Pestanas principais

A programación infantil con Apego recolle preto de 20 actividades para os meses de marzo, abril e maio

Venres, 03 de marzo de 2017

[03-03-2017] O Concello de Ames vén de publicar a variada programación infantil, que está organizada polos diferentes departamentos municipais, para os vindeiros meses (marzo, abril e maio). Por segunda vez editouse un folleto informativo que recolle toda a programación infantil (teatro, espectáculos musicais, actividades ambientais, contacontos, obradoiros, foliadas, etc.). Esta programación comeza este venres, 3 de marzo, co obradoiro de cantos, contos, xogos e arrolos Palma, Repalma, que imparte a compañía Pavís Pavós.

Obradoiros ambientais
Dende a Aula da Natureza continuan co programa A horta divertida. Esta actividade desenvolverase os días 18 de marzo, 29 de abril e 6 de maio, en horario de 11:30 a 13:00 horas nas hortas urbanas de Bertamiráns. A través destas xornadas os nenos e nenas de 3 a 6 anos achegaranse ao mundo da horta. Nas diferentes sesións mensuais, interactuarán coa terra, coas plantas e cos seus bechos, cos alimentos, coas flores e os seus olores... sempre seguindo o ciclo natural da horta e potenciando o gusto polo traballo en grupo. Así fomentarase o coidado do medio e os hábitos nutricionais sans. Para esta actividade ofértanse 20 prazas. Para inscribirse hai que chamar ao teléfono 660 004 665 ou enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal

Foliada con apego
O venres, 7 de abril, vai haber unha Foliado con Apego. Será ás 17:30 horas no Pazo da Peregrina. A través desta actividade trátase de organizar un encontro no que as familias amesás se coñezan, compartan, canten, bailen, aprendan cancións galegas, merenden e, sobre todo, o pasen ben. É a terceira foliada que se organiza dende aposta en marcha do programa Apego. Nas dúas edicións anteriores esta actividade tivo unha gran participación.

Para o sábado, 29 de abril, ás 11:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, vaise organizar un obradoiro de nanas para acolar. Esta actividade será impartida por Ugía Pedreira, impulsora de aCentral Folque e integrante de grupos como Marful ou Nordestinas. Tratase dun obradoiro para aprender transmitir a lingua ás crianzas co poder emocional das nanas, arrolos ou cantos de berce. Está dirixida a familias con nenos/as de 0 a 3 anos que estean agardando un bebé.

O venres, 19 de maio, ás 18:00 horas, chegarán á Casa da Cultura de Bertamiráns os Fíos do querer. Trátase dun espectáculo musical participativo coa Cé orquestra pantasma, para familias con nenos/as de 0 a 5 anos, tecido coas agullas máxicas do amor, da lingua, dos bicos, dos aloumiños e das primeiras experiencias compartidas e celebradas.

O mes de maio péchase cun obradoiro impartido por Itos Lorenzo, psocomotricista e psicóloga clínica, sobre a importancia dos procesos de maduración para nenos/as de 0 a 3 anos, que se desenvolverá o día 29, ás 18:00 horas, no Pazo da Peregrina. Trátase dunha charla coloquio de achegamento práctico aos procesos de maduración que se dan de 0 a 3 anos que asentarán a personalidade futura. Ademais falarase de como comunicarnos e acompañamos cunha mirada diferente ao corpo e á expresividade motriz. Para participar nestas catro últimas actividades hai que inscribirse, nos prazos establecidos, enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal

Dentro do programa Apego hai distintas actividades, cuxa organización corresponde a diferentes departamentos municipais que traballaron en conxunto para elaborar a progrmamación infantil. Este venres, 3 de marzo, a compañía Pavís Pavós trae ao concello de Ames o obradoiro de cantos, contos, xogos e arrolos Palma, Repalma. Esta actividade, que se desenvolverá na Casa da Cultura de Bertamiráns, está dirixida aos nenos e nenas de 0 a 4 anos acompañados de unha ou dúas persoas adultas. Haberá dúas sesións: unha ás 18:00 e outra ás 19:00 horas.

Por outra banda, o luns 6 de marzo comeza o obradoiro de contacontos para nais e pais Dunha vez había... da man de Fabaloba. Terá lugar no Pazo da Peregrina (Bertamiráns) todos os luns de marzo (os días 6, 13, 20 e 27), en horario de 17:00h a 19:00 horas. Serán 8 horas repartidas en tres sesións e unha festa final de contos. Esta actividade está dirixida ás familias e poderán acudir acompañadas de nenos/as de 0 a 6 anos. Trátase dun obradoiro práctico de contacontos para aprender a transmitirlles mellor as historias, as emocións e a lingua ás crianzas.

Dentro desta programación tamén se inclúen as sesións de contacontos que se desenvolverán ao longo dos meses de marzo, abril e maio nas bibliotecas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Bugallido e Augapesada. A entrada a estas actividades é libre e de balde, pero quen queira solicitar máis información respecto ás sesións de contos pode consultar a Axenda da web municipal. Todas as sesións de contacontos terán lugar ás 18:00 horas. Na páxina web municipal publicarase máis información sobre as actividades a medida que se achegue a súa data.

Espectáculos musicais e teatrais
O 17 de marzo chega a Ames Paco Nogueiras co seu espectáculo para todos os públicos (preferiblemente nenos/as de máis de 6 anos) Brinca Vai! 2.0. Neste caso representarase ás 18:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. Haberá unha sesión escolar pola mañá ás 12:30 horas. Unha semana despois representarase o espectáculo Sopa de sapo de Talía Teatro. Concretamente, porase en escena o día 24 de marzo, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Trátase dunha comedia dirixida a un público infantil (nenos e nenas 6 a 11anos). Para finais de marzo queda a obra de monicreques Baila, Roque, baila, da compañía Baobab Teatro, e que está dirixida a bebes dun ano en diante. Terá lugar o día 31, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.

O sábado 1 de abril, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns representarase o espectáculo A galiña azul, do programa FalaRedes da Xunta de Galicia, unha adaptación teatral feita por Ubu Teatro do conto de Carlos Casares, coa vontade de transmitir a importancia da defensa da lingua, das diferenzas e da liberdade de expresión, a través da narración oral, dos monicreques e do clown. A entrada para este espectáculo é gratuíta. A programación continúa o 21 de abril coa compañía Redrum Producións que traerá a Ames o espectáculo A nena que quería navegar. Este espectáculo musical desenvolverase na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 18:00 horas. Previamente, haberá unha sesión escolar ás 12:30 horas. Por último, o 5 de maio a Gramola Gominola porá en escena un espectáculo de rock infantil. Será ás 18:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro.

As entradas para as representacións que se levarán a cabo nos auditorios dos centros socioculturais do Milladoiro e de Bertamiráns adquiriranse a través da Billeteira electrónica do Concello. Tamén se poden mercar as entradas, de xeito anticipado e presencial, nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns. Ademais, resérvase o 10% das entradas para vender de xeito presencial unha hora antes do comezo do espectáculo.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Apego trae obradoiros ambientais, música, teatro e contacontos a Ames"