- Tematica
O Concello de Ames realizoulle este martes, 22 de decembro, un acto de homenaxe a dúas traballadoras, Belén Santiago Campaña do departamento de Servizos sociais e Benestar social e Mónica Becerra Gómez de Oficinas xerais, que cumpriron 25 anos de servizo. Tamén se homenaxeou a José Pico, traballador da Brigada municipal de obras, que se xubilou este ano 2020. Entregóuselle un pequeno agasallo en agradecemento á labor desenvolvida durante tantos anos no Concello de Ames.
Este ano este acto celebrouse no salón de plenos do Concello de Ames. Debido ás restricións pola Covid-19 no se puido celebrar o acto do brinde de Nadal con todo o persoal do Concello. Aínda así quíxose homenaxear ás/aos traballadores municipais que neste 2020 cumpren 25 anos de servizo e aos que se xubilaron ao longo deste ano.
En dito acto participou o alcalde de Ames, Jose Miñones, o concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, os/as voceiros/as dos diferentes grupos políticos municipais e un/unha representante de cada sindicato que ten representación no Comité de Empresa e na Xunta de Persoal do Concello de Ames (UGT, CIG, CCOO e CSIF).
Este acto serviu para homenaxear a Belén Santiago Campaña, do departamento de Servizos sociais e Benestar social, e a Mónica Becerra Gómez, de Oficinas xerais do Milladoiro, que comezaron a traballar no Concello de Ames no ano 1995. Deste xeito, este ano 2020 cumpren 25 anos de servizo no Concello.
Ademais, homenaxeouse a José Pico, traballador da Brigada municipal de obras, que se xubilou este ano 2020. Jose Pico comezou a traballar no Concello de Ames no ano 1998, polo que este ano cumpriu 22 anos se servizo antes de xubilarse.
Mónica, Belén e Pico estiveron durante moitos anos desenvolvendo o seu día a día no Concello de Ames, e ademais en tres departamentos dos máis importantes polo contacto directo cos veciños e veciñas: Atención cidadá, Servizos Sociais e Obras.