- Tematica
Ás 20.30 horas, o martes 31 de agosto, celebrarase a última sesión do programa "Saúde nas prazas". O Departamento de Promoción da Saúde, en colaboración coa empresa BeOne, invita a acudir a todos os veciños e veciñas á praza da Horta de Arriba, xunto á piscina de Bertamiráns, onde se impartirán sesións de baile, combat e ioga. Ademais, a xornada rematará cunha merenda de alimentos saudables. Non é preciso inscrición previa.
Baile na rúa, combat e ioga. Os veciños e veciñas de Ames, de todas as idades, levan desfrutando destas actividades dende o 5 de xullo. Durante os luns e martes de verán, as prazas de Chavián e da Horta de Arriba, en Bertamiráns, e a praza da Madalena e a Casa da Cultura do Milladoiro, enchéronse de persoas animadas a facer deporte dun xeito lúdico.
A Concellaría de Promoción da Saúde organizou este proxecto para achegar e fomentar hábitos de vida saudables á veciñanza de Ames, de todas as idades, de maneira divertida para coidar a saúde física e emocional. Co programa Saúde nas Prazas ofrecéronse unhas actividades abertas para todos aqueles e aquelas que nese momento se encontrasen nas prazas e quixeran participar sen compromiso, sexan pais, nais, nenos ou avós e avoas.
Luísa Feijóo, concelleira de Promoción da Saúde, afirmou que: “Para rematar o programa de verán e prepararnos para o curso, que mellor que liberar tensións e desestresarnos co combat, divertirnos bailando, relaxarnos e recargarnos de enerxía con ioga para acabar refrescándonos cunha pequena merendola de froitas mentres compartimos sensacións, ideas, proxectos...”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego:" Sesión de baile, combact e ioga a carón da climatizada"