Pestanas principais

A Rede Municipalista Solidaria do Fondo Galego de Cooperación reúnese en Ames

Luns, 16 de novembro de 2015

[16-11-2015] Ames acolle este mércores, 18 de novembro, unha das seis xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade convocou para este semestre. O Concello, socio da entidade, será o anfitrión dun encontro que reúne ao persoal técnico das administracións socias para dar conta dos proxectos apoiados en países do Sur e amosarlles as actividades de sensibilización que poden incrementar ao longo do ano. A cita será ás 12:00 horas no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns.

Entre o 17 e o 24 de novembro desenvólvense estes foros nos concellos de Nigrán, Ames, Caldas de Reis, Cartelle, Monforte de Lemos e a Deputación da Coruña. A Rede Municipalista Solidaria está integrada polas técnicas e técnicos delegados do Fondo Galego de Cooperación en cada una das preto de cen administración locais e provinciais socias. Todas as reunións darán comezo ás 12:00 horas e cada quen escolle a cal acudir, en ocasións na compaña de representantes políticos municipais. Desta volta, as xuntanzas cobran especial relevancia porque son as primeiras que se celebran tras a elección da nova Comisión Executiva da entidade, que se renova logo de cada convocatoria de comicios locais.

Nos encontros, a Secretaría Técnica do Fondo Galego informará sobre o estado da asociación, dos proxectos que se executan en países empobrecidos de Latinoamérica, África ou Asia, e das actividades dispoñibles para os concellos e deputacións. Neste senso, prestarase especial atención ao Plan 2015, que reedita fórmulas de éxito como o programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo, os encontros dixitais #Alén2015, os contos da Tropa de Trapo, os ciclos de cine ou as exposicións. Ademais, farase especial fincapé na comunicación con enfoque de cambio social e recolleranse tamén ideas para o próximo ano.

As xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria coa Secretaría do Fondo Galego de Cooperación celébranse cada seis meses co obxectivo de render contas e favorecer un contacto directo que garanta correcto funcionamento da asociación. O intercambio de ideas e opinións que se xera permite unha boa circulación da información, a comunicación e a transparencia, imprescindibles para realizar un traballo eficaz.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 87 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.