Pestanas principais

Remata o IV Certame Galetiktokers con 51 pezas audiovisuais presentadas por máis de 120 mozos/as de toda Galicia

Luns, 13 de novembro de 2023

“San Froilán”, “Cociñeiras festeiras”, “Facendo un estoque dende cero”, “O retrato de Dorian Gray, Oscar Wilde”, “O galego non é de vellos” e “Prepo Rap” foron os vídeos gañadores do Galetiktokers 2023. Os premiados déronse a coñecer nunha gala celebrada o pasado venres, 10 de novembro, na Casa da Cultura de Bertamiráns, que estivo presentado e dirixido polas/os creadoras/es de contido en galego, @Pradorua e @Gabiig8, e amenizado por Onda Dagda, grupo musical amesán de rock composto por mozos e mozas que ensaian na Factoría. Asistiron o alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, e maila concelleira de Mocidade, Carmen Porto. En total repartíronse 1.800 euros en premios. Premendo nesa ligazón podes acceder a unha galería fotográfica da Gala.

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu o pasado venres, 10 de novembro, a gala da cuarta edición do certame Galetiktokers, organizado polos departamentos de Xuventude e Normalización Lingüística de Ames. Esta iniciativa pretende estimular e fomentar a creación de vídeos en galego con novos formatos e, á vez, servir de oportunidade para darlle visibilidade á comunidade galega de tiktokers.

O evento estivo presentado e dirixido polas/os creadoras/es de contido en galego, @Pradorua e @Gabiig8, e amenizado por Onda Dagda, grupo musical amesán de rock composto por mozos e mozas que ensaian na Factoría. A cantante é Maria Iglesias, alumna do IES do Milladoiro e gañadora do concurso Canta con Ames en 2022. Asistiron o alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, a concelleira de Mocidade, Carmen Porto, e concelleiros/as do Goberno municipal así como concelleiros/as dos grupos municipais do Partido Popular e do BNG.

O alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, destacou que “falar galego, facer audiovisual en galego e escribir en galego é garantía de éxito. Empregar e defender a nosa lingua é unha obriga de todos e todas. Gracias aos máis de 100 mozos e mozas que participastes neste certame por crear en galego e apoiar a nosa lingua. Anímovos a seguir falando en galego porque vós sodes as persoas que tedes que seguir loitando e convencendo ás persoas da vosa idade para que sigan falando en galego. Seguide creando e falando en galego”.

A concelleira de Mocidade, Carmen Porto, animou á mocidade “a seguir ampliando ese espírito creativo que tedes para compartilo nas redes. Por iso espero que esa experiencia vos servise para pasalo ben gravando as pezas, para empregar máis a lingua galega e para aprender de María Rúa Rodríguez a través da formación que vos impartiu. Todos e todas xa vos tedes que sentir gañadores/as deste certame porque grazas ás pezas que gravastes divulgades a nosa lingua polo mundo enteiro. Moitas gracias pola vosa participación neste certame”.

Participación no certame
Entre as 51 pezas audiovisuais, presentadas por máis de 120 mozos/as participantes de Ames e doutras localidades de Galicia, repartiranse seis premios de 300€, que suman un total de 1.800 euros. Na primeira categoría (mozas e mozos de 13 a 16 anos) presentáronse 27 vídeos, e na segunda categoría (mozas e mozos a partir de 17 anos) houbo 22 vídeos admitidos.

O xurado estivo composto por María Rúa Rodríguez, creadora de contido en galego (@Pradorua); Noelia Francisco Lens, especialista en comunicación audiovisual; e Gabriel García Calvo, creador de contido en galego (@Gabiig8). Actuou como secretaria do xurado a técnica do departamento municipal de Xuventude, Pilar Villaverde.

Premios do xurado
Na primeira categoría (mozos/as de 13 a 16 anos) acordouse por unanimidade outorgarlle os premios de 300 euros a peza “San Froilán” de Laura Fompedriña, Iria López, Marta Rebolo e Jimena Morán, un vídeo en formato vlog que destaca pola súa boa estruturación, variedade de planos e calidade técnica. O xurado tamén destacou a súa parte divulgativa, onde explican dunha forma moi clara, dinámica, orixinal e divertida de onde procede o “San Froilán”.

