Pestanas principais

A programación de primavera de Ames inclúe máis de 50 actividades

Xoves, 14 de febreiro de 2019

[14-02-2019] O Concello de Ames adiantase á primavera cunha programación formada por un total de 54 actividades, dirixidas a todos os rangos de idade. A oferta inclúe un amplo abano de iniciativas organizadas polos departamentos de mocidade, cultura, deportes, medio ambiente, normalización lingüística e polas bibliotecas municipais. Así, inclúe obradoiros, galas, contacontos, excursións, eventos deportivos e numerosas obras teatrais. O programa, que comezou o venres 1 de febreiro, continúa este venres coa peza teatral O Mago de Oz e o concerto de presentación do novo disco de Susana Seivane.

A primeira das actividades programadas para esta semana foi unha sesión de contacontos baixo o título De quen será este ovo?, que se celebrou onte na biblioteca do Milladoiro e hoxe na de Bertamiráns, a partir das 17.30h. Mañá ás 18.00h, por outra banda, o escenario da Casa da Cultura do Milladoiro converterase por unhas horas no máxico mundo de Oz, un lugar no que Dorothy, Espantallo, Homelata e León vivirán unha chea de aventuras e perigos para alcanzar os seus desexos. Dirixido a toda a familia, as entradas están dispoñibles na Billeteira electrónica. O 10% das entradas resérvanse, como é habitual, para vender de xeito presencial desde unha hora antes do comezo do espectáculo.

Ese mesmo día a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá o concerto de presentación de ‘FA’, o novo traballo da gaiteira Susana Seivane. Durante o evento, que terá lugar a partir das 21.00h, a artista fará un percorrido polos temas do seu novo álbum, doce pezas adicadas aos seus fillos a través das que descobre ante o público os sentimentos que despertan nela a maternidade e a vida familiar.

Foliadas, arrolos e poesía con Apego
Durante os vindeiros meses, realizaranse un gran número de actividades dirixidas ás e aos máis cativos da casa ao abeiro do programa Apego. Este proxecto ten como obxectivo acompañar, dar apoio ás familias e poñer en valor a transmisión da lingua galega ás crianzas durante os seus primeiros anos de vida, nomeadamente dos 0 aos 6 anos. Así, con esta finalidade realizaranse foliadas, contacontos, obradoiros e demais actividades dirixidas a familias con cativas e cativos de ata seis anos, nos que as crianzas poderán socializar en galego e reforzar nelas a identidade coa familia e coas raíces a través de diferentes recursos lúdicos, formativos e informativos.

O primeira destas actividades terá lugar o venres 22 de febreiro na Casa da Cultura da Cultura de Bertamiráns. Baixo o nome Entre arrolos e contiños, Bea Campos, de Migallas Teatro, ofrecerá cantos e contos de tradición oral con música en directo para os/as máis cativos/as. Realizaranse dúas sesións, a primeira ás 17.00h e unha segunda ás 18.00h. Para participar, será necesario inscribirse do 12 ao 20 de febreiro.
Así mesmo, ao longo dos meses de marzo, abril e maio realizaranse varias sesións de contacontos, obradoiros, e dúas foliadas. Todas as actividades encadradas na programación infantil con Apego poden consultarse de maneira máis ampla na seguinte ligazón.

Viaxe literaria aos lugares emblemáticos do legado rosaliano
O sábado, 23 de febreiro, realizarase unha excursión literaria baixo o nome “Viaxando con Rosalía”; unha actividade que está incluída na programación específica organizada polo Concello de Ames en homenaxe á efeméride do nacemento da autora. A excursión incluirá unha visita á Casa de Rosalía na Tarroeira en Ortoño, lugar onde a autora pasou os seus primeiros anos de vida. Alén da parroquia de Ortoño, as persoas participantes tamén visitarán Bastavales, en Brión, onde se atopa a igrexa cuxas campás protagonizaron un dos versos máis soados da autora, recollido en Cantares Gallegos. Así mesmo, a excursión tamén incluirá unha visita a Iria Flavia e á Casa Museo de Rosalía en Padrón, máis coñecida como "Casa da Matanza". Durante a excursión, a escritora amesá e estudosa da figura de Rosalía de Castro, María López Sández, achegaranos á vida da homenaxeada e á súa obra.

O prazo de inscrición nesta actividade permanecerá aberto entre o 11 e o 21 de febreiro. Para reservar praza, será preciso enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal. A praza será confirmada a través dun correo electrónico de resposta. O día da excursión, a saída en autobús producirase ás 10.00 horas no Milladoiro e ás 10.15h en Bertamiráns, e o regreso producirase ás 14.30h.

