Pestanas principais

Rock da Gramola Gominola para descubrir “O poder da Superlingua”, este venres 23 en Bertamiráns no programa Apego

Xoves, 15 de setembro de 2022

Continúa o Apego de Ames en setembro co espectáculo musical “O poder da Superlingua”, do grupo A Gramola Gominola. Trátase dunha proposta na que a lingua se converte nunha superheroína, coa que poder cantar, ler, bailar, investigar, xogar ou amar. Será o vindeiro venres 23 de setembro, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Para asistir ao concerto, de balde e dirixido ao público familiar, cómpre inscribirse dende hoxe ata o 22 de setembro, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas.

Haberá algo que non se poida facer coa Superlingua? É a pregunta que A Gramola Gominola quere resolver co seu espectáculo musical, onde o galego se converte nun superheroe co que poder cantar, ler, bailar, investigar, xogar ou amar.

A Gramola Gominola é unha banda de rock and roll en galego para o público cativo. Formada por Paco Cerdeira (Pakolas, Zenzar), Paula Romero (De Vacas, Coro Encaixe), Anxelo de Xermar (Festicultores Troupe) e Rodrigo Muñoz (Di elas, Lacón con Grelos), no 2018 levaron o Premio Martin Códax da Música ao mellor grupo de música infantil.

A actividade é de balde e as persoas interesadas en participar só teñen que enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que indiquen nome e apelidos das asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas que as acompañen. O prazo de inscrición está aberto dende hoxe ata o xoves 22 de setembro. Non se admitirán inscricións fóra de tempo e as prazas asignaranse respectando a orde de recepción das solicitudes.

A programación infantil con Apego de outonode 2022 pode consultarse ao completo premendo nesta ligazón.

O programa Apego, actividades, formación e recursos para familias
O programa Apego vai dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade entre 0 e 6 anos. É un proxecto cooperativo de varios concellos para promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia a través de actividades e de recursos para facilitar e mellorar a crianza.

As familias interesadas poden sumarse ao programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames. Para ese primeiro contacto poden optar por diferentes vías: cubrir o formulario "Súmate ao Apego" na páxina web apego.gal, escribir a normalizacion@concellodeames.gal ou chamar ao teléfono 662 377 215.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "A Gramola Gominola vai actuar en Apego o día 23"

Rock da Gramola Gominola para descubrir “O poder da Superlingua”, este venres 23 en Bertamiráns no programa Apego

Multimedia

  • Rock da Gramola Gominola para descubrir “O poder da Superlingua”, este venres 23 en Bertamiráns no programa Apego