Pestanas principais

A segunda carreira solidaria organizada polo CEIP de Barouta celebrouse hoxe a prol do Banco de Alimentos Municipal

Martes, 30 de xaneiro de 2018

[30-01-2018] Mestras, mestres, familias e alumnado uníronse hoxe, 30 de xaneiro, para conmemorar o día pola paz e a non violencia cunha carreira solidaria. Baixo o lema “Móvome pola paz”, o CEIP de Barouta quixo implicar a toda a comunidade educativa nun acto solidario, co que se recadaron recursos para o Banco de Alimentos do Concello de Ames. A iniciativa contou co patrocinio e colaboración de diversas organizacións e entidades tanto públicas como privadas. Á carreira asistiron o alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil.

O CEIP de Barouta, en colaboración co Concello de Ames e a ANPA San Mauro, organizou por segundo ano consecutivo unha carreira solidaria polo día da paz e a non violencia. A carreira, que se celebrou este martes, 30 de xaneiro, deu comezo ás 12:00 horas, reunindo a gran parte da comunidade educativa: mestras e mestres, familias e alumando.

O obxectivo desta iniciativa foi recadar o maior número de recursos posibles para o Banco de Alimentos do Concello de Ames, recollendo aceite, azucre, cacao en po, así como outros bens non perecedoiros, produtos de limpeza e de aseo persoal. Os alimentos recadados serán entregados ao Concello, responsable da súa distribución. Coa finalidade de superar a case media tonelada de alimentos recadada o ano pasado, o CEIP de Barouta xa estivo recibindo produtos ao longo destes días.

A carreira comezou ás 12:00 horas, tendo lugar ás 11:30h o quecemento e a entrega de dorsais. Ás 10:30 horas, o alumando tivo un encontro con Pilar Veiga e Pedro Nimo, dous referentes do atletismo galego que falaron da importancia do deporte e dunha boa alimentación. Ao rematar a carreira, cada crianza recibiu unha medalla e unha mochila cunha pequena merenda. O evento solidario tentou integrar a toda a comunidade educativa, facendo do CEIP de Barouta unha escola aberta para todas e todos.