Pestanas principais

Raquel Queizás estará mañá en Bertamiráns co espectáculo de narración oral "Arredor de Xela"

Luns, 24 de maio de 2021

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá mañá, 25 de maio, ás 17.30 horas, o espectáculo de narración oral “Arredor de Xela”, de   Raquel Queizás. A actividade está dirixida a un público familiar con nenos e nenas maiores de 5 anos. Os convites, que son de balde, pódense adquirir na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

O Concello de Ames programou, para celebrar o mes das Letras Galegas, unha ampla programación de actividades durante este mes de maio. A través de dita programación preténdese por en valor e dar a coñecer a Xela Arias, a autora a quen se lle adicou este ano o Día das Letras Galegas.

“Arredor de Xela Arias” é un dos espectáculos incluídos na programación das Letras Galegas do Concello de Ames. A obra, de Raquel Queizás, trata de como nos anos 80 do século pasado, unha moza, ademais de escoitar rock, abría novos camiños, a través da súa poesía, na nosa literatura. Xela Arias foi unha muller valente, feminista, activista e comprometida co galego desde a súa nenez. De cativa falaba galego e quería aprender máis linguas.

Con esta actividade, os máis pequenos e pequenas poderán coñecer, dun xeito entretido e adaptado, a vida e obra da autora. Para asistir é preciso adquirir convite, que son de balde, na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

Presentacións
Por outra banda, o mércores 26 de maio, está prevista a presenza de Suso de Toro en Ames para presentar “Un señor elegante”, a súa última novela.

Exposicións sobre Xela Arias
A exposición urbana “Xela Arias, desde nós en ti” estará exposta ata o 31 de maio. Trátase dunha intervención nos escaparates de distintos establecementos de Bertamiráns e do Milladoiro, que amosarán carteis, elaborados polo alumnado do IES de Bertamiráns, nos que se que recollen aspectos da vida, a obra e a época na que viviu a poeta sarriá. Outros traballos realizados tamén por alumnos e alumnas do mesmo instituto acadaron o 1º Premio no Concurso-exposición “Letras 2021”, da Xunta de Galicia, e poderán verse na Casa de Cultura de Bertamiráns do 16 ao 31 de maio.

Obradoiro
O sábado, 29 de maio, ás 11:30 horas, na Biblioteca de Bertamiráns, terá lugar outro obradoiro “Creacontos, obradoiro de creación literaria”, a cargo de Andamiaxe. O prazo para inscribirse está aberto ata o 27 de maio.

Concerto
Un concerto da Banda da Loba, que presentará “A fábrica de luz. Homenaxe a Xela Arias”, pechará, o día 27 de maio, ás 21.00 horas, na praza de Chavián, en Bertamiráns, as actividades do mes das letras en Ames.

Novas relacionadas:

Revista Ames Go: "<Non hai moita xente coma Xela Arias>"

"Arredor de Xela"

Multimedia

  • "Arredor de Xela"