- Tematica
As obras do espazo de “pump track” situado na rúa do Pedregal remataron esta pasada semana, despois de que a Concellaría de Deportes amesá adxudicara a súa construción a finais do pasado mes de setembro, cun investimento de 48.077,03 euros. O alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, e o encargado da brigada de Obras, Juan Calvo, visitaron as instalacións na mañá deste luns, dende o cal xa están abertas para que a veciñanza practique coas súas bicicletas, monopatíns, patíns e patinetes.
Un “pump track” (literalmente, “pista con bombeo” en inglés) é polo xeral un espazo de dimensións variables en forma de circuíto, con múltiples saltos e peraltes. Grazas á inercia xerada e á propia habilidade das persoas usuarias, o deseño da pista permite realizar o percorrido sen practicamente dar pedais ou impulsos nas bicicletas, patíns ou monopatíns.
A construción das instalacións, que foi adxudicada a finais de setembro á empresa Aral Management SL, consistiu na roza, limpeza e movemento de terras do solar orixinal, para despois realizar e instalar a pavimentación, o saneamento, o alumeado e a restauración ambiental do espazo. O investimento realizado pola Concellaría de Deportes ascendeu aos 48.077,03 euros.
Na mañá deste luns 31 de xaneiro, o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, e o encargado da brigada de Obras, Juan Calvo, visitaron o “pump track” para dar por concluídas as actuacións na zona. “Deseñamos o espazo pensando na súa polivalencia, apostando polo ciclismo e os deportes de inercia”, sinalou a concelleira, Susana Señorís. “Buscamos cubrir os gustos e afeccións da maior cantidade de usuarios e usuarias, tanto nenos como adultos, e que as instalacións se adapten ao nivel de destreza de cada un”, engadiu Señorís.
Neste senso, a disposición do circuíto busca precisamente dar resposta a todos os tipos de usuarios e usuarias, tanto a niveis de dificultade como ás diferentes disciplinas. O trazado non ten obstáculos de alturas significativas, o percorrido é de sentido único e conta con sinalizacións pintadas que precisan a dirección de uso. Uns 103 metros de traxecto no que tanto expertos coma principiantes poidan gozar das súas bicicletas, monopatíns, patíns e patinetes.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "A rúa do Pedregal xa ten un circuíto de ocio para patíns"
Lindeiros: "Unha pista de “pump track”, novo equipamento para Bertamiráns"
Compostela 24 Horas: "Rematada e aberta ao público a pista de “pump track” do Pedregal, en Bertamiráns"