Pestanas principais

Queda aprobado o orzamento de Ames para o exercicio 2012

Mércores, 17 de outubro de 2012

[17-10-2012] A corporación municipal de Ames aprobou a proposta do goberno municipal para resolver as alegacións presentadas ao orzamento de 2012. A proposta saíu adiante cos votos a favor dos once concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, mentres que os membros do grupo socialista e os concelleiros/as non adscritos de Ames Novo votaron en contra. O orzamento de 2012 aprobouse de xeito provisional o pasado 30 de agosto. Posteriormente, houbo un período de exposición pública durante o cal se presentaron cinco alegacións. Unha vez resoltas as devanditas alegacións o orzamento foi aprobado por maioría absoluta. Deste xeito, o presuposto de 2012, que prevé uns gastos de 23.063.225,82 millóns de euros e uns ingresos de 23.576.370 millóns, queda aprobado de xeito definitivo.

O Pleno atendeu a resolución das alegacións presentadas ao orzamento de 2012. O pasado 30 de agosto aprobouse de xeito inicial o proxecto do presuposto deseñado para este exercicio. Posteriormente abriuse un prazo para presentar as correspondentes alegacións. Durante o período de exposición pública presentáronse un total de cinco alegacións: dúas do grupo socialista, unha dun particular, outra do mesmo particular como tesoureiro da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro (AEMI) e outra asinada por diversas asociacións de veciños e forzas políticas que forman a Plataforma do Lixo.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, explicou no pleno, que se celebrou na mesma franxa horaria que as sesións extraordinarias anteriores co obxectivo de non prexudicar a xornada laboral, que “o goberno municipal ten como obxectivo aprobar o orzamento de 2012 de xeito definitivo para que Ames teña un presuposto co que poder dar cobertura a todos os gastos e para seguir avanzando e xestionado este concello. Estamos facendo un gran esforzo económico para seguir mantendo e mellorando moitos servizos como os relacionados cos servizos sociais, axuda no fogar, emerxencia social, os programas de conciliación, as axudas a colectivos sociais e empresariais, etc. En definitiva, trátase dun presuposto realista e adaptado á conxuntura económica actual”.

Os concelleiros da oposición expuxéronlle ao goberno municipal que as alegacións deberían resolverse de forma individual e non todas xuntas. Neste senso o rexedor municipal explicou que o documento que se sometía a votación xa tiña incorporado as alegacións resoltas que se presentaron durante o período correspondente a este efecto. Neste punto do pleno, interveu a secretaria municipal para recalcar que, seguindo o procedemento establecido, o que se aprobaba era o texto definitivo dos orzamentos, que xa tiña incorporado a resolución das alegacións.

Orzamento realista
O Concello de Ames elaborou un orzamento municipal para o ano 2012 realista e adaptado á actual conxuntura económica, no que se mantén o gasto social, xa que o Goberno é consciente da complicada situación que atravesan moitas familias amienses. O orzamento, que prevé uns gastos de 23.063.225,82 millóns de euros e uns ingresos de 23.576.370 millóns, foi aprobado definitivamente hoxe. Deste xeito, o presuposto inclúe un superávit de 513.144 euros, o que supón dar cumprimento ao previsto no Plan de Axuste e permitirá compensar o déficit derivado da xestión realizada anteriormente.

Na actual conxuntura económica, o Concello de Ames mantén a súa aposta por aqueles colectivos e sectores que máis dificultades están atravesando. Deste xeito, no orzamento inclúense partidas de preto de 386.000 euros para axudas de servizos sociais e promoción social. O Goberno amiense tamén presta un especial apoio ao emprego e ao tecido empresarial, xa que o orzamento prevé máis de 176.560 euros para actividades que incidan directamente no fomento do emprego e do comercio local. Nesta liña, destaca o apoio que se prestará ás asociacións de comerciantes do municipio, ás que se destinarán máis de 72.500 euros en subvencións.

Tamén se garante a continuidade das convocatorias de axudas, das que se beneficiarán, un ano máis, e entre outras, as familias numerosas, as ANPAS dos centros de ensino, os solicitantes de axudas para a compra de material escolar, entidades culturais e deportivas, o comercio local, a mocidade e os usuarios do transporte público.

Este orzamento permitirá seguir prestando servizos educativos e de carácter social como o da rede de comedores escolares cun custo menor para o Concello, grazas á introdución do concepto de progresividade que permite manter, mellorar e facer máis accesibles as medidas de conciliación nas que Ames é un exemplo. Ademais, o presuposto garante a posta en marcha da segunda fase da administración electrónica. O orzamento deseñado polo Concello tamén garante o mantemento de infraestruturas viarias no rural de Ames.

Investimentos
Nos orzamentos deseñados polo Concello de Ames destaca a partida de 2.740.547 millóns de euros destinados aos investimentos reais, que inclúen obras e inversións en todos os eidos da xestión municipal. O esforzo inversor céntrase no saneamento, abastecemento e distribución de augas, nos traballos de mellora en vías públicas e estradas, no fomento do emprego, na mellora de infraestruturas e no mantemento e mellora da rede de centros escolares.