Pestanas principais

Rematou o curso para mulleres vítimas da violencia de xénero que se impartiu no Concello de Ames

Venres, 30 de setembro de 2011

[30-09-2011] Este xoves tivo lugar a clausura do curso para mulleres vítimas da violencia de xénero que se impartiu en Ames e que organizou a Secretaría Xeral de Igualdade en colaboración co Concello e co Sindicato Unificado de Policía. Á clausura asistiu a concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller, e Xuventude, María González, que fixo a entrega de diplomas e estivo acompañada de persoal do departamento da Muller. Un grupo de 13 mulleres residentes no municipio de Ames, vítimas de violencia de xénero, asistiron a este curso para a aprendizaxe de técnicas de autoprotección coma falar con voz segura e potente, pero sen gritar, practicar movementos de esquivas ou usar correctamente a distancia ante o agresor. O curso, que tivo unha duración de 12 horas divididas en sesións teóricas e prácticas, impartiuse durante os días 19, 20, 22, 26, 27 e 29 de setembro en horario de 18.00h a 20.00 horas da tarde.

Segundo datos facilitados pola Secretaría Xeral de Igualdade, en Ames hai un total de 47 mulleres que teñen algunha medida de protección, entre ordes de protección e medidas cautelares. Este foi un dos factores polos que se elixiu este Concello para acoller o curso de autoprotección para mulleres vítimas da violencia de xénero.

As mulleres que participaron no curso valoraron de xeito moi positivo as clases e o profesor agradeceu a implicación do Concello de Ames e das traballadoras do departamento de Muller.

Policías especialistas en violencia de xénero impartiron as clases
Os axentes de policía que impartiron estas sesións son especialistas en violencia de xénero, e desempeñan o seu traballo en unidades policiais vinculadas a esta problemática e en taregas de custodia das mulleres con ordes de protección.

Ames formou parte da serie de 11 cursos programados este ano en Galicia, dos que xa se celebraron os correspondentes ás localidades de Arteixo, Ribeira, Vilalba, O Barco, Verín, Cangas, Moaña e Ponteareas, coa participación dun total de 130 mulleres. Faltan por celebrar os cursos de Monforte e Vigo, previstos para outubro. A iniciativa, programada pola Secretaría Xeral de Igualdade por segundo ano consecutivo, está a ofrecer resultados moi positivos, tanto cuantitativamente polo cada vez maior número de mulleres interesadas en participar - o ano pasado en sete cursos asistiron 80 mulleres- como cualitativamente, xa que as participantes se involucran activamente e valoran a súa nova capacidade para afrontar situacións de violencia trala participación nestas sesións.