Pestanas principais

Ruth Cundíns presenta en Bertamiráns o espectáculo musical e solidario “Puedes llegar”

Martes, 22 de marzo de 2022

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación do espectáculo “Puedes llegar”, promovido e interpretado pola artista brionesa Ruth Cundíns, gañadora do concurso Recantos de Ouro, no programa Luar, da Televisión de Galicia. A estrea será este sábado, 26 de marzo, ás 19.00 horas, no auditorio de Bertamiráns. Trátase dun espectáculo musical e solidario que pretende visibilizar desde a música e a arte a enfermidade de Dent, unha doenza minoritaria que afecta gravemente os riles. Nesta iniciativa colaboran Art for Dent (Asociación Galega da enfermidade de Dent), os Concellos de Ames e Brión e gráficas Garabal SL.

Os alcaldes de Ames, Blas García, e de Brión, Pablo Lago, xunto coa artista Ruth Cundíns e María Castelao, cofundadora de Art for Dent (Asociación Galega da enfermidade de Dent), presentaron esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, o espectáculo musical e solidario “Puedes llegar”, que se celebrará este sábado, 26 de marzo, ás 19.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. A entrada é gratuíta ata completar aforo. As persoas que queiran asistir terán que reserva a súa entrada a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.
 
“Puedes llegar” é un espectáculo musical e solidario que pretende visibilizar desde a música e a arte a enfermidade de Dent, unha doenza minoritaria que afecta gravemente os riles. Esta iniciativa musical axudará na investigación desta enfermidade que se leva a cabo no Nefrochus (laboratorio de xenética das enfermidades renais) en Santiago de Compostela, que pertence ao IDIS (Instituto de Investigación Sanitaria).

É un espectáculo con fins solidarios, que parte do tema de Gloria Estefan realizado para os Xogos Olímpicos de Atlanta de 1996. Unha das pezas máis recordadas e recoñecidas na historia dos Xogos Olímpicos cunha clara mensaxe de superación. Deste xeito, “Puedes llegar” é unha viaxe por diferentes estilos musicais, onde mediante proxeccións visuais, a artista Ruth Cundíns relaciona a música con diferentes temas sociais que xiran en torno o amor e a arte.

Ruth Cundíns e Art for Dent levan preparando este espectáculo dende hai meses, recibindo a axuda e colaboración solidaria do Concello de Ames para a súa posta a punto. A estrea do espectáculo será este sábado, 26 de marzo, ás 19.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. A partir de aí, preténdese que este espectáculo solidario percorra moitas máis localidades e cidades galegas e incluso de fóra de Galicia. A entrada para asistir a este espectáculo o sábado en Bertamiráns será gratuíta. Cos seguintes espectáculos que se representen recadarase fondos para esta causa. Deste xeito, está previsto que “Puedes llegar” volva a Ames o 23 de xullo dentro da programación do Ameson.  

Presentación do espectáculo
María Castelao, cofundadora de Art for Dent, agradeceulle “a Ruth Cundíns por facer este espectáculo en colaboración coa nosa asociación e por permitir que unha parte sexa solidaria e vaia para a investigación da enfermidade de Dent no NefroChus, en Santiago de Compostela. Tamén quero darlle as gracias aos Concellos de Ames e Brión pola súa colaboración en todo momento”.

Ademais explicou que “Art for Dent é un proxecto que pretende visibilizar desde a cultura e a arte unha doenza moi minoritaria que teñen os nosos fillos. Trátase dunha mutación no cromosoma X que afecta gravemente aos riles. Art for Dent xurdiu durante o confinamento, un tempo no que o artístico e en especial a música tivo especial relevancia na vida diaria de moitas persoas. A música é e será sempre cor para os nosos oídos, unha banda sonora que engade significado a momentos inesquecibles. Puedes llegar visibiliza o poder do artístico no camiño da vida, resaltando a parte máis creativa do proceso de investigación dunha doenza moi pouco frecuente, valores que son piares fundamentais de Art for Dent”.