Conmemoración do Día de Rosalía, Día do Libro e Día das Letras Galegas
Co gallo do 182 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, unha das figuras emblemáticas da cultura galega e da literatura española do século XIX, o Concello de Ames organiza unha gala o vindeiro 24 de febreiro para conmemorar dita efeméride e celebrar a figura desta poetisa, tan ligada a Ames. Durante o evento, que terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 18.00h, contarase coa actuación de Rosa Cedrón.

Por outra banda, o sábado, 27 de abril, conmemorarase o Día do Libro cun evento na praza do Concello de Bertamiráns, ás 17:00 horas. Baixo o nome “Literatura na Praza”, ese día haberá exposicións, venda de libros, obradoiros, presentacións, música e contacontos. O xoves 16 de maio, terá lugar a conmemoración do Día das Letras Galegas que este ano está dedicado ao autor Antón Fraguas. O Concello de Ames celebrará a efeméride cun acto festivo no que se entregarán os premios do XVI Certame Literario Concello de Ames e do Certame Artístico-Literario Intercentros. O acto terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:00 horas. O prazo de presentación de textos do XV Certame Literario Concello de Ames de narrativa e poesía remata o 4 de abril. As persoas interesadas poderán atopar máis información en breves na páxina web municipal.

Contacontos sobre números, animais e moitos valores
A programación tamén inclúe as sesións de Contacontos nas bibliotecas, dirixidas a nenas e nenos entre os 3 e os 8 anos. Trala sesión da De quen será este ovo?, en febreiro celebrase unha segunda baixo o nome A cantar e contar, o mércores 27 en Bertamiráns e o xoves 28 no Milladoiro. As sesións comezarán todas ás 17:30 horas.

O mes de marzo contará novamente con duplas sesións de contos, tanto na biblioteca do Milladoiro como na de Bertamiráns. A primeira delas terá lugar o mércores 13 de marzo na biblioteca do Milladoiro baixo o título 1, 2, 3 sen mover as mans nin os pés, e ao día seguinte en Bertamiráns. O 27 de marzo os/as nenos/as que se acheguen á biblioteca de Bertamiráns poderán gozar do conto Non todo é o que parece, mentres que a narración no Milladoiro terá lugar o día 28. Estas sesións tamén comezarán ás 17:30 horas.

Todo é normal, un conto sobre o valor da diversidade, será o primeiro contacontos de abril, que se realizará o mércores 10 na biblioteca do Milladoiro e o xoves 11 en Bertamiráns. Esta última biblioteca tamén acollerá o luns 22 O lobo con botas, unha aventura dos Biosbardos, e o 24 o contaconto 1, 2, 3 empeza o contiño; que ao día seguinte, xoves 25, tamén terá lugar no Milladoiro.

A programación para o mes das letras tamén estará marcado por ditas sesións. O mércores 8 no Milladoiro e o xoves 9 en Bertamiráns desenvolveranse as sesións sobre a “operación pañal” Corre, corre que non chegas! Asemade, o punto e final á programación porao o conto Cando comer dá medo, que terá lugar o mércores 22 en Bertamiráns e o xoves 23 no Milladoiro.

Arte en vivo: teatro e música
O concerto de Entroido da Escola Municipal de Música de Ames será o evento encargado de marcar o comezo de mes de marzo, e terá lugar o venres 1 na Casa da Cultura do Milladoiro, a partir das 19.30h. A seguinte cita teatral será a obra A leituga, de Emedous, apoiada no texto de César Sierra e baixo a dirección de Víctor Duplá. O elenco, integrado por Antonio Durán ‘Morris’, Federico Pérez, María Vázquez, Mercedes Castro e Xosé Barato; danse cita o día 15, ás 21.00h, na Casa da Cultura de Bertamiráns para falar de temas como a responsabilidade familiar, a felicidade, a eutanasia, a vida e a morte ou a decadencia da propia familia.

A continuación, o Grupo de Teatro da Maía levará á escena a obra O Fidalgo, dirixida a un público adulto. A primeira representación desta peza realizarase na Casa da Cultura de Bertamiráns o venres 22 de marzo ás 21.00h, mentres que no Milladoiro será o venres 3 de maio á mesma hora.

O mesmo venres 22 de marzo, ás 21.00h, será a quenda de Anatomía dunha serea, do grupo Chévere, no Milladoiro. Esta peza autobiográfica, contada pola súa protagonista, Iria Pinheiro, é unha denuncia da violencia obstétrica que sufriu a actriz durante o parto do seu primeiro fillo, contado de xeito directo, aberto e autocrítico.

