[05-07-2014] Os exteriores do Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleron onte pola noite as primeiras actuacións enmarcadas na segunda edición do Festival de verán “Encontros Culturais no Pazo”. O inicio deste certame estivo marcado polas actuacións da Cé Orquestra Pantasma e do grupo amiense A Requinta da Amaía, que animaron a toda as persoas que participaron neste evento. Finalmente, por condicións meteorolóxicas adversas, o grupo de música folk Os Cempés, non puido actuar. Este concerto realizarase proximamente. Ao festival asistiron o alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, así como varios membros da corporación municipal. O Festival de verán continúa o vindeiro venres 11 de xullo.
Programa da segunda xornada do festival
O festival de verán Encontros Culturais no Pazo 2014 continuará o venres 11 de xullo. Nesta ocasión, a xornada comezará ás 20:00 horas coa actuación de Dani García, que representará o espectáculo Don Gelati, unha comedia máxica onde a expresión corporal substitúe ás palabras e a comunicación co público é constante e dinámica. Principalmente, é un espectáculo de maxia de rúa con grande mobilidade.
Ás 21:30 horas comezará o espectáculo Os sons do vento que pasa, que correrá a cargo de Gonçalo Guerreiro. Trátase dun concerto de fados-pop cantados en galego. Este concerto está promovido pola Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia. Os fados acompañados de guitarra eléctrica e pedal de loops, gardan o seu encanto orixinal, pero gañan unha dimensión contemporánea e singular que seduce tanto á mocidade coma o resto dos públicos.
A segunda xornada deste festival pecharase, ás 22:30 horas, cun concerto do grupo Leilía, que presentará o seu último traballo chamado CONsentimento. Máis de vinte anos despois do seu debut, Leilía volve sorprendernos cun espectáculo maduro e fiel ás súas raizames. Unha coidadosa posta en escena e una orixinal instrumentación sitúan a CONsentimento entre as propostas máis interesantes da música de raíz actual.
De seguido, ás 21:20 horas, comezou a actuación do grupo amiense A Requinta da Amaía, que impartiu un obradoiro de baile baseado na participación do público no que, con música en directo, aprendéronlle aos participantes unha serie de xogos e danzas de grupo sinxelas e tamén varios pasos de bailes agarrados (pasodobre, valse, polca, mazurca...).
A actuación do grupo galego de folk Os Cempés, que estaba prevista para pechar esta primeira xornada do festival de verán, tivo que ser suspendida polo orballo que caeu sobre Bertamiráns. Este concerto realizarase proximamente.
Este festival está organizado polo Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, e conta coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña, do programa Cultura no Camiño 2014, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia.
A xornada festiva comezou ás 20:00 horas coa actuación da Cé Orquestra Pantasma. O home orquestra realizou un espectáculo de animación musical ao que asistiron un gran número de nenos e nenas que encheron a praza do Pazo da Peregrina. A rapazada estivo acompañada do seus pais e nais creando un ambiente moi familiar. A Cé Orquestra Pantasma, tamén chamado o home orquestra, interpretou temas populares galegos e cantigas infantís cos que os nenos e nenas se divertiron xogando, bailando e cantando.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Cé Orquestra e A Requinta actuaron na Peregrina"