Pestanas principais

A Revista Galega de Educación presenta no Concello de Ames o número “Saúde Mental e Educación”

Venres, 03 de maio de 2024

Esta mañá foi presentado no Salón de Plenos o número 87 da Revista Galega de Educación, que leva por título “Saúde Mental e Educación”. Nel abórdase o papel decisivo do ámbito educativo no coidado e prevención da saúde mental infantoxuvenil. Trátase dun acto complementario ás III Xornadas de Saúde Mental, que se desenvolverán no concello o 3 e o 4 de maio. 

O Salón de Plenos, en Bertamiráns, acolleu esta mañá a presentación de “Saúde Mental e Educación”, o número de decembro de 2023 da Revista Galega de Educación. Ao acto asistiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís; a concelleira de Educación, Carmen Porto; e o psicólogo doutor en Ciencias da Educación e coordinador do número, Manuel Armas.

Abriu o acto a concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, que explicou que con esta presentación “buscabamos dar a coñecer o traballo dos educadores e psicólogos implicados nesta publicación a tenor das xornadas que comezan hoxe, e que se centran no benestar infantoxuvenil”. Así mesmo, tamén destacou a importancia do profesorado nesta cuestión, pois “son persoas que pasan moito tempo cos nosos fillos, e poden detectar sinais de alarma que na casa quizais non somos quen de ver”.

Nesta mesma liña falou o alcalde de Ames, Blas García, que fixo fincapé na “relación complementaria que deben manter os centros coas familias, para previr e actuar ante situacións de risco”. Tamén quixo poñer en valor o importante papel que teñen as administracións na normalización do coidado da saúde mental, poñendo como exemplo as xornadas e o plan municipal específico impulsado recentemente pola Corporación amesá.

Pola súa banda, Manuel Armas, psicólogo doutor en Ciencias da Educación e coordinador do número, agradeceu a sensibilidade do Concello de Ames co coidado do benestar psicolóxico, e “en especial coa dos nenos e rapaces, ás que este ano lles adica as súas xornadas sobre saúde mental”. Sinalou o preocupante dos macrodatos sobre saúde mental, e fixo especial incidencia nas cifras sobre suicidio e o aumento de intentos entre a mocidade. Así, salientou a necesidade de “dispoñer de ferramentas e protocolos de actuación, para abordar a realidade dos menores de xeito transversal, analizando tanto o diagnóstico clínico como á súa situación social e familiar”.

Revista Galega de Educación
A Revista Galega de Educación (RGE) é unha publicación pedagóxica de carácter trimestral, dirixida ao profesorado e, en xeral, aos educadores/as e técnicos/as da educación en Galicia.

O seu obxectivo é ofrecer instrumentos de expresión e comunicación aos sectores profesionais e sociais que postulan orientacións e supostos construídos ao amparo do modelo de Escola Pública. Busca axudar a impulsar unha mentalidade pedagóxica propicios para acadar un sistema educativo público renovado e democrático.

III Xornadas de Saúde Mental
O Concello de Ames organiza o 3 e 4 de maio as III Xornadas de Saúde Mental, que nesta ocasión versarán sobre a saúde mental infantoxuvenil no ámbito educativo. As xornadas, que se desenvolverán na Casa da Cultura de Bertamiráns, están dirixidas ás persoas interesadas no benestar psicolóxico e a profesionais de todos os sectores.

Contarán cunha mesa redonda, dúas conferencias e dous talleres prácticos. Xa hai 155 participantes rexistrados, pero as inscricións aínda están abertas.

A Revista Galega de Educación presenta no Concello de Ames o número “Saúde Mental e Educación”

Multimedia

  • A Revista Galega de Educación presenta no Concello de Ames o número “Saúde Mental e Educación”
  • A Revista Galega de Educación presenta no Concello de Ames o número “Saúde Mental e Educación”
  • A Revista Galega de Educación presenta no Concello de Ames o número “Saúde Mental e Educación”