Pestanas principais

Protocolo social e tradicións do Nadal a debate no Milladoiro

Mércores, 08 de decembro de 2021

A empresa amesá Galicia Protocolo ofrece unha tarde de conversa e reflexión sobre o protocolo social no Nadal e a importancia das tradicións á hora de proxectar a nosa imaxe persoal. O evento terá lugar o martes, 14 de decembro, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, entre as 18:00 e as 19:00 horas. Para asistir ao encontro, con aforo limitado, cómpre inscribirse ata o 11 de decembro seguindo esta ligazón. Para máis información, pódese enviar un correo ao enderezo electrónico hola@galiciaprotocolo.gal.

Parte do equipo de profesionais de Galicia Protocolo, unha empresa de consultoría e organización de eventos con sede no Milladoiro, asistirá ao evento para falar e debater sobre o protocolo e como afecta ás festas de Nadal. Estas celebracións están cada ano marcadas polas tradicións e por eventos e rituais recorrentes, como as decoracións, as cenas, as felicitacións, a vestimenta ou os “brindis”.

A través dun formato no que primará a participación do público, tratarase de reflexionar sobre o impacto das tradicións non só na propia celebración do Nadal, senón que tamén na construción da nosa imaxe persoal, un proceso no que entran en xogo diferentes aspectos do protocolo social. Este conxunto de regras e conveccións axuda a que coincidan a imaxe que queremos proxectar de nós mesmos e a que realmente mostramos a través do noso comportamento.

Ao evento, pensado para todas as idades, asisten de forma presencial as expertas Carmen Vázquez González, Sonia Mira López e Margarita Murillo García. Pola súa banda, participarán telematicamente María Carmen Portugal Bueno e María Ángeles Sánchez Rodríguez.

Cartaz do evento