Pestanas principais

A Regueifesta reuniu este mércores en Compostela máis de mil repentistas e escolares de Galicia, Euscadi e Cataluña

Xoves, 03 de maio de 2018

[03-05-2018] O proxecto Enreguéifate, de posta en valor e difusión da improvisación oral, chegou ao seu final este mércores coa celebración do festival Regueifesta, no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. Neste festival, no que participaron máis de mil escolares e repentistas, algúns deles amesáns, manifestouse o estado emerxente da regueifa e doutras expresións do repentismo galego, desde o brindo do Courel, ás bombas de Vilariño de Conso, aos altos dos Xenerais do Ulla ou ao estilo libre da cultura hip-hop. Do Concello de Ames, asistiron á Regueifesta alumnado do IES de Bertamiráns e as regueifeiras de Ameixenda e Cruxeiras.

O proxecto Enreguéifate, desenvolto polos servizos de normalización lingüística dos Concellos de Ames, Carballo, Santiago e Teo, incluíu ao longo destes meses a realización de diferentes actividades que procuraron impulsar a improvisación oral en lingua galega como motor da normalización lingüística entre a mocidade. Dentro destas actividades sobresaíron aquelas de carácter formativo, como a Xornada Enreguéifate, en Carballo, que estivo dirixida ao profesorado de todos os centros de ensino de Galicia. Da mesma maneira, alumnas e alumnos dos catro concellos participaron en obradoiros de regueifa, nos que aprenderon as técnicas básicas da improvisación oral cantada en verso para, entre outras cousas, facilitar a participación no certame Enreguéifate a través de vídeos. En Ames, os obradoiros de regueifa, impartidos por Alba María e Josinho da Teixeira, dirixíronse a alumnado de 1º e 2º da ESO.

Este mércores, 2 de maio, congregáronse no Auditorio de Galicia máis de 1.000 estudantes e persoas procedentes doutros colectivos participantes tamén no certame ou colaboradores da Regueifesta. Este festival, didáctico e lúdico, foi impulsado polos proxectos Enreguéifate e Regueifesta e procura o contacto coa improvisación oral en verso dun xeito lúdico e festivo. O encontro contou coa participación, como convidadas, dunha delegación de repentistas adolescentes de Cabo Verde, do País Vasco, bertsolaris, e doutra delegación de Cataluña, glosadors, que fixeron unha demostración das súas formas de improvisación. Así mesmo, no festival entregáronse os premios do certame Enreguéifate, que na súa II edición contou con máis de 70 pezas participantes.

O evento estivo dinamizado polos/as regueifeiros/as Alba María, Josinho da Teixeira, Séchu Sende e Manolo Maseda e contou coa colaboración das crianzas do Clube de Regueifa da Escola Semente, do alumnado do IES compostelán Antonio Fraguas, do CEIP de Pobra de Trives, do IES A Cachada de Boiro, dos IES de Baio e de Vila de Cruces e de mozas e mozos de Burela. Ademais, serviu de encontro interxeracional ao compartir espazo coas persoas gañadoras do certame Enreguéifate, no que participaron dende nenos/as até persoas maiores. No escenario, a grande protagonista foi a xente nova que está a converter a regueifa nun movemento socio-educativo impulsado pola comunidade escolar.

As regueifeiras de Ameixenda e o alumnado do IES de Ames, premiados no Certame Enreguéifate
Do Concello de Ames asistiron á Regueifesta as regueifeiras de Ameixenda e de Cruxeiras, así como alumnado de diversos centros de ensino. As regueifeiras da Ameixenda, do grupo de memoria do programa Amessan, recolleron o premio á regueifa mellor falada, na categoría xeral, coa “Regueifa das Amigas”. O grupo do IES Plurilingüe de Ames recibiu o premio á regueifa máis reivindicativa, na categoría escolar, co seu “Reguestyle”. Este último recoñecemento foi acadado ex-aequo polo grupo de Ames e polo grupo do CEIP Ana María Diéguez de Asados, en Rianxo, pola súa proposta “A regueifa do pucho do monte”.

Nesta convocatoria do Certame Enreguéifate recibíronse máis de 70  vídeos entre a categoría xeral e a escolar. Esta última foi a máis concorrida, con regueifeiros/as de moitos centros educativos de todo o país, algúns dos cales estiveron presentes onte na Regueifesta. Outorgáronse un total de 14 premios, algúns deles compartidos, ás regueifas máis bravas, máis agudas, máis diversas, máis reivindicativas, mellor cantadas e mellor faladas. Na categoría xeral os recoñecementos foron parar a Coristanco, Conxo, Viveiro, A Pontragha, Ameixenda (Ames), Malpica e Coruxo. Na categoría escolar levaron regueipremios centros educativos do Courel, Sigrás, Santiago, Ames, Boiro, Asados, Burela e O Carballiño. Así mesmo, o xurado decidiu concederlle un recoñecemento especial a dous alumnos do IES A Cachada (Boiro), Lois Cespón e Brais Yáñez, pola orixinalidade e calidade da súa proposta, na que trasladaron a arte da improvisación oral en verso ao freestyle.

Proxecto Enreguéifate
O proxecto Enreguéifate e a Regueifesta buscaron impulsar a improvisación oral en verso como motor de normalización lingüística entre a xente nova, visibilizar a música galega como ferramenta educativa e de lecer e renovar o mundo da regueifa, a partir de valores ligados á igualdade de xénero e á xustiza social. Na actualidade, a regueifa estase a mostrar como un poderoso recurso educativo para desenvolver habilidades comunicativas, creativas e de relación social baseadas na autoestima e na seguridade persoal. A regueifa quere ser, alén diso, un recurso para promover o pensamento crítico de forma individual e colectiva.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Destacada presenza comarcal na terceira edición da Regueifesta"
La Voz de Galicia: "A regueifa medrou e agrandou familia"
El Correo Gallego: "Os amesáns xa teñen os premios da Regueifesta"
Compostela 24 horas: "La Regueifesta reunió este miércoles en Compostela a más de mil repentistas y escolares de Galicia, Euscadi y Cataluña"