- Tematica
A programación do Concello de Ames para esta última quincena de febreiro, e os meses de marzo, abril e maio, inclúe máis de 60 actividades diferentes. Entre elas, eventos culturais, deportivos, literarios, saudables, de normalización lingüística, especialmente dirixidos á mocidade ou relacionados coa natureza.
A programación de primavera 2020 do Concello de Ames xa arranca estes días de entroido cunha foliada con Apego, un concerto de Entroido da EMMA, o baile de Entroido de Amessan, unha saída ornitolóxica, o II Trail e Andaina Ribeiras do Tambre e a festa do Entroido que se celebrará o próximo luns.
Actividades literarias
Como vimos anunciando dende fai uns días, o departamento de Bibliotecas do Concello de Ames ten programadas numerosas e variadas actividades literarias para os próximos meses. Ademais das sesións de contacontos que se celebrarán como mínimo dúas veces ao mes en cada unha das bibliotecas municipais, inclúese programación específica como a relacionada co Entroido, o mes de Rosalía ou o mes do libro.
Desta maneira, o próximo luns 24 e o mércores 26 de febreiro desenvolverase dous obradoiros de elaboración de disfraces de Entroido. Nel, os nenos e nenas converteranse en personaxes dun conto por un día. E con motivo da conmemoración do mes de Rosalía, o 27 de febreiro tratarase na Biblioteca do Milladoiro a vixencia da obra e da persoa de Rosalía de Castro na actualidade da man de Dolores Vilavedra e Daniel Asorey.
Outras actividades literarias programadas para esta primavera é a presentación do libro de Alfredo Conde “Homes de ferro” o próximo 5 de marzo ou a celebración do mes do libro durante o vindeiro mes de abril, o cal terá un programa específico.
A nosa lingua, cultura e tradicións estarán moi presentes nesta primavera
O departamento de Normalización tamén desenvolve unha ampla programación na que, con motivo de conmemoracións como o mes de Rosalía ou o próximo Día das Letras Galegas, a nosa lingua, cultura e tradicións estarán, se cabe, moito máis presentes nesta primavera.
Así, as historias, poemas e contadas na nosa lingua invadirán o Concello de Ames durante estes meses. Celebraranse dous certames literarios, o XII Certame artístico-literario intercentros e o XVII Certame Literario Concello de Ames Narrativa e Poesía, a través dos cales a veciñanza amesá terá a oportunidade de dar a coñecer os seus propios textos. Para ambos, elaborarase un programa específico.
Ademais, compre recordar que o mes de febreiro remata cun gala de conmemoración a Rosalía de Castro o vindeiro venres 28 de febreiro. Un acto participativo no que poderemos gozar de dramatizacións, poesía, proxeccións audiovisuais, humor e música, que nos achegarán ás diferentes facetas de Rosalía.
E proseguindo coa conmemoración de figuras ilustres da nosa literatura, o 15 de maio celebrarase a Gala das Letras Galegas, que este ano están adicadas ao ferrolán Ricardo Carvalho Calero, membro da Real Academia Galega que destacou no ámbito da creación literaria como na crítica e investigación filolóxica, converténdose no primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galega no 1972. Nesta gala, realizarase a entrega dos premios aos gañadores dos certames literarios anteriormente mencionados.
Durante estes meses tamén haberá citas co programa Apego, das cales tes máis información nesta nova, e a programación completa neste enlace.
Eventos culturais
A programación cultural para este primeiro semestre de 2020 non deixa de esgotar entradas en cada un dos espectáculos que se levan a cabo. As funcións de teatro, novo circo, música e baile, seguirán desenvolvéndose nas próximas fins de semana.
Para saber máis información sobre estes eventos culturais para os próximos meses podes ler esta nova ou consultar a programación completa premendo neste enlace.
Potenciando e apoiando o deporte
O mes de febreiro pecharase coa XIV Gala do Deporte Municipal o 29 de febreiro, na que se coñecerá cal é o mellor deportista do ano 2019 segundo as votacións dos amesáns e amesás.
Pero o deporte non deixará de acompañarnos durante esta primavera, xa que está programada a V Transgalaica do Concello de Ames (maratón mbt) para o vindeiro 8 de marzo. Un evento organizado polo Club Ciclista Os Esfola Arrós.
En canto ao mes de abril, este ten unha data importante para os futboleiros de Ames: a Ames Cup- Fútbol 8, que se celebrará o 9, 10, 11 e 12 de abril no Campo de Fútbol Municipal de Bertamiráns.
E xa para rematar, maio acollerá o XI Encontro de Patinaxe das Escolas Deportivas Municipais que se desenvolverá o sábado 2, o Campionato de Supercross do domingo 10 e a clausura das escolas deportivas municipais, que terá lugar o sábado 30.
O medio ambiente, peza indispensable nesta primavera
Como non podía ser doutra maneira, nesta programación de primavera están moi presentes as actividades relacionadas coa natureza e o medio ambiente. Deste xeito, a Aula da Natureza do Concello de Ames ten programado un taller de usos medicinais das plantas para os días 5, 6 e 7 de marzo, para o cal se elaborara un programa específico.
Para proseguir coa programación da tempada ornitolóxica, que comeza coa saída deste sábado 22 de febreiro ao complexo intermareal Umia- O Grove, está previsto un obradoiro para nenos e nenas de caixas niño para aves o próximo sábado 21 de marzo.
A isto hai que sumarlle un obradoiro de trenzado de palla o sábado 4 de abril, a Ruta de Riamontes programada para o domingo 19 de abril, unha acampada na Aula da Natureza na noite do sábado 9 ao domingo 10 de maio, e unha visita ás Fragas do Eume e o museo etnográfico de A Capela o sábado 23 de maio.
A mocidade amesá segue “Trouleando”
O programa Trouleando destinado á xuventude amesá seguirá desenvolvéndose nos meses de primavera con moitas outras actividades. “A rolos polo Cebreiro” é a actividade prevista para o sábado 28 de marzo, que no caso de ausencia de neve será modificada por outra alternativa.
En abril, concretamente o día 18, celebrarase un scape room científico no Pazo da Peregrina, e o 29 de maio está prevista unha xincana fotográfica nocturna. Para todas as actividades é necesario inscribirse, xa que as prazas son limitadas e existe bastante demanda.
Ames, concello saudable
Pola súa parte, o departamento de Benestar Social programa, coa chegada do bo tempo, unha serie de actividades que potencian os hábitos saudables no tempo de lecer. Comezará o próximo sábado 29 e domingo 1 de marzo, cun curso de iniciación en marcha nórdica en Bertamiráns e en Milladoiro.
Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, o sábado 7 de marzo terá lugar unha carreira-andaina de obstáculos Día da Muller destinada a todas as idades, e o domingo 8, unha ruta rosaliana da cal se elaborará un programa específico. Xa na segunda quincena do mes de marzo, elaborarase un curso de consolidación da marcha nórdica.
O descubrimento do Camiño Santiago-Fisterra realizarase durante os meses de abril e maio. Así, o sábado 18 de abril realizarase a primeira etapa deste camiño e a sábado 16 de maio, a segunda. É unha actividade destinada a maiores de 12 anos.
Para máis información sobre cada unha das actividades, os seus horarios ou como inscribirse en cada unha delas, ao pé desta nova podes descargar a programación completa.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Marzo va a arrancar en Ames con talleres de plantas medicinales y nuevo libro de Conde"
Compostela 24 horas: "A programación de primavera do Concello de Ames inclúe máis de 60 actividades"