Pestanas principais

Santiago Amor asegura que a oitava edición da Feira do Comercio Val da Maía será “sinónimo de éxito”

Venres, 09 de marzo de 2012

[09-03-2012] A Feira do Comercio Val da Maía abriu hoxe as portas da súa oitava edición, organizada por primeiro ano de forma conxunta pola Asociación de Comerciantes de Bertamiráns e a Asociación de Empresarios do Milladoiro coa colaboración do Concello de Ames. A inauguración foi presidida polo alcalde Santiago Amor e contou coa participación do concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, Bernardo Moar, e representantes da Asociación de Comerciantes de Bertamiráns e da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro, ademais doutros membros da Corporación.


Actos de conmemoración do Día da Muller

Pero as novidades non rematan aí, xa que este ano como a Feira do Comercio coincide en datas próximas á conmemoración do Día da Muller o Concello de Ames preparou unha serie de actos que se realizarán no propio recinto onde se desenvolve a feira. Deste xeito, instalouse no pavillón polideportivo o "Mural pola Igualdade", elaborado en colaboración coas bibliotecas municipais, no que se presenta o conto "Paconeves e as sete ananiñas", unha revisión do relato tradicional no que os roles aparecen cambiados coa intención de promover unha reflexión sobre a situación da muller na sociedade. Todos os interesados poderán colaborar deixando a súa mensaxe relacionado co Día da Muller sobre o mural. A cambio, recibirán unha chapa co lazo violeta que conmemora a xornada.

Ademais, mañá sábado 10 de marzo ás 12:00 horas, darase lectura á declaración institucional do Concello de Ames con motivo da conmemoración do Día da Muller. Na lectura desta declaración institucional participarán representantes dos tres grupos municipais. Este acto faise no recinto da Feira do Comercio co fin de procurar a maior implicación posible da cidadanía. Pola tarde, ás 17:00 horas, desenvolverase un obradoiro con nenos que aprenderán a elaborar monicreques mentres se conversa con eles co fin de difundir, tamén a través dos xoguetes, valores de tolerancia e educación non sexista.

Oferta lúdica e grastronómica

Ademais de realizar as súas compras, as persoas que asistan á VIII Feira do Comercio Val da Maía poderán gozar dunha ampla oferta lúdica e grastronómica. No interior do recinto hai un servizo de gardería, atendido por persoal cualificado, para nenos de entre 2 e 12 anos en horario de 12:00 h a 14:00 horas e de 16:30 h a 20:30 horas. Do mesmo xeito, complementando o espazo de lecer educativo instaláronse inchables como atracción lúdica para os máis pequenos baixo a supervisión de monitores. No interior hai un parque de bolas, mentres que no exterior do recinto instalouse unha carpa cos inchables de maior tamaño.

No eido gastronómico hai que destacar que no exterior do pavillón hai instalados varios postos de churros e rosquillas. Ademais, este ano, como novidade hai dúas pallozas que serven pizzas artesanais e chourizos ao viño. Ofrécese tamén un servizo de cafetería, tanto no interior coma no exterior do recinto, incluíndo un posto de venda de polbo.


Produtos aos mellores prezos

A VIII Feira do Comercio Val da Maía desenvolverase no pavillón polideportivo de Bertamiráns ata o próximo domingo 11 de marzo. Con 400 metros cadrados para expositores, a Feira do Comercio conta coa participación de arredor de trinta establecementos locais e, por primeira vez nesta oitava edición, amplía a súa duración a tres xornadas. O sábado 10, a Feira de Comercio prolongará o seu horario dende as 11:00 ata as 22:00 horas, mentres que o domingo 11 o horario de apertura será de 11:00 ata as 20:00 horas. Hai que destacar que a entrada é de balde.

Os comercios participantes ofrecen nesta feira unha amplía variedade de produtos aos mellores prezos, abarcando todo tipo de sectores: téxtil, calzado, electrónica, óptica, roupa, artesanía, fogar, regalos, chemineas e instrumentos musicais. En total, ocúpanse máis de 400 metros cadrados para os expositores. Como novidade deste ano, a organización ten confirmada a presenza de 8 artesáns, que realizarán demostracións en directo do seu traballo nalgún dos stands, e unha tenda de instrumentos musicais. Ademais, o pavillón polideportivo está dotado dunha rede wifi para que os comerciantes que o precisen poidan conectarse á rede.

No stand que ten montado o Concello de Ames hai un oco para dar conta dos proxectos que ten en marcha a Oficina de Voluntariado de Ames (OVA). Deste xeito, proporcionarase información sobre o voluntariado e recolleranse tapóns para a campaña en favor de Paula, unha nena de 16 meses que ten agenesia sacra. Tamén se recollerá material escolar para outra das campañas que se está desenvolvendo dende a Oficina de Voluntariado.


No seu discurso, o alcalde de Ames asegurou que o evento "está en condicións de responder, grazas ao impulso e á iniciativa do comercio do noso concello, ás grandes expectativas xeradas". Neste sentido, afirmou que a feira será esta fin de semana "unha cita de referencia" e amosouse convencido de que será "sinónimo de éxito". "A calidade da vosa oferta e a contrastada excelencia da vosa atención ao público respalda con garantías a celebración desta Feira do Comercio", apuntou.

Na súa intervención, Santiago Amor incidiu no feito de que por primeira vez a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns e a Asociación de Empresarios do Milladoiro colaboren de forma conxunta na organización da feira. A este respecto, sinalou que hoxe Bertamiráns exerce como "anfitrión pero, como xa anunciamos desde a Concellaría de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, a intención é que a próxima actividade relacionada co sector sexa no Milladoiro". "Alternar os dous núcleos urbanos na celebración dos principais eventos do calendario só pode deixar beneficios para todos", engadiu o alcalde.

Segundo Santiago Amor, "esta é a liña de traballo que queremos seguir desde o Concello, avanzando en iniciativas conxuntas que impliquen a cada vez máis comerciantes que desenvolven o seu traballo en Ames". Nesta tarefa, "as asociacións deben protagonizar un esforzo clave para sumar novas adhesións", manifestou.

En referencia aos comerciantes que participan na feira, Santiago Amor subliñou: "somos sensibles ás vosas necesidades e temos claro que o diálogo coa iniciativa privada é fundamental para procurar fórmulas imaxinativas de colaboración sen esquecer un reto prioritario: construír proxectos co mellor retorno económico posible". Con isto, dixo o alcalde, "todos sairemos gañando: primeiro os propios negocios, despois as asociacións e, en definitiva, os veciños de Ames".

"Sodes un sector dinámico e esencial no noso tecido económico, máis aínda nestes momentos difíciles. En consonancia, o compromiso do Concello será sempre o de explorar xuntos novos camiños que redunden no progreso de Ames", concluíu.