron varios/as concelleiros/as do goberno e persoal municipal. Algunhas das actividades programadas son obradoiros, actividades deportivas, presentación de libros, andainas, espectáculos de maxia e baile, inchables, festivais ou obras de teatro.

A programación de Nadal, que arranca esta semana e se prolongará ata principios de xaneiro, está cargada de actividades. Dita programación que foi presentada na mañá de hoxe, inclúe importantes novidades. Durante 33 días desenvolveranse máis de 100 actividades para todos os públicos. Isto súmase ao reforzo que se lle deu este ano ao alumeado e Nadal que contará con novos elementos decorativos nas prazas e rúas do concello.

Así, este mércores, 4 de decembro, presentarase, ás 19.30 horas, na Biblioteca de Bertamiráns, a obra de Paulo Calvo; A maldición de San Bradán. Unha novela que nos fará conter a respiración, onde o misterio, o azar e a intriga histórica nos levaran a non saber se o destino da humanidade é libre ou obedece á vontade dun obxecto.

Para o sábado, 7 de decembro, ás 18.00 horas, na Casa do Concello, está previsto o acto de acendido das luces de Nadal. Actuará a Escola Municipal de Música de Ames e haberá unha degustación gratuíta de chocolate con churros. Ese mesmo día tamén haberá inchables de 12.00 a 14.00 horas e de 17.30 a 19.30 horas na praza da Madalena do Milladoiro. Pero non será o único día, xa que se encontrarán en outros puntos do concello en diferentes datas para que os máis pequenos poidan desfrutar deles.

O alcalde de Ames, José Miñones, explicou que “nesta campaña de Nadal apostamos por actividades na rúa. A maiores dos eventos e actividades que se xa se veñen facendo en anos anteriores, este ano incluíronse varias novidades. Quixemos poñer en valor a realización de actividades en diferentes prazas do concello, para dinamizar o comercio local e para promocionar o ocio infantil”. Ademais, José Miñones destacou algunhas das novidades que se inclúen en dita programación como son a carreira-andaina dos inocentes ou as prebadaladas de fin de ano, que se desenvolverán o 31 de decembro, a partir das 11.30 horas, na praza do Concello, con cotillón, degustación gratuíta de produtos, actuación musical e food trucks.  

A concelleira de Cultura, Natividade González, indicou que “se trata dunha extensa e intensa programación de Nadal con moitas actividades e eventos dirixidos a todos os públicos. Hai que destacar que esta programación inclúe actividades de concertos, cine, teatro, contacontos, que xa viñan sendo habituais na programación de Nadal dos últimos anos, pero este ano faise un reforzo na programación das bibliotecas coa presentación neste mes de decembro de tres obras que se serán presentadas polos seus propios autores/as; Paulo Calvo, as irmáns Ángeles e Isabel Abelleira, e Nazaret López”. Ademais, Natividade González destacou que en decembro se desenvolverán outros dous eventos moi importantes como son o festival de cine infantil e mailo festival SolporSon de Ames 2019.

Visita de Papá Noel e prebadaladas de Fin de Ano
O luns, 23 de decembro, chega Papá Noel ao concello de Ames, e estará na praza de Manuel Murguía, para que a veciñanza amesá poida facerse unha foto con el. Posteriormente o venres 27 e o sábado 28 de decembro estará na mesma praza o carteiro real, que será o encargado de trasladarlle aos Reis Magos todos os desexos dos máis pequenos. Xa o domingo 5 de xaneiro, serán os propios Reis Magos os encargados de visitar o Concello. Ademais, o martes 31 de decembro celebraranse as Prebadaladas de Fin de Ano, na praza do Concello, con cotillón, degustación gratuíta de produtos, uvas de larpeirada e arandos e unha actuación musical.

A concelleira de Comercio, Innovación e Emprego, Ana Belén Paz, apuntou que “coas actividades programadas preténdese dinamizar o comercio local. Para iso vanse instalar dúas carpas; unha na praza de Chavián e outra na praza de Manuel Murguía, onde se realizarán diversos obradoiros e talleres. Tamén se instalará unha árbore de Nadal en cada carpa, para que os rapaces e rapazas poidan colgar deles os traballos que realicen en ditos obradoiros”. Ana Belén Paz tamén destacou algunha das novidades incluídas nesta programación como é o concurso fotográfico de Nadal: Ilumina o teu sorriso, e mailas actividades que realizará o Concello en colaboración coa Asociación Cultural San Xoanciño de Alfombristas de Ames.

A concelleira de Elaboración e Xestión Orzamentaria, Genma Otero, destacou o traballo realizado polo persoal dos diferentes departamentos, que colaboraron na confección de dita programación; “porque é unha mostra máis do traballo e implicación que amosa o persoal municipal no día a día”. Ademais, dixo que “se trata dunha ampla programación na que agardamos que participe toda a veciñanza”. Tamén indicou que “se van elaborar uns paneis informativos para que os veciños e veciñas saiban onde están as diferentes localizacións onde se van desenvolver as actividades de Nadal”.