Por outra banda, o 29 de marzo, Elefante Elegante traerá á Casa da Cultura de Bertamiráns a peza infantil Patapatum, unha reflexión sobre a presenza dos bens materiais nas relacións entre pais e fillos. Así, esta peza propón unha reflexión sobre aquelas nais e pais que, cun relativo poder económico, ofrécenlle moreas de xoguetes aos seus cativos/as e estímulos permanentes para evitar o aburrimento e conseguir a súa felicidade. Sen embargo, a peza tentará mostrar que o aburrimento non sempre é negativo, xa que pode ser impulsar a creatividade das crianzas, e que os bens materiais non teñen a capacidade para resarcir a falta de tempo que os proxenitores poden adicarlle aos seus fillos.

En abril, será a quenda do espectáculo Arlequina, que combina o traballo de actor coa pantomima de marionetas e a música en directo, e que xira en torno ás aventuras de Arlequina en busca da súa identidade. A representación terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro o venres 5, ás 18.00 horas. Ese mesmo mes, o venres 12 ás 21.00h, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá unha revisión dos mellores monólogos de Carlos Blanco, nos que o actor introducirá elementos de actualidade e improvisación.

Maratóns, copas e encontros deportivos
O 3 de marzo celébrase o Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, organizado polo Concello e a Federación Galega de Atletismo. O percorrido partirá de Ponte Maceira e chegará ata o Real Aeroclub da Ameixenda. O domingo seguinte, 10 de marzo, terá lugar a cuarta edición do Transgalaica Concello de Ames (maratón mtb). Organizado polo Club Ciclista Os Esfola Arrós, a saída da Transgalaica terá lugar ás 9.30h dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Tamén en marzo, os días 18, 19 e 20 celebrarase o Ames Cup de fútbol 8. A competición, que está organizado polo Bertamiráns FC, celebrarase no campo de fútbol municipal desta localidade, das 9.00h ás 22.00 horas.

A primeira cita deportiva de maio será o Campionato de Supercross Gran Premio Concello de Ames, organizado por Motoclub Ameixenda no circuíto Alex de Moure, realizarase o domingo 5 a partir das 16.00h. Ese mesmo mes, o sábado 11, terá lugar o X Encontro de Patinaxe das Escolas Deportivas Municipais. Organizado polo Club de Patinaxe Sarela e CPA Omega, o Encontro desenvolverase no pavillón municipal de Bertamiráns, das 9.00h ás 21.00 horas.

O Entroido chega a Ames
O luns, 4 de marzo, o Concello de Ames celebrará a oitava edición da Festa de Entroido no aparcamento da Telleira, situado en Bertamiráns. A partir das 17.00, a tarde estará amenizada polas actuación da charanga A Compañía do Ruído e o grupo Brassica Rapa e, ademais, celebrarase o concurso de disfraces, no que se reaprtirán 3.800 euros, divididos entre as categorías: infantil, adulto, por grupo ou en comparsa. Ademais, haberá dous premios especiais dotados con 125 euros aos mellores disfraces realizados con material de reciclaxe. O xurado valorará os disfraces conforme á creatividade, caracterización e orixinalidade.

O luns 11 e o martes 12 de marzo, as bibliotecas celebrarán a chegada do Entroido cun obradoiro no que os e as cativas poderán deseñar e realizar as súas propias máscaras. Este taller realizarase o luns na biblioteca de Bertamiráns e o martes na do Milladoiro, a partir das 17.00h, Así, o número de prazas será limitado, polo que a inscrición deberá tramitarse entre o 25 de febreiro e o 6 de marzo a través dos teléfonos 981 88 48 29 (Bertamiráns), 981 53 08 07 (Milladoiro) ou no enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal

Achegarse á Natureza e ao Medio Ambiente dende cativos
A Aula da Natureza organiza para os vindeiros meses varias saídas e obradoiros ao abeiro do programa VéV, unha iniciativa que ten como obxectivo amosar que a vida e a variedade están unidas de maneira intrínseca. Así, o sábado 9 de marzo, entre as 16.00 e as 19.00h, a Aula da Natureza acollerá o obradoiro Vida a altas temperaturas, dirixido a 25 rapaces e rapazas de 6 a 12 anos. Ao día seguinte, ademais, realizarase unha visita ás termas de Ourense, para o que se habilitarán un total de 50 prazas, con preferencia polos/as asistentes ao obradoiro anterior.

Alén destes, o sábado 4 de maio realizarase outro obradoiro, que xirará en torno á vida baixo a auga. Para ver de primeira man o descuberto neste taller, o domingo 5 realizarase a excursión “Mergullo a pulmón” para nenos/as de 6 a 12 anos e, o sábado 25, a saída “Bautismo de mergullo con botellas” dirixirase en mozas e mozos de 13 a 18 anos.

