- Tematica
A Praza da Maía acolleu o segundo acto de preselección do concurso de karaoke "Canta con Ames", o sábado 3 de xullo. 14 persoas, repartidas entre as 3 categorías, subíronse ao escenario. Esta semana reunirase o xurado para decidir cales serán os 20 cantantes, seleccionados entre as dúas xornadas, que pasarán á semifinal que se celebrará o vindeiro 28 de xullo, ás 18.30 horas, no Milladoiro.
A fase de preselección do concurso de karaoke “Canta con Ames” remataou o sábado, 3 de xullo, coa segunda xornada. Nesta ocasión, celebrouse en Bertamiráns na Praza da Maía. Participaron 14 persoas repartidas en 3 categorías: infantil, xuvenil e sénior.
Destaca a alta participación na categoría infantil fronte a categoría súper sénior ( máis de 61 anos, na que non houbo ningún participante. Nesta fase, a maioría de persoas optaron por competir con cancións actuais. Inscribiuse xente dos Concellos de Ames, Padrón , Sanxenxo , Cee, Carballo e Negreira .
Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica. quixo agradecer: “A todos e todas as persoas que se inscribiron no concurso Canta con Ames. Foi un éxito absoluto e estamos moi contentos da alta participación. Tras as actuacións, está claro que o xurado terá un difícil traballo para decidir quen pasa ás semifinais”
Quen pasa a semifinais
Tras o final da fase de preselección, está previsto que durante esta semana se reúna o xurado, composto por 3 membros nomeado por resolución de alcaldía entre persoal que participe na organización da actividade , para decidir quen pasa a semifinais. Serán 20 persoas, como máximo, cada unha na súa categoría correspondente, que competirán o vindeiro 28 de xullo, ás 18.30 horas, na praza de Manuel Murguía, en plena celebración da festividade da Madalena.
Cada cantante interpretará unha canción, ou segmento, en galego, castelán ou inglés. O tempo non poderá exceder de 2 minutos por participante. De esta fase sairán 6 seleccionados, dous por categoría, que pasarán á fase final. As persoas que non pasen á final recibirán vales para gastar no comercio e na hostalaría local.
O parque do Ameneiral, en Bertamiráns, acollerá o 7 de agosto a final do concurso. Coincidirá coa celebración das festas da Peregrina. Os aspirantes interpretarán dous temas de diferente estilo musical. Todos os participantes da final levarán como premio un trofeo, unha cesta natural e un vídeo do seu paso polo concurso. Aos/ás semifinalistas de cada categoría outorgaráselles tamén un cheque de 30 euros para investir no comercio local. Os gañadores/as obterán un cheque de 100 euros, tamén canxeable no comercio local e a posibilidade de cantar nas prebadaladas de fin de ano.
Nesta fase final será onde os participantes poderán interpretar os temas enteiros, sempre que non superen os 4 minutos. Os gañadores daranse a coñecer o mesmo día da final.
O xurado da fase semifinal e da final estará composto por 3 membros nomeados por resolución de alcaldía entre profesionais do mundo da música.
O xurado avaliará os seguintes criterios: harmonía, ritmo, afinación, dominio da escena e interpretación. Tendo en conta os criterios de avaliación, cada persoa do xurado, poderá outorgar a cada participante de 1 a 10 puntos por actuación.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "A final do concurso de canto amesán será o 7 de agosto en Bertamiráns"