Pestanas principais

Rematan os labores da brigada municipal de prevención e defensa contra os lumes forestais

Xoves, 03 de novembro de 2016

[03-11-2016] Co remate de outubro a brigada municipal de incendios deixa o seu traballo. O capataz e catro peóns levaban dende finais do mes de xullo baixo o mando do Distrito III, axudando nos labores de limpeza e prevención, vixilancia e extinción. Nestes tres meses realizaron traballos de vixilancia e extinción de incendios forestais, a maioría en termo municipal, así como de prevención. Estas últimas incluíron traballos de limpeza, rareo e xestión da biomasa de xeito manual en camiños de Ames.

O concelleiro de Medio Ambiente, Javier García, visitou onte algunhas das áreas de traballo da brigada municipal de prevención e defensa contra os lumes forestais. “Fixeron un bo traballo recuperando camiños que son moi útiles en caso de incendio”, explicou. As brigadas fixeron posible co seu labor “o paso de vehículos” a zonas de monte que antes estaban “mal comunicadas”. O concelleiro manifestou a súa satisfacción polas actuacións e declarou que “traballaron a reo”.

A brigada foi constituída a raíz dun convenio entre o Concello de Ames e a Consellería de Medio Rural. Dende o mes de agosto o capataz e os catro peóns que a compoñen intégranse no dispositivo de emerxencias do Distrito Forestal III. Baixo o seu mando priorizouse a súa intervención en actuacións de vixilancia e extinción de lumes forestais. A brigada actuou en labores de extinción un total de 21 veces durante estes meses. En ocasións, e obedecendo a razóns de extraordinaria emerxencia, o dispositivo foi mobilizado fora do termo municipal, intervindo en Figueiras, Rianxo, Borobás, Casa Novas e Vilar de Rei.

Ademais a brigada realizou actuacións preventivas nos camiños de Agrón, Montemaior, Castelo, Proupín, Pousada, Pegariños, Augapesada e A Garea. Desprazáronse tamén a dúas fincas particulares, coas que o Concello de Ames asinou un convenio, que gardan importantes xacementos arqueolóxicos e que acondicionaron para protexelas dos lumes forestais. Os tratamentos preventivos incluíron a xestión manual de biomasa nas vías e camiños forestais, áreas cortalumes ou nas propias áreas de xestión de biomasa municipais. A maiores a brigada encargouse do mantemento da maquinaria de desbroce e do vehículo que empregaron para os seus desprazamentos.

A partir do mes de novembro unha nova brigada, formada por un capataz e dous peón, participará no deseño do plan de prevención de incendios de cara ao ano 2017 de forma coordinada coa concellaría de Medio Ambiente.