Pestanas principais

A programación de Nadal inclúe 25 actividades que se desenvolverán no mes de decembro e a primeira semana de xaneiro

Venres, 09 de decembro de 2016

[09-12-2016] O Concello de Ames preparou para este mes de decembro e comezos de xaneiro un amplo abano de actividades que están dirixidas a todos os públicos. Haberá teatro, obradoiros infantís, eventos deportivos, concertos de Nadal e Aninovo, foliadas, etc. As actividades péchanse o mércores 4 cunha foliada no Pazo da Peregrina, e o xoves, 5 de decembro, coa Festa de Reis nos pavillóns de Bertamiráns e do Milladoiro. Esta programación tamén recolle o XI Concurso de Escaparates de Nadal e mailo Concurso de Cartas de Nadal Conto, canto o Nadal!


A programación de Nadal comezou a primeira fin de semana de decembro coa primeira edición do Roteiro Maker, que se desenvolveu na Casa da Cultura do Milladoiro e no que participaron 11 empresas galegas que se caracterizan polo traballo de innovación que realizan nos seus proxectos. O pasado venres, 2 de decembro, tamén se celebrou no Milladoiro o acto de acendido das luces de Nadal, unha decoración que o Concello manterá ata o día 6 de xaneiro. Este ano o alumeado conta con máis de 100 arcos e máis de 30 postes, que estarán colocados en farois e diferentes tipo de adornos en árbores e prazas.

O pasado sábado, 3 de decembro, a Aula da Natureza acolleu a última actividade da programación micolóxica outonal. Arredor de 30 persoas aprenderon a cociñar e a conservar os seus cogomelos. Esta fin de semana, o sábado 10, continúa a programación de actividades organizada pola Aula da Natureza. Neste caso cun obradoiro de kokedamas, que é unha técnica xaponesa que consiste en cultivar plantas directamente sobre bolas de arxila cubertas de musgo, para logo penduralas do teito. Nesta actividade traballarase con kokedamas inspirados no Nadal.

A próxima fin de semana está cargada de actividades de todo tipo. O venres 16 haberá teatro da man da compañía Redrum Teatro, que representará ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, o espectáculo Noite Boa. Para o día seguinte, sábado 17, hai programadas tres actividades diferentes. A Aula da Natureza acollerá o obradoiro Constrúe o teu propio microscopio electrónico, que está dirixido a familias con nenos/as que teñan a partir de 6 anos (os rapaces e rapazas deberán ir acompañados dun adulto). Os interesados/as poden inscribirse chamando ao teléfono 660 004 665 ou enviando un coreo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.

Ademais, este mesmo día pola tarde realizarase unha nova edición da carreira do pavo nos arredores do parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Para pechar o día 17, a partir das 20:00 horas, a Casa da Cultura do Milladoiro acolle o Concerto de Nadal, no que actuarán a coral polifónica Antonio Santomil de Bugallido, a coral Lembranzas de Santa Cruz de Oleiros e o grupo Arosa Bay de Vilagarcia.

Entrega de premios do concurso radiofónico de teatro lido
O martes 20 de decembro celebrarase na Casa da Cultura do Milladoiro a Gala de entrega de premios do sexto concurso radiofónico de teatro lido de Ames, Desata a Lingua! Neste acto, ao que acudirá o alumnado participante, daranse a coñecer o premio do público, o premio ao mellor guión orixinal e mailo premio á mellor interpretación, dotados cada un con 200 euros.

Para o venres 23 e o xoves 29 de decembro hai programados dous obradoiros: un de deseño e impresión 3D e outro de electrónica. Estes obradoiros, que están dirixidos aos mozos e mozas de 12 anos en diante, desenvolveranse nas Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns. As inscricións haberá que realizalas do 12 ao 21 de decembro enviando un correo electrónico ao enderezo omix@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 616 083 229.

O teatro e maila música volven os días 26, 27 e 28 de decembro. O luns 26 a compañía Educa Teatro representará na Casa da Cultura do Milladoiro o espectáculo Caperuchiña Vermella, mentres que o martes 27 será a quenda da compañía trasPediante que porá en escena o espectáculo de danza-circo contemporáneo UP 2Down. Para o mércores 28 queda a actuación de Odaiko Invención, que emprega nas súas actuacións a percusión como elemento de expresión. Esta actividade desenvolverase na Casa da Cultura do Milladoiro.

Para finalizar o ano, o xoves 29 e o venres 30 de decembro, haberá dúas novas actividades. O xoves Luís Vallecillo e a banda do cuberto interpretarán O Bigote de Mimí na Casa da Cultura de Bertamiráns. Trátase dun espectáculo baseado no libro homónimo de Manuel María. Para o venres 29 no Milladoiro queda o obradoiro Imos cantar o Nadal, que é unha actividade de cantos de Nadal e saída á rúa para cantar. Este é un obradoiro que está dirixido ás familias con nenos/as. Para participar é necesario inscribirse previamente.

Actividades para xaneiro de 2017
O novo ano comezará o luns, 2 de xaneiro, co espectáculo Os Monicreques de Kukas Encoro enmeigado (nas fragas do Eume), que se desenvolverá na Casa da cultura do Milladoiro. Ese mesmo día repetirase o obradoiro Imos cantar o Nadal, pero en Bertamiráns. O martes 3 haberá un novo obradoiro na Aula da Natureza chamado Eu guísoo, eu cómoo: bocados de reis naturalmente. Para participar nesta actividade, que está dirixida aos nenos/as de 6 a 12 anos, hai que inscribirse chamando ao número de teléfono 660 004 665 ou enviando un coreo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.

O martes 3 tamén haberá unha foliada de Nadal con Apego no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, dende as 18:00 ata as 20:30 horas. Este actividade está dirixida ás familias con nenos/as e non existe límite de idade. Haberá que inscribirse previamente. Esta programación péchase o xoves, 5 de decembro, coa Festa de Reis nos pavillóns de Bertamiráns e do Milladoiro.

Concertos de Aninovo
Por outra banda, o martes 3 e o mércores 4 de xaneiro haberá concertos nas rúas de Bertamiráns e do Milladoiro. En caso de que chova suspenderanse ditos concertos. Deste xeito, o martes 3, na praza do Concello, en Bertamiráns, actuará o coro de Ames e Piñeiro, mentres que na praza da rúa das Figueiras, no Milladoiro, desenvolverase a actuación do coro Son Elas. O día seguinte, mércores 4, o coro Son Elas volverá actuar, pero neste caso na praza do Concello, en Bertamiráns. Estas tres actuación serán ás 18:00 horas. Por último, o mércores 4, ás 19:00 horas, na praza de Chavián de Bertamiráns, actuará a coral Lojo Batalla de Tapia.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ciencia, música y teatro copan la extensa programación navideña"