Obradoiros para todos os públicos
Na programación de Nadal está previsto que se desenvolvan diferentes obradoiros que resultan moi especiais nesta época do ano: de decoración de candeas; de confección de bolsas de papel; creación de bonecos de arame; de adornos de Nadal para a árbore; empaquetado de agasallos; tarxetas de Nadal con Scratch; creación de xabóns artesanais personalizados; de xoguetes con materiais de refugallo; un obradoiro de xogos populares e tradicionais de diferentes partes do mundo; ou u obradoiro de maxia e ilusionismo.

Ademais, tamén haberá obradoiros de cociña para facer máis doce esta festividade cun obradoiro de galletas de Nadal para maiores, un showcooking de turrón de chocolate, un taller de cupcakes, obradoiros de cociña de Nadal saudable ou un taller de galletas de Nadal. Todo isto, xunto cunha carpa multimedia con diversas actividades en diferentes localizacións do concello. Para saber cando e onde se levarán a cabo cada un dos obradoiros pódese consultar o programa anexo á esta nova.

Actividades das bibliotecas
O departamento de Bibliotecas do Concello de Ames organiza diversas actividades con motivo da festividade de Nadal. Do luns 9 ao venres 13 de decembro os amesáns poden achegarse ás bibliotecas municipais para gravar un conto que se emitirán en Ames Radio na semana de Nadal. Nesa mesma semana, os días mércores 11 e xoves 12 de decembro levarase a cabo unha sesión de contacontos para nenas e nenos de 3 a 8 anos. O primeiro día na Biblioteca de Bertamiráns e o segundo na do Milladoiro.

Ademais durante todo o mes de decembro estase levando a cabo a campaña Agasalla contos, cunha recollida de doazóns de libros de literatura infantil para a Campaña Zocos e  Trasnos, xunto co concurso de debuxo infantil Debuxa o teu Nadal!. De ambos pode consultarse máis información nas bibliotecas municipais do concello. Tamén se desenvolverán diversas presentación de libros os días 4, 12 e 19 de decembro, das que existe máis información nesta nova.

Actividades deportivas
O domingo 8 de decembro celebrarase o I Torneo de Baloncesto 3x3 XL no pavillón municipal do Milladoiro. Pero non será a única, xa que haberá un Torneo de Nadal de Xadrez e a décimo terceira Carreira Ciclista do Pavo o vindeiro día 21 de decembro.

O día 20 de decembro desenvolverase unha andaina saudable solidaria a favor do Banco de Alimentos Municipal dende a carpa que se instalará na praza de Chavián. Pódese acudir disfrazado. Ese mesmo día tamén dará comezo o I Torneo de Nadal de Tenis do Concello de Ames, que se desenvolverá os días 21 e 22 de decembro nas pistas de tenis de Aldea Nova.

Os día 26 e 27 de decembro levarase a cabo o III Torneo de Nadal de Baloncesto do Concello de Ames, organizado por Básquet Ames no pavillón municipal do Milladoiro. Tamén o xoves 26, terá lugar unha masterclass de Zumba Fitness en Bertamiráns e a instalación dun Parkourpark móbil no Milladoiro. Ambas actividades repetiranse o día 29.

O sábado 28 de decembro, con motivo do Día dos Inocentes, celebrarase a I Carreira-Andaina d@s Inocentes, dende a praza de Chavián de Bertamiráns. Xa en xaneiro, os días 2 e 3 de decembro desenvolverase o III Torneo de Nadal de Fútbol-8 do Concello de Ames, organizado por Bertamiráns CF e Milladoiro SD.

Celebración de festivais
O sábado 14 de decembro terá lugar o Festival SolporSon de Ames no campo da festa de Buduído con batallas de galos, grafites e actuacións musicais que inclúen grupos locais. Asemade, do 13 ao 15 de decembro terá lugar nas Casas da Cultura do Concello o Festival Internacional de Cine Infantil.

Mentres que o 27 de decembro se levará a cabo o Festival de Nadal AmesSan na praza de Manuel Murguía do Milladoiro, coa degustación de pratos de Nadal elaborados nos obradoiros de cociña e as exhibicións das escolas AmesSan.

Obras de teatro e espectáculos de música e danza
O vindeiro venres, 13 de decembro, haberá unha sesión discoteca con música infantil no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, a cargo de Picadiscos Marifaltri. O xoves 26 de decembro terá lugar a Feira das linguas, un concerto de Lydia Botana na Casa da Cultura do Milladoiro.

O venres 27 chega ao auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns a obra Baila Roque Baila, de Baobab Teatro, destinada a un público infantil. Ao día seguinte, terá lugar un encontro de agrupacións corais do Concello na Casa da Cultura de Bertamiráns. Volvendo ao teatro, o venres 3 de xaneiro a obra representada será Cartoons, de Producións Teatrais Excéntricas, no auditorio do Milladoiro. Mentres que ao día seguinte se desenvolverá un encontro de agrupacións de música e baile tradicional, tamén no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.

 

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "Ames prepara unha programación con máis de 100 actividades durante este Nadal"

El Correo Gallego: "Máis de cen actividades para o programa do Nadal amesán"

Presentación da programación de Nadal

Multimedia

  • Presentación da programación de Nadal
  • Presentación da programación de Nadal
  • Presentación da programación de Nadal