Pestanas principais

A rúa Ameneiral de Bertamiráns será peonil a partir do domingo 5 de maio

Xoves, 02 de maio de 2024

Ameneiral será peonil a partir do próximo domingo, 5 de maio. Só poderán transitar por esta rúa do núcleo de Bertamiráns os vehículos que precisen acceder aos garaxes, carga e descarga durante o horario establecido e os comerciantes autorizados para estacionar durante un tempo máximo de 15 minutos.

Este cambio producirase da forma menos traumática posible, polo que o concelleiro de Mobilidade, Víctor Fernández, anunciou que durante a primeira semana, na que esta modificación entra en vigor (dende o domingo, 5 de maio, ata o domingo, 12 de maio), a Policía Local de Ames realizará unha función informativa e non sancionadora: “Non pretendemos multar nin provocar un cambio traumático para a veciñanza. Esta primeira semana será de adaptación á nova situación da rúa e a Policía Local limitarase a informar”.

O alcalde de Ames, Blas García, indica que “o que conseguiremos con esta decisión é favorecer o tránsito peonil. Durante as obras de humanización de Ameneiral observamos como cando estaba pechada ao tráfico esta se transformou rúa chea de vida. Eso é o que buscamos con esta decisión, devolverlle a vida ás rúas e que o peón recupere o seu espazo”.

Os vehículos autorizados necesitarán unha tarxeta de identificación para poder acceder e estacionar na rúa por un máximo de 15 minutos. Estas tarxetas tan só se concederán aos comerciantes que as soliciten. A maior parte deles xa a solicitaron, pero se algunha persoa aínda non o fixera debe poñerse en contacto con gabinete de Alcaldía, a través do correo electrónico gabinete@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 881 07 47 30.

Ameneiral, unha das rúas da  Améndoa Central de Bertamiráns
Esta rúa foi reformada recentemente dentro das obras de humanización da améndoa central de Bertamiráns, un proxecto incluído na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sustentable (EDUSI), Impulsa Ames, cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Deste xeito, para favorecer o tránsito a pé esta rúa pasará a ser peonil dende a vindeira semana.

A améndoa central de Bertamiráns converteuse nun gran espazo cidadán no que se dan todas as facilidades necesarias para realizar os percorridos a pé e en bicicleta, e ao mesmo tempo permite dinamizar as actividades comerciais e de ocio.

Na améndoa central de Bertamiráns existía un deseño non proporcional ás necesidades dos peóns con beirarrúas moi estreitas; deficiencias no cumprimento dos estándares de accesibilidade (plataformas a diferentes alturas, acceso ás beirarrúas, etc.); e unha contorna pouco amable cos peóns. Coa súa humanización déuselle prioridade aos espazos peonís co incremento das beirarrúas, eliminación de barreiras arquitectónicas e continuidade nos itinerarios. Tamén se calmou o tráfico reducindo a velocidade nas interseccións e coa creación de plataformas compartidas por vehículos e peóns.

Por último, realizouse unha importante renovación da imaxe desta zona coa instalación de mobiliario urbano máis moderno e cunha maior coherencia nos diferentes pavimentos instalados.

Novas relacionadas: 

La Voz de Galicia: "Hacen peatonal desde el domingo la rúa Ameneiral de Bertamiráns"

El Correo Gallego: "La calle Ameneiral pasa a ser peatonal desde este domingo en la localidad de Bertamiráns"

A rúa Ameneiral de Bertamiráns será peonil a partir do domingo 5 de maio

Multimedia

  • A rúa Ameneiral de Bertamiráns será peonil a partir do domingo 5 de maio
  • A rúa Ameneiral de Bertamiráns será peonil a partir do domingo 5 de maio
  • A rúa Ameneiral de Bertamiráns será peonil a partir do domingo 5 de maio
  • A rúa Ameneiral de Bertamiráns será peonil a partir do domingo 5 de maio
  • A rúa Ameneiral de Bertamiráns será peonil a partir do domingo 5 de maio