- Tematica
O alcalde de Ames, Blas García, maila concelleira de Deportes, Susana Señorís e o concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández, acompañados do oficial da Policía Local, Maximino García, o técnico de Deportes, Alberto Viaño, o responsable da Brigada de Obras, Juan Calvo, o presidente da Asociación de Protección Civil de Ames, Juan Crespo e os representantes de EMESPORT, Ezequiel Mosquera, Quico e Alberto, reuníronse esta mañá no Salón de Plenos do Concello co obxectivo de preparar o paso da Volta Ciclista “O Gran Camiño” por Ames. O concello acollerá a 2ª etapa deste tour o día 25 de febreiro. O evento conta co patrocinio da Xunta de Galicia, as Deputacións Provinciais de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra e o Xacobeo 21-22. A Volta Ciclista, en cuxa organización colaboran tamén os concellos polos que pasa, percorrerá as catro provincias galegas e conta consolidarse entre as mellores probas do calendario internacional por organización e participación. As canles Eurosport e TVG encargaranse da retransmisión.
Na xuntanza desta mañá en Ames perfilouse o percorrido da etapa da Volta Ciclista “O Gran Camiño” ao seu paso por Ames. A saída terá lugar na contorna da praza da Maía o venres, 25 de febreiro, ás 10:30 da mañá. Os ciclistas continuarán despois pola avenida de Alcalde Lorenzo con destino ao Milladoiro.
Co gallo do paso dos ciclistas por este itinerario estará cortada a avenida da Peregrina e a travesía da Peregrina desde as 0:00 horas da mañá. Ademais, cortarase ao tráfico a avenida da Maía e a avenida Alcalde Lorenzo, desde as 22:00 horas do xoves 24 de febreiro.
A loxística do evento situarase nos arredores da praza da Maía.
Segundo o alcalde, Blas García, “é necesario poñer en valor esta etapa ciclista que vai a saír de Bertamiráns e percorrerá outros lugares de Ames”. García pon en valor ademais “o escaparate tan importante que vai supor para o noso concello e a repercusión e a publicidade que lle vai dar”. Fai tamén referencia o alcalde aos trastornos de tráfico que se van xerar o día da saída. “En todo caso é necesario sopesar o impacto económico que vai a supor esta etapa no noso concello os día previos e no futuro”.
Para a concelleira de Deportes, Susana Señorís: “Este evento ten moita repercusión pola difusión a nivel internacional a través de Eurosport. Había máis de dúas décadas que non se realizaba esta proba, e que teña a saída da súa segunda etapa desde Bertamiráns, pase polo Milladoiro dirección Santiago e atravese a Ponte Maceira é moi relevante para o noso Concello”.
Espectáculo, promoción deportiva e difusión turística
Tras dúas décadas en suspenso, recuperase este ano 2022 en Galicia unha volta ciclista profesional por etapas. O evento xuntará o espectáculo coa promoción dos valores deportivos e a difusión turística. Percorrerá as catro provincias galegas entre o 23 e o 27 de febreiro.
Está prevista a participación de 150 corredores e de 20 equipos. Ademais, xa está confirmada a presenza de equipos internacionais de primeiro nivel, entre os que se atopan Movistar, Israel Start Up Nation, Education First, Cofidis, os portugueses Tavira e RP-Boa Vista e Euskaltel Euskadi.