Pestanas principais

Rafa Vilar e o poemario “O sal dos días” protagonizan a terceira presentación de maio das bibliotecas de Ames

Luns, 16 de maio de 2022

As bibliotecas amesás celebran este xoves 19 a última das tres presentacións de libros que organizan en maio co gallo do Día das Letras Galegas. Trátase do poemario “O sal dos días”, do escritor Rafa Vilar, obra gañadora do Premio Rosalía de Castro de Poesía 2021. Será a partir das 20:00 horas, no Pazo da Peregrina en Bertamiráns. O autor estará acompañado do profesor e escritor Manuel Lorenzo Baleirón, nun acto presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González. A presentación terá entrada libre ata completar aforo.

Continúan as actividades das bibliotecas de Ames polo mes das letras coa terceira presentación do mes, despois de que Daniel Pino e Henrique Monteagudo conduciran dous actos sobre as súas respectivas obras a comezos de mes, “As casualidades necesarias” e “O idioma galego baixo o franquismo”.

“O sal dos días” foi o poemario seleccionado polo Concello de Padrón como gañador da sétima edición do Certame poético Rosalía de Castro, no pasado mes de maio de 2021. O traballo, recoñecido polo xurado pola súa estrutura e coherencia temática, foi o primeiro dos dous poemarios polos que Vilar recibiu un galardón o pasado ano. En decembro, a súa obra “Furtivas” levou tamén o X Certame de poesía Xosé Manuel López Ardeiro, organizado polo Concello de Negreira.

Rafa Vilar (Cee, 1968) é un escritor galego cunha extensa obra no eido da poesía, con máis dunha ducia de títulos publicados dende os anos 90. Algúns dos galardóns cos que foi recoñecido foron o Premio Fermín Bouza Rey 1992 por “Liques da memoria”, o Eusebio Lorenzo Baleirón 2006, por “Escoración dos días”, o Cidade de Ourense 2008, por “Migracións”, ou o Premio Arume de poesía para nenas e nenos 2011 por “Patente de corso (pequeno dicionario pirata)”. No ano 2021, levou o Premio Rosalía de Castro de Poesía, por “O sal dos días” e gañou o X Certame de Poesía Xosé Manuel López Ardeiro, con “Furtivas”.

No encontro literario acompañará ao autor o profesor e escritor Manuel Lorenzo Baleirón, nun acto que estará presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González.

Rafa Vilar e o poemario “O sal dos días” protagonizan a terceira presentación de maio das bibliotecas de Ames

Multimedia

  • Rafa Vilar e o poemario “O sal dos días” protagonizan a terceira presentación de maio das bibliotecas de Ames