Pestanas principais

Rematan as obras de pavimentación de viarios no lugar de Vilouta, na parroquia de Tapia

Martes, 22 de outubro de 2019

Membros do goberno municipal visitaron o núcleo de Vilouta, na parroquia de Tapia, para comprobar o estado no que quedaron os viarios nos que se executaron obras de mellora. Estas obras foron adxudicadas á empresa SYR-AMG SL por un importe de 79.810 euros, IVE incluído. Este proxecto sufragouse a través do Plan único de concellos “POS+ 2018”.

O alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Obras, Blas García, e mailo concelleiro do Medio rural, Manuel Lens, achegáronse ata o lugar de Vilouta, na parroquia de Tapia, para ver como quedaron as obras de mellora de viarios que se executaron nesta aldea.

A través de dito proxecto realizouse a pavimentación de viarios no núcleo de Vilouta, na parroquia de Tapia, con cinco centímetros de zahorra de canteira e doce de formigón, nas que se incluíu mallazo e xuntas de dilatación, previa demolición, nivelación e compactación do pavimento existente. Este proceso levouse a cabo nos oito treitos nos que se dividen os viarios.

Asemade, tamén se mellorou a capa de rodaxe dun dos accesos do núcleo, que conta con 100 metros de lonxitude por 4,5 metros de ancho, con cinco centímetros de aglomerado en quente en toda a plataforma. Isto levouse a cabo despois da reparación de baches, o perfilado de mordentes e o emprego de dez centímetros de zahorra, dez de grava e tratamento asfáltico semiprofundo para a ampliación de 0,75 metros de ancho da superficie pavimentada en ambos lados dentro da plataforma actual do acceso.

Neste mesmo sentido, tamén se executaron 200 metros de cuneta de seguridade, que está revestida de formigón e baixo a que se canalizaron tuberías de PVC de 315 metros, que contan coas súas correspondentes arquetas con sumidoiro, así como 12 metros de caz de formigón con reixa.

Para finalizar, colocouse a sinalización horizontal e procedeuse ao pintado de liñas en bordes e eixo, así como símbolos e unha partida de pozos e arquetas adaptados á nova rasante. O importe das obras que se executaron no lugar de Vilouta ascendeu a 79.810 euros, cifra na que xa se inclúe o IVE.

Saneamento e abastecemento de auga
Aproveitando as obras de mellora dos camiños interiores neste núcleo tamén se instalaron uns 315 metros de tubaxes para as canalizacións de saneamento; 205 metros de canalizacións para pluviais; e 300 metros de canalizacións para abastecemento de auga potable. Así, a instalación xa queda feita para no futuro poder conectarse ás redes municipais de saneamento e abastecemento.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, apunta que “estas obras únense as feitas nos núcleos de Fraíz e A Moniña. Todas elas foron executadas a través dos fondos provinciais do POS+2018. Estes traballos están recollidos nun plan máis amplo que contempla ir mellorando os camiños interiores das aldeas do rural amesán que se irán facendo con cargo a estes fondos da Deputación da Coruña”.

Ademais, Blas García indica que “ao mesmo tempo que se realizaron estas obras xa se aproveitou para meter as tubaxes das canalizacións de abastecemento e saneamento, para no futuro non ter que volver a abrir o pavimento. Deste xeito, conséguese un importante aforro económico, xa que este núcleo queda preparado para conectarse ás redes de saneamento e abastecemento de auga”.

Membros do goberno municipal visitaron o núcleo de Vilouta, na parroquia de Tapia

Multimedia

  • Rematan as obras de pavimentación de viarios no lugar de Vilouta, na parroquia de Tapia
  • Rematan as obras de pavimentación de viarios no lugar de Vilouta, na parroquia de Tapia
  • Rematan as obras de pavimentación de viarios no lugar de Vilouta, na parroquia de Tapia
  • Rematan as obras de pavimentación de viarios no lugar de Vilouta, na parroquia de Tapia
  • Rematan as obras de pavimentación de viarios no lugar de Vilouta, na parroquia de Tapia