[22-05-2011] Co obxectivo de compartir coa cidadanía de Ames os resultados e análise da xornada electoral do domingo 22 de maio, a Radio Municipal emitirá un programa especial desde as 20:00 h. da tarde, hora na que se pechan os colexios. O equipo de Ames Radio – Nazaret López, Iván Pereira, Mar Toledo e Montse Fajardo- realizará conexións en directo cos colexios electorais, coas sedes dos partidos e co centro de datos do Concello para comunicar os resultados a medida que se vaian coñecendo. Ademais no programa participarán Maximino Viaño e Filomena Fraga, padriño e madriña da emisora municipal, e os xornalistas Manel Pardo, Xerardo Rodríguez e Manolo Barreiro, todos eles veciños de Ames.
Máis de 21.000 persoas están chamadas ás urnas en Ames nas eleccións municipais de 2011. Este ano haberá tres mesas electorais máis debido ao aumento do censo que se produciu en Ames durante os últimos catro anos. Deste xeito serán 36 as mesas que haberá no municipio amiense o día 22 de maio. O Milladoiro será o núcleo que contará cun maior número de mesas electorais ao ser a localidade con maior número de poboación con dereito a voto. Deste xeito, Milladoiro conta con 8.412 electores e 12 mesas electorais, mentres que Bertamiráns dispón de 9 mesas electorais e 5.627 electores.
A estas eleccións están chamados un total de 21.510 electores (21.402 españois e 108 estranxeiros con dereito a voto), 2.953 máis que nas eleccións de hai catro anos xa que naquel momento puideron exercer o seu dereito de voto 18.557 electores.
Comezando polo noroeste do concello, aos veciños e veciñas censados en Agrón correspóndelles votar no teleclub do campo da igrexa desta parroquia. Todo Lens e todo Trasmonte comparten como colexio electoral a antiga escola de Trasmonte. A xente de Piñeiro acudirá votar tamén á antiga escola unitaria desta parroquia.
No caso de Ames os recintos divídense dependendo dos lugares de residencia dos votantes. Así, os electores e electoras de Oca, Seares de Abaixo, Seares de Arriba e de Tapia, terán que acudir ao local social de Tapia, situado en Frenza. A xente de Barouta, Carreira, Cruxeiras, Lamas, Outeiro, Quintáns e Pedrouzos-Vilar votarán na escola de Cruxeiras. Por último, as persoas censadas en Augapesada, Castiñeiro de Lobo, Proupín, Castelo, Pousada, Pegariños, Padrón e Pedras teñen asignado o colexio electoral do teleclub de Augapesada.
Da outra banda da estrada toda a xente de Covas terá que achegarse á urna da escola infantil para depositar o seu voto. Os electores de Ameixenda votarán no teleclub da parroquia. Se nos trasladamos a Bugallido, atopamos que os electores de Barreiro, As Buceleiras, Eirapedriña, Framán, Guimaráns, O Instrumento, Mourigade, O Outeiro e Quistiláns teñen asignado como lugar para votar o local social de Guimaráns. Os de Firmistáns e Tarrío votarán na antiga escola de Firmistáns.
En Ortoño atopamos tres grandes áreas con distintos destinos á hora de votar. A xente de Bertamiráns -incluídos os lugares do Casaliño, O Pedregal, Castrigo, Cantalarrana, Carballido e A Condomiña- votará ao completo na Casa da Cultura, situada na praza de Chavián. A urbanización Aldea Nova ten asignado o local social. Os arredores de Bertamiráns -A Igrexa, As Cortes, O Instrumento, Lapido, Maguxe, Ortoñiño, As Punxeiras Altas, A Tarroeira, Sisalde e O Santo- votarán na escola infantil da Tarroeira.
Esta división urbano-periurbano tamén se lle aplica á parroquia de Biduído, na que se asenta o núcleo do Milladoiro. Todos os censados deste lugar terán que depositar o voto na mesa que lles corresponda do pavillón polideportivo municipal da Travesía do Porto. Ventín, Coira, Fraíz, A Moniña e O Paramuíño teñen asignado o colexio de Ventín. Biduído de Abaixo, Biduído de Arriba, Casanova, Costoia, Framil, A Agrela, A Igrexa, Raíces, As Mimosas e Millalar terán que votar na antiga escola de Biduído de abaixo.