- Tematica
Tivo lugar a primeira reunión do curso 2023-24 da rede do IES do Milladoiro baixo o lema "Tecer rede para tecer comunidade". Na reunión presentouse o proxecto do novo equipo directivo, deuse conta da situación actual do centro, difundíronse as actividades que desenvolven os diferentes participantes e iniciáronse as liñas de traballo específicas a seguir, divididas en catro comisións centradas na inclusión; benestar; convivencia e seguridade; e prevención.
Trinta entidades e axentes que interveñen na localidade do Milladoiro participaron no encontro para coordinar actuacións, facilitar canles de comunicación e mellorar a convivencia, entre elas: Alcaldía, Concellaría de Educación e Mocidade, Concellería de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado, servizos sociais, bombeiros, Policía Local, Garda Civil, representantes das ANPA do IES do Milladoiro e o CEP de Ventín, Centro de Saúde, Inspección educativa e diversas asociacións: Asamblea de cooperación pola paz, Agareso, Areté, Secretariado Xitano e unha representante da UACO Raogal.
Esta xuntanza foi a primeira do curso escolar como toma de contacto. Está previsto que a medida que o ano escolar vaia transcorrendo se realicen máis para analizar a conveniencia das estratexias de convivencia e solucionar posibles incidencias puntuais que poidan ir xurdindo.
Que é a Rede do Milladoiro?
A rede do Milladoiro é unha iniciativa posta en marcha no curso 2015/2016 e constitúe unha mesa de traballo coas institucións implicadas na vida do IES do Milladoiro orientada a mellorar os resultados a partir do intercambio de experiencias e coordinación de actuacións coa finalidade de que os seus beneficios cheguen a toda a comunidade local.
Agás o paréntese representado pola pandemia da Covid-19, a través da rede desenvolvéronse numerosas actividades, entre outras, encontros entre o alumnado de diversas etapas e cursos, obradoiros interculturais, encontros cos sectores profesionais da zona, xornadas de orientación académica-laboral, conferencias, guías e programas de mellora de rendemento escolar.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "A Rede do IES do Milladoiro traza as liñas de traballo do novo curso"
Ames Go: "A Rede do Milladoiro pon en marcha o curso"