- Tematica
Este mércores, 15 de decembro, presentáronse no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, as modificacións realizadas para mellorar a aplicación de Orzamentos Abertos que recolle a información da xestión orzamentaria municipal. Dita aplicación foi creada en 2017 para que a veciñanza amesá teña acceso, de xeito facilmente comprensible e manexable, a toda a información económica do Concello, orzamento municipal, detalle de ingresos e gastos por áreas, pago a provedores, etc. Trátase dunha iniciativa da Concellaría de Economía e Facenda que recolle información económica dende 2014 ata 2021. Esta nova ferramenta informática basease nos principios de transparencia, eficiencia, participación e consulta.
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, foi a encargada de explicar as melloras feitas na aplicación de Orzamentos Abertos. Genma Otero estivo acompañada polo alcalde de Ames, Blas García, a interventora, a tesoureira municipal e persoal do departamento de servizos económicos. Ao acto de presentación acudiron varios concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e representantes das asociacións de veciños e veciñas de Ames.
A concelleira de Economía e Facenda explica que “a aplicación de Orzamentos Abertos permite ofrecerlle á veciñanza os datos económicos municipais dun xeito claro e conciso. Os datos económicos soen ser bastante complicados de entender, polo que a través desta aplicación o que se fai é mostralos dun xeito fácil e intuitivo”. Genma Otero engadiu que “esta aplicación comezou a funcionar en 2017 e están cargados datos económicos dende 2014 ata 2021. Os datos de 2021 son provisionais”.
A concelleira de Economía e Facenda realizou unha navegación pola web e mostroulles aos asistentes os diferentes apartados do portal web. Por último, mostrouse un vídeo explicativo que mostra dun xeito fácil e intuitivo como consultar todos os datos cargados na aplicación.
O alcalde de Ames, Blas García, agradeceu a presencia dos representantes das asociacións veciñais. “Agardo que poidades darlle traslado á veciñanza das melloras feitas nesta aplicación e tamén falarlles dela a todos e todas aqueles/as que non a coñezan. Trátase dunha ferramenta moi útil porque podedes ver en que se gastan os cartos que pagades nos impostos e tamén coñecer as fontes de ingreso que ten o Concello de Ames”. Posteriormente, agradeceu “o traballo feito polo persoal que traballa nos departamentos de Intervención e Tesouraría porque sen dito traballo os demais departamentos municipais non poderían funcionar”.
Blas García tamén puxo en valor a labor da concelleira de Economía e Facenda “porque realiza un traballo pouco visible, pero imprescindible nunha Administración local. Unha mostra da boa xestión económica foi a redución da débeda que se fixo durante os últimos anos”. Por último, indicou que “a posta en marcha da aplicación de Orzamentos Abertos foi un compromiso do Goberno municipal para ser un Concello máis aberto e transparente. Grazas a actuacións como esta o Concello afonda na mellora da transparencia e estase realizando un gran traballo, tal e como indica a plataforma Dyntra na que se recolle que o Concello de Ames é o terceiro mellor valorado de Galicia en materia de transparencia”.
Vídeo explicativo sobre a aplicación
Entre as mellora realizadas destaca a inclusión no portal web dun vídeo explicativo sobre as diferentes opcións dispoñibles dentro do aplicativo de orzamentos abertos. Cargáronse na aplicación novos datos económicos que están divididos en diferentes apartados como son: Visión global; Políticas concretas; Pagos e investimentos; O que ti achegas; e Que quere dicir...?
Ademais, existe un apartado denominado: Como e onde gasta o Concello de Ames?, no cal se amosa dun modo claro como se distribúe o orzamento municipal, de onde veñen os ingresos e a que se destina o gasto. Tamén existe un buscador na páxina páxina principal da aplicación.
O percorrido dos impostos
O que se ve no portal é o percorrido dos impostos que paga a veciñanza amesá: a recadación local (impostos directos e taxas); outras fontes de ingresos (goberno central e galego); En que se empregan (como se usa o diñeiro recadado).
No apartado de Visión global ofréceselle á veciñanza unha idea sobre os ingresos e gastos do Concello de Ames. Na sección de Políticas pódese ver cales son as áreas nas que se gasta máis diñeiro, como se gasta e cales son as principais vías de ingreso. En Pagos e investimentos móstranse en detalle os pagos e provedores e as facturas correspondentes a ditos pagos efectuados polo Concello, mentres que na sección de O que ti achegas, amósase de forma aproximada como se distribúe o diñeiro que cada veciño/a achega cos seus impostos. Por último, dentro do apartado de Que quere dicir...? existe un glosario coa explicación de diferentes termos como aforro neto, capacidade de financiamento, débeda viva, etc.
Información económica dende 2014 ata 2021
Nesta aplicación está subida información económica dende o exercicio 2014 ata o 2021 (datos dos orzamentos de ditos exercicios, dereitos recoñecidos netos, obrigas recoñecidas netas e pago a provedores). Os datos do exercicio 2021 son provisionais. Ademais, cómpre destacar que se ofrece información sobre o presupostado e o nivel de execución. A veciñanza poderá acceder a todos estes datos dunha forma sinxela e moi intuitiva, así como descargalos en formato CSV e Excel.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Actualizada a información económica aberta ao público"
El Correo Gallego: "Melloran a aplicación dos Orzamentos Abertos amesáns con datos e un vídeo"