Pestanas principais

Récord de participación na carreira pedestre popular de Ames cun total de 1.753 atletas inscritos

Venres, 21 de outubro de 2016

[21-10-2016] A carreira pedestre popular Concello de Ames, que se organiza de xeito conxunto co campionato de Galicia de 10 quilómetros en ruta, bate o seu récord de inscritos alcanzando a cifra de 1.753 atletas. A Policía Local organizou un operativo especial para manter a seguridade de corredores e espectadores no que participarán 11 axentes. Ademais, colaboran membros da Garda Civil de Tráfico, protección civil e voluntarios. Deste xeito, un operativo de mais de 20 persoas velará polo bo desenvolvemento desta proba deportiva, que se celebra este domingo, 23 de outubro, a partir das 11:00 horas, na localidade de Bertamiráns. O percorrido irá dende os 200 metros ata os 10 quilómetros e haberá un total de 11 categorías.

O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizan este domingo, 23 de outubro, a décimo sétima edición da carreira pedestre popular que será a súa vez campionato de Galicia das categorías júnior, promesa, absoluta e de veteranos de 10 km en ruta da tempada 2015/2016. Este ano esta proba presenta varias novidades. A primeira e máis importante é que esta proba deportiva organízase de xeito conxunto co campionato galego de 10 quilómetros en ruta que se desenvolve por primeira en vez no municipio amesán.

A segunda novidade é que este ano a saída e meta estarán instaladas na rúa Alcalde Lorenzo ao carón da praza do Concello. Esta modificación está motivada pola adaptación do circuíto de 10 km para que fose homologado pola Real Federación Española de Atletismo. Polo tanto, a terceira novidade, é que se creou un novo o circuíto para poder acoller este campionato galego, que se caracteriza por dispor dun trazado moi chan e que combina natureza polo rural e zonas urbanas.

O alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, destaca que “dende o ano 2005, momento dende o cal se ten unha estadística real de participación, foise incrementado o número de inscritos ata alcanzar a cifra récord deste ano. Nos cinco últimos anos houbo unha participación por encima dos 1.000 atletas e se temos en conta a participación do ano 2005, que foi de 769 persoas, xa se duplica en moito o número de inscritos. A consolidación desta carreira no calendario, xunto coa calidade e atractivo do circuíto, levan a que Ames sexa un referente nas probas de running que se celebran en Galicia, motivo polo que a Federación Galega de Atletismo elixiu o noso concello para o campionato galego dos 10Km neste ano 2016”.

Un ano máis destacan as inscricións realizadas nas categorías escolares con 900 rapaces e rapazas. Ames é un dos concellos galegos con maior participación a nivel escolar na carreira pedestre popular que organiza. Máis do 50% das persoas inscritas nesta proba deportiva teñen menos de 18 anos tendo en conta as categorías escolares e maila proba absoluta. Ademais, hai 537 atletas inscritos só na proba absoluta, 232 inscritos no campionato galego e 84 deportistas que se inscribiron tanto na carreira popular como no campionato galego.

Horarios e distancias
Os corredores da proba absoluta e da categoría xuvenil tomarán a saída ás 11:00 horas da mañá dende a rúa Alcalde Lorenzo. Os dorsais retiraranse na secretaría da organización situada na Casa do Concello o día anterior á carreira (sábado, 22 de outubro) en horario das 17:00 ás 20:00 horas ou no mesmo día da carreira ata media hora antes da proba correspondente. Para non gardar colas recoméndase recoller o dorsal o día anterior no lugar establecido. Os participantes deberán ademais colocarse na zona de saída 10 minutos antes do comezo de cada proba.

Ás 12:30 horas está previsto que comecen as probas da categoría pitufo (nados no ano 2012 e posteriores), que correrán unha distancia de 200 metros. A esta seguiranlle os grupos prebenxamíns (350 metros), benxamíns e alevíns (1.000 metros), infantís e cadetes (2.000 metros), é dicir, todos os nacidos entre os anos 2001 e 2011. O circuíto das categorías escolares discorrerá pola rúa Alcalde Lorenzo, por un tramo do paseo fluvial de Bertamiráns e pola rúa Entrerríos, establecendo así unha nova ruta con maior presencia nas rúas de Ames. No tocante aos adultos, 853 corredores disputarán os primeiros postos da proba absoluta nun circuíto que combina zonas urbanas e verdes con 5.000 metros de distancia ao que haberá que dar dúas voltas.

Recibirán trofeos os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculinos e femininos e tamén os tres primeiros absolutos masculino e feminino. Na proba absoluta recibirán trofeo os/as tres primeiros/as clasificados/as locais empadroados/as no Concello de Ames. Haberá premios en metálico individuais para os cinco primeiros clasificados da proba popular que irán dende os 300 euros ata os 50 euros.

Cortes de tráfico e prohibicións de estacionamento
Con motivo da celebración de dita proba deportiva queda prohibido estacionar na rúa Alcalde Lorenzo o domingo 23 de outubro, dende as 8:00 horas ata as 15:00 horas. Ademais, de 10:00 a 14:00 horas, haberá cortes de tráfico na rúa Alcalde Lorenzo e na estrada provincial DP-0205 (no tramo que vai dende A Condomiña ata a rotonda do Agro do Muíño). Así mesmo, quedan afectadas todas as vías de acceso a ese tramo: Agro do Muíño, Sisalde, rúa Entrerríos, rúa Agrelo, rúa Xunqueira, A Condomiña e As Punxeiras. Debido a iso recoméndase evitar as vías mencionadas e acceder pola AG-56 ou AC-300 (Os Ánxeles-Picaraña) cara Padrón.