Dentro desa mesma categoría tamén foi premiado con outros 300 euros a peza “Cociñeiras festeiras”, de Lorena Cabero Pérez, Xulia Rego Rodríguez e Antía Lourido Villasenín. Dste vídeo, o xurado destacou o seu xiro na trama ou “plot twits” realizado de forma moi divertida e orixinal. Tamén salientaron que dea a colecer o noso patrimonio , dado qeu nos ensina que é unha foliada.

Ademais destes dous vídeos premiados, o xurado acorda recoñecer como finalistas desta categoría os seguintes vídeos: “A historia de Vanesa: parte 2”, “Orixinal Viaxe”, “Se queres solucionar deixa de pegar”, “Situacións; Non me fagas a punheta”.

Na segunda categoría (mozos/as de máis de 17 anos) acordouse, tamén por unanimidade, premiar con 300 euros á peza “Facendo un estoque dende cero”, de Luis Del Río Pena, polo seu contido divulgativo, dando a coñecer os xoguetes tradicionais no presente de forma orixinal, cunha comunicación clara e unha edición de vídeo moi profesional. Destaca, ademais, a claridade e a calidade lingüística da súa exposición.

Tamén foi premiado, dentro da segunda categoría, o vídeo “O retrato de Dorian Gray, Oscar Wilde” de Paula Salgado Torres pola orixinalidade do vídeo e o traballo na súa produción. Realiza unha maquillaxe profesional mentres recita en galego, cunha gran calidade lingüística, unha obra universal da literatura, intentando transmitir as sensacións do texto a través do traballo na súa pel. O importe deste premio tamén é de 300 euros.

Ademais destes 2 vídeos premiados, o xurado acorda recoñecer como finalistas desta categoría os seguintes vídeos: “Vestímonos con Rebelico!” de Eva Fernández Prieto; “La Rosamaría – Despechá” de Iago Martínez Martínez; “Chaíñas coma ti (Shakira e BZRP en galego)” de Iago Gordillo Trigo; e “Podes mudar!”, de Martín Represa Pedrosa e Alfonso Represa Pedrosa.

Premios do público
Na categoría de 13 a 16 anos foi galardoada polo público cun total de 498 “gústame” a peza “O galego non é de vellos”, de Naira Abalo Galbán. Na segunda (mozos/as de máis de 17 anos) cun Un total de 508 “gústame” outorgouse o premio do público á peza “Prepo Rap” de Alba Ferreiro Díaz, Jimena Conde Rodríguez, Sofía Brezmes González, Nicolás Fernández Seco, Andrea Díaz Cupeiro e Lara Luaña Argüelles. O importe dos premios foi de 300 euros cada un.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Cumio de talento no certame Galetiktokers, con máis de 120 participantes de toda Galicia"

La Voz de Galicia: "El tiktok de Naira y sus abuelas que fue elegido el mejor de Galicia"

Imaxe da Gala do certame Galetiktokers 2023

Multimedia

  • Imaxe da Gala do certame Galetiktokers 2023
  • Imaxe da Gala do certame Galetiktokers 2023
  • Imaxe da Gala do certame Galetiktokers 2023
  • Imaxe da Gala do certame Galetiktokers 2023
  • Imaxe da Gala do certame Galetiktokers 2023
  • Imaxe da Gala do certame Galetiktokers 2023
  • Imaxe da Gala do certame Galetiktokers 2023
  • Imaxe da Gala do certame Galetiktokers 2023
  • Imaxe da Gala do certame Galetiktokers 2023
  • Imaxe da Gala do certame Galetiktokers 2023
  • Imaxe da Gala do certame Galetiktokers 2023
  • Imaxe da Gala do certame Galetiktokers 2023
  • Imaxe da Gala do certame Galetiktokers 2023
  • Imaxe da Gala do certame Galetiktokers 2023