Pestanas principais

Repártense 1.200 carteis entre os establecementos comerciais para fomentar as compras durante a época de Nadal e o período de rebaixas

Martes, 22 de decembro de 2020

O Concello de Ames, a través das Concellarías de Promoción Económica e Normalización Lingüística, puxo en marcha unha nova campaña de apoio ao sector comercial. Deste xeito, repartíronse 1.200 carteis (600 co lema de “Descontos” e outros 600 coa mensaxe de “Rebaixas”). Dita campaña, que se enmarca no Plan Reactiva Ames, ten o obxectivo de fomentar as compras durante a época de Nadal e no período de rebaixas.

As Concellarías de Promoción Económica e Normalización Lingüística acaban de poñer en marcha unha nova iniciativa de apoio as sector comercial co reparto de 1.200 carteis que se repartiron entre todos os establecementos comercias de Ames. Esta campaña enmárcase dentro do Plan Reactiva Ames. Deste xeito, repartíronse 600 carteis co lema de “Descontos” e outros 600 coa mensaxe de “Rebaixas”. A través desta nova iniciativa preténdese fomentar as compras durante a época de Nadal e no período de rebaixas.

Esta iniciativa únese á campaña “Comercio de Ames. Témolo todo!” coa que se pretende que os veciños e veciñas de Ames merquen nos establecementos comerciais de Bertamiráns e do Milladoiro, xa que segundo se indica na propia campaña en ditos establecementos pódense atopar produtos, que van dende roupa e calzado ata artesanía, entre outros moitos sectores.
 
A concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz, explica que “esta nova iniciativa enmárcase no Plan Reactiva Ames, que conta con 99 medidas de reactivación económica e social para o concello de Ames. Trátase dunha campaña de apoio ao comercio local, para tratar de crear fidelidade na clientela e fomentar as compras durante a época de Nadal e no período de rebaixas. Se mercamos en Ames iso tamén repercutirá na economía local, xerando postos de traballo e facendo que as empresas e comercios do concello medren”.

A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, destaca que “o Servizo de Normalización Lingüística sumouse a esta campaña co obxectivo de fomentar o uso do galego no comercio local. Ao igual que se fai co Premio Lingua e Empresa quérese mostrar que o uso da lingua galega é unha vantaxe competitiva para o sector comercial”.

Autocine de Nadal de Ames
Por outra banda, dende o departamento de Promoción Económica lembran que está aberto o prazo para reservar entrada nas seis sesións do programa Autocine, que se vai desenvolver os días 26 e 27 de decembro no aparcadoiro do SuperCor (rúa Agro do Medio), no Milladoiro. Esta iniciativa está incluída na programación “Un Nadal diferente”. Para poder acudir a ver algún dos seis filmes que se van proxectar é preciso reservar entrada a través desta páxina web. A entrada é gratuíta, pero no momento da reserva, haberá que axuntarun tícket de compra (en formato jpg ou pdf) dalgún establecemento de Ames, por un importe mínimo de 10,00 euros.

Para o sábado, 26 de decembro, está previsto que se proxecte “O Grinch”, ás 12.00 horas, e "Se armó el Belén", ás 18.00 horas. Ambas películas están dirixidas a un público infantil. Na sesión de adultos, ás 20.30 horas, proxectarase “Black Christmas”. O domingo, 27 de decembro, inaugurarase a xornada, ás 12.00 horas, coa proxección da película infantil “Santa Claus & Cia” e, na sesión da tarde, ás 18.00 horas, emitirase “Abominable”. A programación de Autocine de Nadal rematará ás 20.30 horas coa película “Last Christmas”.

Imaxe das concelleiras de Promoción Económica e Normalización Lingüística