Pestanas principais

Santiago Amor pídelle á conselleira de Sanidade un novo centro de saúde no Milladoiro e a reparación do actual

Mércores, 19 de febreiro de 2014

[19-02-2014] O alcalde de Ames, Santiago Amor, reuniuse esta tarde coa conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, co obxectivo de avaliar a situación das infraestruturas sanitarias no municipio de Ames e os pasos a dar no futuro. A esta reunión, solicitada polo rexedor en xaneiro, tamén asistiu a concelleira de Sanidade de Ames, María Eugenia Martín, e a delegada territorial da Xunta na provincia da Coruña, Belén Docampo.

No encontro, o rexedor fíxolle chegar á conselleira unha memoria valorada realizada polos servizos técnicos municipais sobre as actuacións que será necesario acometer no centro de saúde do Milladoiro para solucionar os problemas que presenta. Estas actuacións, que inclúen a reposición integral da cuberta da instalación e outras obras necesarias, están valoradas en aproximadamente 47.000 euros. Pola súa banda, a conselleira comunicoulle ao alcalde que o departamento autonómico está realizando unha valoración dos danos causados polas inclemencias meteorolóxicas nos centros de saúde da comunidade e que valorarán as necesidades de todas as instalacións sanitarias.

O rexedor amiense tamén lle transmitiu á conselleira de Sanidade as actuacións que está levando a cabo o Concello para o mantemento do centro de saúde do Milladoiro, tanto aquelas actuacións periódicas que realiza ao longo de todo o ano como as puntuais derivadas das inclemencias meteorolóxicas. O alcalde incidiu en que o Concello seguirá levando a cabo actuacións puntuais no centro sanitario ata que melloren as condicións meteorolóxicas e se poida acometer a reposición de toda a cuberta, levando a cabo unha actuación integral na mesma. Ademais, o rexedor amiense trasladoulle á conselleira as incidencias que presenta o Punto de Atención Continuada (PAC) de Bertamiráns, agravados polas inclemencias meteorolóxicas dos últimos meses.

Na reunión, o alcalde de Ames e a conselleira de Sanidade tamén analizaron a situación xurídica creada a partir dun novo contencioso prantexado contra a aprobación definitiva do plan parcial do sector S-15, onde está situada unha parcela de máis de 8.000 metros cadrados que estaba reservada para a construción dun novo centro de saúde no Milladoiro. Actualmente, e debido a este contencioso, non existe seguridade xurídica para abordar a ubicación neste punto da nova instalación, pero Santiago Amor prantexoulle a Rocío Mosquera a existencia doutra parcela, cedida xa no seu día á Xunta de Galicia para a ubicación dun parque de bombeiros e que se podería destinar como alternativa para a construción deste centro.

Finalmente, alcalde e conselleira acordaron continuar co contacto entre as dúas administracións para a mellora das infraestruturas sanitarias do municipio.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames propone la parcela del parque de bomberos para el centro de salud"