O alcalde de Brión, Pablo Lago, explicou que “existen moitas enfermidades raras e as institucións deberían estar aí para apoiar. A través desta iniciativa estamos dando visibilidade ás persoas coa enfermidade de Dent e ás súas familias, pero ademais colaboramos para conseguir financiamento para a investigación na procura dun tratamento para esta doenza. Agardo e desexo que este festival sexa un éxito e dende o Concello de Brión faremos un chamamento á colaboración de toda a veciñanza para que asista ao espectáculo deste sábado na Casa da Cultura de Bertamiráns. Teño que agradecer tamén a colaboración desinteresada e solidaria das persoas que colaboran neste proxecto como Ruth Cundíns e ao Concello de Ames”.

Ruth Cundíns dixo estar “encantada de poder colaborar con Art for Dent neste espectáculo. Teño que darlle as gracias especialmente a María Castelao porque fíxome ver e coñecer unha enfermidade que non sabía que existía. O noso obxectivo é darlle visibilidade a esta enfermidade a través deste espectáculo. Gracias tamén ao Concello de Ames por cedernos o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns para facer os ensaios e poder facer a estrea o próximo sábado 26 de marzo”.

A quenda de intervencións pechouna o alcalde de Ames, Blas García, que dixo “os Concellos somos as administracións máis próximas á veciñanza e temos que tratar de resolver os problemas dos nosos veciños e veciñas. Neste caso os Concellos de Ames e Brión teñen que estar apoiando neste acto, e noutros que se poidan facer no futuro, a Asociación Galega da enfermidade de Dent ou a calquera asociación que necesite a nosa axuda. Hai que poñer en valor o traballo que leva feito Art for Dent dando a coñecer a enfermidade de Dent que eu non sabía que existía. Fago un chamamento para apostar e investir en investigación porque é fundamental para avanzar como sociedade e para tratar de buscar cura a enfermidades raras como é esta. Animo á veciñanza a participar neste evento e doutros xeitos que ten a asociación para contribuír a recadar fondos que son necesarios no traballo de investigación que se leva a cabo no Nefrochus”.

Colaboración con Art for Dent
O Concello de Ames xa vén colaborando coa entidade Art for Dent (Asociación Galega da enfermidade de Dent). No pasado mes de outubro o Concello de Ames entregoulle a esta asociación 11 sacos de tapóns, uns 1.320 quilos, para axudar á investigación e a busca dunha cura para a enfermidade de Dent, unha doenza xenética rara da que foi diagnosticado Hugo, un rapaz de 8 anos veciño do concello de Brión.

Cómpre lembrar que os tapóns poden ser depositados nos dous colectores metálicos con forma de corazón “Corazóns solidarios”, que foron instalados no pasado mes de xuño na praza do Concello, en Bertamiráns, e no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro.

Iniciativas postas en marcha por Art for Dent
A Asociación Galega da enfermidade de Dent ten en marcha varias iniciativas para recadar fondos para seguir investigando a enfermidade de Dent. Na páxina web de Art for Dent pódese atopar información detallada sobre as diferentes vías de colaboración que existen: facerte socio/a; facer unha doazón económica, mercar produtos solidarios e propoñer ideas solidarias.

Na web de Rei Zentolo e no estanco O Tremo pódense mercar camisetas solidarias de Art for Dent. O 100% do beneficio doase para a investigación. Deste xeito, Rei Zentolo doou xa 16.000 euros para a investigación no Nefrochus. Para as doazóns económicas existe un código Bizum e un número de conta de ABANCA.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Espectáculo de Cundíns para visibilizar o Dent"

Enfoques: "Ruth Cundíns presenta en Bertamiráns el espectáculo musical y solidario ‘Puedes llegar’"

Lindeiros: "Ames acolle o espectáculo “Puedes llegar” que busca visibilizar a enfermidade de Dent"

Imaxe da presentación do espectáculo "Puedes llegar"

Multimedia

  • Imaxe da presentación do espectáculo "Puedes llegar"
  • Imaxe da presentación do espectáculo "Puedes llegar"
  • Cartel do espectáculo "Puedes llegar"