Pestanas principais

A programación infantil con Apego encherá os vindeiros meses de música, contos, teatro e diversos obradoiros

Xoves, 31 de xaneiro de 2019

[31-01-2019] O Concello de Ames acaba de presentar a programación infantil con Apego para os vindeiros catro meses, cunha vintena de iniciativas que se desenvolverán ao longo de febreiro, marzo, abril e maio. O próximo venres, 8 de febreiro, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá a primeira das actividades, o concerto A fiestra dos Soños. A cargo do grupo Trotaventos, a función comezará ás 18.00h e dirixirase a un público familiar. As entradas para a obra xa se poden retirar na Billeteira electrónica, a través da páxina web do Concello de Ames. O custo das entradas é de 4 euros en tarifa xeral, con descontos do 50% para maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné.


O Servizo de Normalización Lingüística de Ames presenta a programación con Apego para os vindeiros meses de febreiro, marzo, abril e maio. Dirixido a un público familiar, con especial incidencia nas familias con crianzas de 0 a 6 anos, o programa ten como un dos obxectivos transversais contribuír á socialización en galego da infancia. Así, o programa acolle o desenvolvemento de diferentes actividades, cuxa organización corresponde aos diferentes departamentos municipais que traballan conxuntamente para a súa elaboración, como é o caso do propio departamento de Normalización, Cultura e Educación.

Febreiro con Apego: teatro, contos e arrolos
A programación estrease o venres, 8 de febreiro, coa peza A fiestra dos soños do grupo Trotaventos na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 18.00h. O espectáculo consistirá nun concerto para soñadores/as no que, a través dunha fiestra musical, os espectadores poderán asomarse a un mundo máxico formado por ritmos variados e actuais con raíces en diversas músicas populares.

Por outra banda, o venres 15, ás 18.00h, o Mago de Oz aterrará na Casa da Cultura do Milladoiro. Avento Producións Teatrais trae a Ames este musical familiar con cancións, bailes e aventuras para toda a familia. As entradas para ambas producións xa están dispoñibles na Billeteira electrónica. O 10% das entradas reservarase para vender, de xeito presencial, dende unha hora antes do espectáculo.

A Casa da Cultura acollerá o venres 22 Entre arrolos e contiños, un espazo no que Bea Campos, de Migallas Teatro, ofrecerá cantos e contos de tradición oral con música en directo para os/as máis cativos/as. Realizaranse dúas sesións, a primeira ás 17.00h e unha segunda ás 18.00h. Para participar, será necesario inscribirse do 12 ao 20 de febreiro.

Asemade, a programación tamén inclúe as sesións de Contacontos nas bibliotecas, dirixidas a nenas e nenos entre os 3 e os 8 anos. A primeira presentase baixo o título De quen será este ovo?, e celebrarase o mércores 13 de febreiro na biblioteca de Milladoiro e o xoves día 14 na de Bertamiráns. A segunda das sesións, que levará por nome A cantar e contar, realizarase o mércores 27 en Bertamiráns e o xoves 28 no Milladoiro. As sesións comezarán todas ás 17:30 horas.

Marzo con Apego: contacontos, foliada e teatro
O mes de marzo comezará cun espectáculo para bebés con música, narración oral e grandes doses de asombro, repetición e delicadeza. Todo elo conforma Arre Ru, un número de Vero Rilo e Sonsoles Penadique, que realizarán na Casa da Cultura de Bertamiráns o venres 1 de marzo, ás 18.00h. A función estará dirixida a familias con crianzas de ata 3 anos, e require inscrición previa.

Por outra banda, todos os mércores deste mes, en horario de 17.00 a 18.15h, terá lugar a iniciativa Fiando nós, ao abeiro da que se levarán a cabo catro sesións nas que os participantes compartirán risas, xogos, movemento, consciencia corporal, son... O obxectivo desta iniciativa será alcanzar un estado de calma e receptividade para mellorar a atención, a escoita corporal e a comunicación.

O mes de marzo contará novamente con duplas sesións de contos, tanto na biblioteca do Milladoiro como na de Bertamiráns. A primeira delas terá lugar o mércores 13 de marzo na biblioteca do Milladoiro baixo o título 1, 2, 3 sen mover as mans nin os pés, e ao día seguinte en Bertamiráns. O 27 de marzo os/as nenos/as que se acheguen á biblioteca de Bertamiráns poderán gozar do conto Non todo é o que parece, mentres que a narración no Milladoiro terá lugar o día 28. Estas sesións tamén comezarán ás 17:30 horas.

