[23-03-2012] No pasado mes de decembro, o Concello de Ames puxo en marcha o programa de inserción laboral, InserAmes V. Este ano mantense o mesmo número de participantes respecto á edición anterior e a pesar de dispor dun orzamento menor para este programa un total de 100 persoas estanse beneficiando das accións de inserción laboral. En pouco máis de tres meses xa se conseguiron 13 insercións laborais. En decembro conseguíronse 5 insercións laborais, en xaneiro 4 e en febreiro outras 4. Ames é un dos pouco concellos da provincia que segue ofrecendo este programa que está cofinanciado pola Consellería de Traballo e Benestar a través das axudas para os programas integrados para o emprego. A quinta edición do programa InserAmes está destinada a mozos menores de 30 anos sen cualificación, a mulleres e a inmigrantes e inmigrantes retornados. Na edición anterior das 100 persoas que participaron neste programa, 34 conseguiron algún tipo de contrato.
O Concello de Ames está desenvolvendo nas instalacións do edificio de usos múltiples de Aldea Nova o programa de emprego InserAmes que acada xa a súa quinta edición. Este é un programa, que atende a 100 persoas desempregadas, contempla varias accións entre as que destacan completar a formación específica cunha titorización especializada e persoal, o apoio ao autoemprego, e a realización de prácticas non laborais, con estas accións a estratexia pretende mellorar o acceso ao mercado laboral dos participantes. Este programa de emprego é o único no que se esixe unha porcentaxe de inserción para recibir as achegas da subvención da Xunta.
O concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, Bernardo Moar, explicou que "se está facendo un gran esforzo dende o Concello de Ames, que ten poucos recursos económicos e humanos, para facilitar a accesibilidade ao mercado laboral das persoas que non teñen emprego". Moar recalcou que "a quinta edición do InserAmes está obtendo un bo número de insercións laborais". "Ata o de agora conseguíronse 13 insercións pero imos intentar acadar o maior número de insercións posible. As medidas de apoio para solventar o problema de desemprego son unha prioridade para este goberno" explica o concelleiro de promoción económica, Bernardo Moar.
Actualmente estanse impartindo o curso de educación infantil: desenvolvemento socio-afectivo e intervención con familias. Este curso comezou o pasado martes 20 de marzo e consta dun total de 120 horas lectivas. O curso impártese en dúas modalidades (presencial e a distancia) e dispón de recoñecemento sanitario. Ademais, o vindeiro mércores 28 de marzo vaise impartir un curso para a obtención do carné de manipulador de alimentos. A formación transversal e especializada impártese nas aulas do edificio de Servizos Múltiples de Aldea Nova.
Anteriormente impartíronse outros catro cursos formativos. Estas accións formativas foron o curso de carreta elevadora Dumper que constou de 20 horas lectivas; o curso de habilidades sociais e resolución de conflitos que dispuxo de 30 horas; o curso de iniciación á enfermidade de alzheimer, para coidar a persoas con esta enfermidade, e que constou de 95 horas teóricas e 125 horas prácticas en empresas e un curso de rehabilitación enerxética de edificios. Ademais, da formación teórica o alumnado realizou as correspondentes prácticas en empresas. As accións formativas intercálanse coas sesións de titoría correspondente aos itinerarios personalizados.
A través do InserAmes lógrase mellorar a empregabilidade dos participantes e aumentar as súas opcións de acceder a un posto de traballo. O obxectivo deste programa é a inserción laboral de polo menos o 35 % dos participantes naqueles eidos de maior índice de paro da nosa comarca. Os sectores básicos nos que incide este programa de emprego, e que son os que aínda rexistran demanda de emprego, son as enerxías renovables e a eficiencia enerxética e o coidado a dependentes. Aínda así, os titores atenden as particularidades de cada caso e son moitos os ámbitos nos que fan asesoramento.