Pestanas principais

Ramón Argibay presenta a súa renuncia como concelleiro no pleno ordinario de setembro

Venres, 01 de outubro de 2021

Ames contará cun Consello Sectorial de Nenos e Nenas despois de que se aprobase por unanimidade a proposta da súa creación no pleno ordinario do mes de setembro, celebrado onte na Casa do Concello. Tamén por unanimidade saíu adiante a ampliación por 18 meses máis da concesión do contrato ao Centro Social A Telleira, como compensación aos meses de inactividade económica provocada pola COVID19. A concesión da titularidade pública dun camiño do lugar de Oca, na parroquia de Ames, e a inclusión no Plan Único de Concellos- Adicional 2/2021, de varias obras, entre elas un camiño de Barouta, foron tamén aprobadas polo pleno da corporación. Na mesma sesión fíxose efectiva a renuncia á acta de concelleiro do portavoz do Partido Popular, Ramón Argibay.  O pleno, que se desenvolveu de xeito mixto, co alcalde e os portavoces dos grupos presentes no Salón de Plenos do Concello e o resto dos concelleiros/as a través da rede, retransmitiuse por streamig e foi seguido por ao redor de trinta persoas.

Os catro asuntos que compuñan a orde do día da sesión plenaria do mes de setembro en Ames resolvéronse en menos de media hora. Por unanimidade, e sen apenas debate, aprobouse a creación do Consello Sectorial dos Nenos e das Nenas no que participará o alumnado de 1º a 6º de Primaria e que contará cun asesor/as permanente en representación de UNICEF. Tamén por acordo unánime decidiuse o restablecemento do equilibrio económico do contrato de concesión do Centro Municipal de A Telleira coa ampliación da concesión por 18 meses, declarouse de titularidade pública un camiño da aldea de Oca e incluíronse na 2ª Fase do Plan Provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia Municipal (Plan Único de Concellos) Adicional 2/2021 da Deputación de A Coruña, varios investimentos, entre eles un camiño de Barouta.

Renuncia de Ramón Argibay
Máis tempo ocupou a emotiva despedida que os membros da corporación lle fixeron ao portavoz do Partido Popular, Ramón Argibai, que na mesma mañá do pleno presentara unha moción anunciando a súa renuncia como concelleiro. Todos/as compañeiros/as de corporación gabaron as cualidades políticas e persoais do edil que é membro da corporación de Ames, na que desempeñou labores de oposición e cargos de goberno, desde hai 14 anos.
Ramón Argibay fundamentou a súa renuncia en cuestións persoais: “Por cuestións profesionais e persoais non podo agora dedicarlle todo o tempo que querería as miñas funcións de concelleiro e o máis honrado e deixar sitio á xente máis nova”, dixo antes de agradecer a oportunidade de ter formado parte da corporación “deste concello marabilloso”.

O actual alcalde de Ames, Blas García, gabou o traballo en sintonía que fixeron desde o mesmo día do seu nomeamento como alcalde e agradeceu a Argibay todo o que lle facilitou o traballo: “Durante os seis meses que levo de alcalde fomos capaces de antepoñer os intereses veciñais e de desenvolver plenos con tranquilidade, sacando puntos adiante por riba das nosas ideoloxías”.

Ramón Oulego de Ciudadanos Ames, dixo que, salvando as diferenzas políticas, “teño que recoñecer non se pode negar a túa implicación e o teu traballo pola corporación, cuestón que non é fácil no caso como o teu de ter que compaxinar traballo e política”: Vaticinou Oulego que “estou seguro que en calquera cousa que emprendas terás éxito se aplicas o compromiso amosado no teu traballo na corporación”.  

Quique Costas de Ames Novo valorou a actitude de servizo do portavoz do PP “Teño claro que fuches un servidor de Ames, unha persoa que nunca escatimou esforzo no seu traballo a prol do Concello”. “Contigo vaise unha persoa que coñece moi ben o concello, tanto por dentro como por fora e esas cousas sempre nos deixan a todos un pouquiño máis pobres”

Gemma Otero, de Contigo Podemos, desexou a Ramón Argibay que “desfrutes de todo o que neste tempo de servir á veciñanza non puideches e lembrou que “independentemente das posicións políticas contrapostas sempre estivo presente o respecto e a concordia por riba das disputas que entran dentro da normalidade dun pleno”.  

Pola súa banda, o portavoz do BNG, David Santomil, despediu ao “compañeiro e ao veciño” e cualificou a Argibay como “unha persoas coa que se pode falar de política, o que é moi de agradecer” e da que dixo aprendera moito “desa  experiencia, da calidade dos debates e das confrontacións abordadas sempre desde o respecto”.
A portavoz do PSOE de Ames, Luísa Feijóo, resaltou o traballo, o compromiso e altura política de Ramón Argibay do que tamén dixo: “todos tivemos a oportunidade de aprender”.

Por último, Oliva Agra, a edil do PP, compañeira de Ames, despediu ao compañeiro con bágoas nos ollos “No 2017, o secretario provincial me dixo que tiña que telo contento e contento me tivo el a min poque aprendín un montón ao seu carón e estou moi orgullosa de todo o que conseguimos xuntos a pesares do difícil que foi o camiño para os dous”.

O pleno retransmitiuse en streaming e foi seguido por ao redor de 30 persoas.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: El pleno de Ames avala ampliar el contrato de la piscina por el impacto del covid

El Correo Gallego: Gaban a bagaxe política de Argibay nestes 14 anos

 

Pleno

Multimedia

  • Pleno
  • Pleno