Para o venres 15 está programada a sesión A voar. Un conto para soñar con música para brincar, de Cé Orquestra Pantasma. A través da historia que cambiou a vida de Xoana, na que a música e o baile terán un importante papel, buscarase axudar ás crianzas a reivindicar a confianza necesaria para satisfacer as necesidades de liberdade, movemento e xogo libre. A función comezará as 18.00h na Casa da Cultura do Milladoiro. O venres 29, por outra banda, Elefante Elegante chegará á Casa da Cultura de Bertamiráns coa peza infantil Patapatum, apoiada no concepto de teatro visual só acompañada por unha banda sonora inspirada na música dixieland. Esta peza propón unha reflexión sobre o tempo, a crianza e os baleiros que supoñen as ausencias dos proxenitores.

Durante este mes tamén se realizará unha Foliada con Apego, que terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns o venres 22 a partir das 18.00 horas. Esta actividade buscará construír unha espazo de socialización en galego onde poder compartir, cantar, bailar e aprender cancións galegas. O evento contará coa participación de Pablo Díaz e Olga Kirk.


Abril con Apego: Monicreques, arrolos e obradoiros
A programación continuará en abril co espectáculo de gran formato Arlequina, que combinará o traballo de actor coa pantomima, monicreques, música en directo e maxia. Esta aventura trepidante de Arlequina por atopar a súa identidade terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro o venres 5, a partir das 18.00h.

No tocante ás sesións de contacontos, estas comezarán con Todo é normal, un conto sobre o valor da diversidade, que se realizará o mércores 10 na biblioteca do Milladoiro e o xoves 11 en Bertamiráns. Esta última biblioteca tamén acollerá o luns 22 O lobo con botas, unha aventura dos Biosbardos, e o 24 o contaconto 1, 2, 3 empeza o contiño; que ao día seguinte, xoves 25, tamén terá lugar no Milladoiro.

En abril tamén se realizarán dous obradoiros de distinta temática. Por unha banda, o taller gastroliterario Cociñando con Bolboretas no bandullo, destinado a familias con crianzas a partir de 3 anos, no que a cociña se converterá nun espazo máxico de creación e traballo colaborativo entre maiores e cativos/as. Esta actividade, levada a cabo no Pazo da Peregrina o xoves 11, contará con dúas sesións destinadas a unha vintena de familias cada unha. A primeira será ás 17.00h e a seguinte ás 18.00h.

Por outra banda, a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá o venres 26 outras dúas sesións, ás 17.00 e ás 18.00h, do obradoiro Arrolos de Salitre. Este taller de cantos de berce, conducido por Faia Díaz e Guillerme Fernández, estará dirixido futuros pais/nais e familias con pequenas/os de 0 a 3 anos que queiran aprender nanas e cantos para arrolar e transmitirlles sensacións aos pequenos/as.

Maio con Apego: Contacontos e Foliadas
A programación do Apego para o mes das letras comezará e rematará tamén con contos nas bibliotecas municipais do concello. O mércores 8 no Milladoiro e o xoves 9 en Bertamiráns desenvolveranse as sesións sobre a “operación pañal” Corre, corre que non chegas! Asemade, o punto e final á programación porao o conto Cando comer dá medo, que terá lugar o mércores 22 en Bertamiráns e o xoves 23 no Milladoiro.

En maio tamén se celebrará unha nova Foliada con Apego, na que participarán Pablo Díaz e Olga Kirk. O encontro producirase no Pazo da Peregrina o venres 10, a partir das 18.00h, e nel o público familiar poderá coñecerse, compartir, cantar e bailar ao tempo que aprenderá unha chea de cantos galegos.

Información e inscrición das familias no programa Apego
O programa Apego é un proxecto colectivo que busca acompañar, dar apoio ás familias e poñer en valor a transmisión da lingua galega ás crianzas durante os seus primeiros anos de vida, nomeadamente dos 0 aos 6 anos. Con estes obxectivos ofrécese información, recursos e actividades variadas tanto para familias, coma para os nenos e nenas, educadoras e educadores... O proxecto pretende, ademais, que as crianzas se socialicen en galego e reforzar nelas a identidade coa familia e coas raíces a través de diferentes recursos lúdicos, formativos e informativos. En Ames, o programa do Apego conta xa con máis de 100 familias adheridas.

Así, as familias que estean agardando un bebé ou que teñan crianzas de 0 a 6 anos poden dirixirse ao Servizo de Normalización Lingüística municipal para inscribirse e recibir información de actividades e recursos que faciliten a socialización en galego da infancia. Ademais, se o neno ou nena ten menos dun ano, recibirán unha caixiña de benvida con recursos útiles para a crianza. Pode solicitarse unha cita a través do teléfono 662 377 215. Para ampliar información sobre o programa pode consultarse a páxina web www.apego.gal.

Asemade, para participar nalgunha das actividades recollidas no programa é necesaria inscrición previa, enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal. Pode consultar os prazos de inscrición premendo no enlace dispoñible baixo a pestana de descargas desta nova.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames e Apego traen para os nenos unha vintena de proxectos"