[20-10-2015] A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres, 23 de outubro, ás 18:30 horas, a proxección da película “Maimiño”, unha versión libre do conto de Polgariño que narra a historia dun pequeno campesiño que para sacar a súa familia da pobreza marchará da casa e verase inmerso nunha serie de aventuras. A película está dirixida a público infantil e recomendada para nenos e nenas de entre 4 e 11 anos. A entrada para ver “Maimiño” é de balde pero hai que recoller os convites a partir das 17:30 horas. Cada persoa poderá solicitar un máximo de 4 convites.
Maimiño está dirixida por Ernesto Padrón e producida pola empresa radicada en Ames Ficción Producións, en colaboración cos Estudios de Animación do Instituto Cubano del Arte e Industria Cinematográficos de La Habana (ICAIC). Os actores galegos María Castro, Xosé Antonio Touriñán, Marcos Pereiro, Carlos Blanco, Tacho González, Luís Iglesia, Monti Castiñeiras, Javier Rey, María Pujalte e Antonio Mourelos, entre outros, foron os encargados de poñer as voces aos personaxes da historia.
A película está baseada no libro de contos de Polgariño do escritor cubano José Martí. A historia agocha a mensaxe de que a sabedoría pode máis que a forza e exalta os valores do amor, a amizade e a xustiza. A película pasou pola carteleira de Cuba o ano pasado e converteuse na película con maior recadación na historia da illa. O filme conta coa participación de TVG, Agadic, TVE e Ibermedia e está acadando un grande éxito nas carteleiras de países como Estados Unidos, Canadá, Turquía, Corea, Francia o Alemaña.
Dirixida ao público infantil e recomendada para nenos e nenas de entre 4 e 11 anos, Maimiño proxéctase esta venres, 23 de outubro, ás 18:30 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. A entrada é gratuíta, porén hai que recoller os convites a partir das 17:30 horas. Entregaranse un máximo de catro entradas por persoa.