Pestanas principais

A programación de outono de teatro adulto remata en Ames coa galardoada “Bernarda”, este venres 19 de novembro

Luns, 15 de novembro de 2021

“Bernarda”, de Malasombra Producións, será a última obra da programación cultural de outono da Concellaría de Cultura de Ames, que trouxo ao concello seis espectáculos teatrais durante este trimestre, con tres sesións para o público infantil e outras tantas para o adulto. Gañadora de catro premios María Casares e nominada aos Premios Max, a representación terá lugar este venres 19 de novembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. As entradas xa poden adquirirse na billeteira electrónica do Concello de Ames. Esta obra está dentro do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames

A obra, con texto orixinal do dramaturgo e director Jose Prieto, está a recibir importantes recoñecementos do sector do arte dramático. “Bernarda” é candidata a Mellor Espectáculo nos Premios Max 2021; foi Premio do público na XLI Mostra de Teatro Galego de Cariño, e ademais, recibiu catro galardóns de gran importancia na edición do ano 2020 dos Premios María Casares: ao Mellor espectáculo, Mellor texto orixinal, Mellor dirección e Mellor actriz secundaria, polo traballo de Celia González.

“Bernarda” é a historia dunha muller loitadora, forxada pola dureza da posguerra, que ten que enfrontarse á crianza das súas dúas fillas soa tras a morte do seu marido. É un relato do choque xeracional entre nai e fillas, entre a rebeldía e a seguridade da estabilidade. A vida de Bernarda é universal, próxima e apela á realidade do seu público.

Con esta representación que, está dentro do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames, ponse fin á parte do teatro que ocupou a programación cultural do Concello de Ames durante este último trimestre de 2021. Do itinerario restan as proxeccións dos documentais “Nación”, o 17 de novembro, e “As silenciadas”, o 24 de novembro, así como o ciclo “Cinema Miúdo”, pensado para o público infantil.

Novas relacionadas

AMSGO!: "'Bernarda' pecha a programación de teatro de outono"

A programación de outono de teatro adulto remata en Ames coa galardoada “Bernarda”

Multimedia

  • A programación de outono de teatro adulto remata en Ames coa galardoada “Bernarda”