Por outra banda, o sábado 6 de abril realizarase unha acampada temática sobre prehistoria nas aforas da Aula da Natureza. A actividade vai dirixida a un máximo de 25 nenas e nenos de 6 a 12 anos, e estenderase dás 16.00h do sábado ata as 16.00h do domingo.

Para participar en calquera destas actividades, cuxo prazo de inscrición xa está aberto, é necesario enviar a ficha de inscrición para actividades da Aula da Natureza, dispoñible na sección avisos desta páxina web, ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. É importante cubrir todos os datos que aparecen na ficha, en especial aqueles recollidos no apartado de alerxias, enfermidades e intolerancias alimenticias.

Medio Ambiente para os e as amesás adultos/as
O sábado 23 de marzo, a Aula da Natureza acollerá un obradoiro destinado a un público adulto sobre a elaboración de perfumes, no que os participantes poderán coñecer as esencias, o seu mantemento e como mesturalas para elaborar fragrancias. Ademais, tamén se achegarán ás distintas partes da planta que se empregan para extraer aromas. Para participar neste taller, que se realizará de 11.00 a 13.30h, é necesaria inscrición previa.

Tamén se impartirá un curso de horta sostible os domingos alternos dos meses de febreiro, marzo e abril, en horario de 11.00 a 13.00 horas. A data de inscrición aínda permanece aberta.

X Seminario-Obradoiro Internacional de Avaliación de Materiais Didáctivos
O venres 29 de marzo celebrarase no Pazo da Peregrina, das 17.00 ás 19.00h, a conferencia inaugural da décima edición do Seminario Obradoiro Internacional de Avaliación de materiais, que versará sobre Que facer cos robots nas escolas e nos fogares?

Ao día seguinte, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá ao longo da mañá tres obradoiros simultáneos, impartidos por varios docentes especializados en robótica e computación. Así, os participantes poderán escoller entre asistir aos talleres Resolución de problemas en educación infantil. Aprender xogando con robots, Pensamento computacional en Educación Primaria e, por último, Taller de robótica co Ranger.

Xuventude e Natureza
A Concellaría de Medio Ambiente e a Concellaría de Mocidade organizan de maneira conxunta unha serie de iniciativas destinadas a que os mozos e mozas amesás se acheguen á natureza mentres realizan actividades lúdicas. Así, do 26 ao 28 de abril, organizase unha fin de semana de natureza e surf na praia de Razo. Dirixida a mozas e mozos entre os 13 e os 18 anos, a actividade ten un prezo de 80 euros por persoa. O prazo de inscrición permanecerá aberto entre o 27 de marzo e o 5 de abril. Para obter máis información, as persoas interesadas pódense pór en contacto co departamento de Medio Ambiente a través do enderezo auladanatureza@concellodeames.gal ou do número de teléfono 660 004 665 ou co departamento de Mocidade mediante o enderezo omix@concellodeames.gal ou do número 616 083 229.

Asemade, ambas Concellarías están a organizar un avance dos campamentos de verán de 2019, con actividades que estarán orientadas a crianzas desde o 3º curso de Educación Infantil ata 2º de Bacharelato. Pódese obter máis información sobre esta actividade contactando coa Aula da Natureza ou a OMIX.

Cursos formativos para a mocidade
Un ano máis, o Concello de Ames organiza unha serie de cursos destinado á mocidade amesá. Entre os meses de febreiro e abril, estase a impartese unha nova edición do curso de monitora e monitor de tempo libre, homologado pola Xunta de Galicia. O curso, que discorre no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, desenvolverase ao longo das fins de semana en horario de 09.00 a 14.00h e de 16.00 a 21.00h. Por outra banda, entre o 5 de febreiro e o 23 de maio ten lugar o curso de inglés English Today!!, que está organizado pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Ames. O curso que está orientado ao uso cotiá do inglés no día a día, impartese os luns e os mércores na Casa da Cultura do Milladoiro, e os martes e os xoves na Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 20.00h a 21.30 horas.

Tamén se imparte unha nova edición do programa de reforzo educativo nos institutos do concello de Ames. Esta iniciativa, dirixida ao alumnado de 1º e 2º de ESO, desenvolvese os mércores no IES do Milladoiro e os xoves no IES de Ames, en horario de 16:30 a 18:30 horas. Durante dúas horas á semana impártense clases de reforzo nas áreas de ciencias e letras.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames diseña una programación de primavera con más de 50 actividades"
El Correo Gallego: "Cara á primavera cultural amesá co Mago de Oz, Susana Seivane e ruta tributo a Rosalía de Castro"