Pestanas principais

Remata unha nova edición do servizo municipal de bibliopiscinas cunha gran festa na praia fluvial de Tapia

Martes, 02 de setembro de 2014

[02-09-2014] O sábado pasado púxose o punto e final a unha nova edición do programa de bibliopiscinas, que se desenvolveu durante os meses de xullo e agosto na área recreativa de Tapia, de martes a domingo, e nas piscinas municipais descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro, de luns a venres. Para elo celebrouse unha festa na praia fluvial de Tapia na que os nenos e nenas puideron participar en obradoiros de maquillaxe, manualidades e elaboracións de pins. Ademais, houbo inchables, actividades de globoflexia e diferentes xogos. As actividades estrelas foron a festa da espuma e un tobogán inchable que se instalou ao carón do río Tambre. O concelleiro de Educación, Bernardo Moar, tamén se achegou ata Tapia participar nesta festa de clausura das bibliopiscinas.


Outra das actividades que espertou unha gran expectación foi o obradoiro de maquillaxe. Os nenos e nenas puideron pintar a cara con diferentes elementos decorativos e cunha gran variedade de cores. Todas estas actividades estiveron organizadas polo Concello de Ames a través da Concellaría de Educación.

Todas estas actividades estiveron supervisadas e foron realizadas por varios monitores/as da empresa amiense Vagalume, que se encargou de desenvolver o servizo de bibliopiscinas durante os meses de xullo e agosto. Cómpre salientar que este servizo foi impartido por persoal amiense que forma parte da empresa Vagalume. Ademais, este ano 6 mozos/as voluntarios/as colaboraron no servizo de bibliopiscinas a través do programa “Ambientando o lecer”, que inclúe actividades lúdicas e ambientais para a infancia e a mocidade durante os meses de verán.

O Concello de Ames, a través da concellaría de Educación, preparou este ano un amplo programa de actividades para a festa de clausura das bibliopiscinas. Aproveitando o bo tempo destes días a festa realizouse nas instalacións da área recreativa de Tapia. Dende as 16:30 horas os rapaces e rapazas puideron participar en diversas actividades lúdicas como un obradoiro para pintar a cara, globoflexia, actividades de manualidades e de elaboracións de pins.

Ao mesmo tempo, os nenos e nenas que se achegaron ata a praia fluvial de Tapia puideron entreterse xogando nos inchables que estiveron instalados nesta zona. Pero a actividade estrela da tarde foi o tobogán inchable que se instalou ao carón do río Tambre, para que os nenos e nenas se puideran deslizar por encima del e caer na auga. A celebración rematou coa festa da espuma, na que participaron un gran número de rapaces e rapazas. Os pais e nais tamén se animaron a xogar cos cativos e meterse no medio da espuma.