Pestanas principais

Quedan prazas dispoñibles para a recepción dos Reis Magos, os días 4 e 5 de xaneiro

Luns, 03 de xaneiro de 2022

O Concello de Ames recorda que aínda quedan prazas para acudir á recepción ás Súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar, este martes 4 e mércores 5 de xaneiro. Os Reis Magos estarán nos pavillóns polideportivos de Bertamiráns e do Milladoiro para que cada nena, neno ou persoa adulta poida visitalos respectando as medidas sanitarias. Para asistir, cada unidade familiar debe solicitar cita previa a través da sede electrónica do Concello. Ademais, os Reis decidiron enviar ás rapazas e rapaces que estean confinados un pequeno agasallo, que poderán solicitar no enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal, aportando os seus datos persoais. Os Reis contarán coa colaboración da Protección Civil amesá para levar a cabo esta entrega.

Os horarios das Recepcións Reais do martes 4 e mércores 5, nos pavillóns do Milladoiro e Bertamiráns serán, polas mañás, de 11:30 a 14:00 horas, e polas tardes, de 16:30 a 20:00 horas. Cada cita que se solicite a través do trámite indicado na sede electrónica servirá para unha unidade familiar completa, que poderá asistir en conxunto á recepción dos Reis, respectando desta maneira ás burbullas familiares e facilitando o respecto da distancia de seguridade entre grupos de convivencia.

Agasallos para as nenas e nenos confinados, coa axuda da Protección Civil amesá

Para toda as nenas e nenos que pasen confinados estas xornadas previas á chegada dos Reis Magos e que non poida asistir ás recepcións, As Súas Maxestades decidiron enviarlles un pequeno agasallo aos seus domicilios. Para poder recibir este obsequio, as familias deben deixar os seus datos persoais, así como un teléfono e súa dirección completa no correo electrónico promocioneconomica@concellodeames.gal.

Os primeiros agasallos xa foron enviados ao longo da semana pasada por correo postal, para que chegan aos domicilios da rapazada os días 4 e 5 de xaneiro. Para axudar con esta tarefa aos Reis durante a súa semana de maior traballo do ano, a Agrupación de Protección Civil de Ames contribuirá a repartir directamente aos domicilios dos nenos e nenas os agasallos solicitados nestes días, para facilitar que cheguen antes do xoves 6, Día de Reis.

Como solicitar cita a través da sede electrónica

Para poder acudir á Recepción Real cómpre entrar na sede electrónica e premer en “Solicitar cita previa”. De seguido, cada unidade familiar debe seleccionar unha das dúas opcións ofertadas, “Reis Magos Bertamiráns” ou “Reis Magos O Milladoiro”. A continuación, deben marcar no calendario da dereita o día desexado, ben o martes 4 ou o mércores 5, para despois premer “Ver dispoñibilidade”. Aparecerán catro opcións, que deberán despregarse para consultar ocos libres nos diferentes horarios ofertados. Por último, hai que seleccionar o horario desexado, repartido en períodos de cinco minutos, e premer en "Reservar seleccionadas".

Como na edición anterior, tamén marcada pola situación epidemiolóxica, as rapazas e rapaces poderán fotografarse cos Reis Magos, falarlles ou mesmo entregarlles cartas e debuxos, mais sempre respectando esta distancia interpersoal de metro e medio. En cada espazo horario pasarán a ver aos Reis un máximo de catro unidades familiares, que se dirixirán por separado a cada unha das Súas Maxestades respectando as medidas sanitarias.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "La cita previa para ver a los Reyes Magos sustituye a las cabalgatas"

Quedan prazas dispoñibles para a recepción dos Reis Magos, os días 4 e 5 de xaneiro

Multimedia

  • Quedan prazas dispoñibles para a recepción dos Reis Magos, os días 4 e 5 de xaneiro
  • As nenas e nenos que estean confinadas recibirán un agasallo acompañado desta tarxeta