- Tematica
A última das dezaseis obras da programación cultural de artes escénicas de Ames da primeira metade de 2022 será “Reino da extinción”, da compañía Amorodio Teatro. A comedia conta a historia de catro persoas galegas de diferentes etapas históricas, que son forzadas a convivir nun alén moi distinto do que imaxinaban, poñendo a proba as ideas do público sobre que é ser galego, vivir en Galicia ou falar a nosa lingua. A representación terá lugar o venres 6 de maio, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. As entradas poden adquirirse xa a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.
“Reino da extinción” busca que nos preguntemos que é Galicia e que nos define como galegas e galegos. A través da convivencia forzada entre catro personaxes de diferentes épocas, dende a Prehistoria ata o século XXI, e os seus encontros e desencontros, a obra presentaranos estas cuestións con retranca e con historia.
A obre xorde da necesidade de pescudar nas inquedanzas que temos sobre a nosa identidade como pobo, o que nos define, quen somos, e cando comezamos a ser galegos e galegas. De feito, o título do espectáculo alude a varios elementos que definen a nosa sociedade actual, como a desaparición de aldeas, a emigración, a perda de falantes ou de poboación.
A representación deste venres 6 de maio é a última das dezaseis programadas como parte do programa de artes escénicas do primeiro semestre de 2022, elaborado pola Concellaría de Cultura en conxunto coa Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC). O itinerario, que comezou o 14 de xaneiro coa obra “Gloria Nacional”, incluíu catro propostas para o público infantil e outras doce para o adulto, con presenza de disciplinas como a danza, o circo e o teatro contemporáneo, o musical, a comedia e o drama. O programa ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.
Venda de entradas e descontos
As entradas poden adquirirse por 5 euros a través da billeteira electrónica do Concello de Ames, ou ben unha hora antes do comezo do espectáculo na Casa da Cultura de Bertamiráns, no caso de que aínda estean dispoñibles. Haberá prezo reducido do 50% do custo ordinario para o estudantado con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos, a rapazada menor de 12 anos, as familias numerosas, a mocidade co carné xove e as persoas demandantes de emprego.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Teatro sobre a identificación galega: ‘Reino da extinción’"
Lindeiros: "A obra “Reino da extinción” este venres en Ames"