Pestanas principais

Seis grupos de Vilalba, Marín, Pontevedra, Boqueixón e Ames participaron no festival de música galega Val da Maía

Sábado, 02 de marzo de 2013

[02-03-2013] O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu este sábado pola tarde a quinta edición do festival Val da Maía, que estivo organizado pola Asociación Cultural e Xuvenil Val da Maía, en colaboración co Concello de Ames e a Deputación da Coruña. O acto estivo presentado por Xosé Martins e Davide de Lis, integrantes do grupo Tirabeque, da Estrada. Neste festival actuaron os grupos Chichisos e Quodlibet de Pontevedra, O Ghusto do Boi de Boqueixón, as Irmandades do Falo de Vilalba, o grupo Picuiña de Marín, e o grupo amiense de pandereteiras As Maianas. Ao acto musical asistiron as concelleiras de Cultura, María Eugenia Martín, e de Atención e Mediación Parroquial, María Carmen Verde, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, e varios membros da corporación municipal amiense.

A Asociación Cultural e Xuvenil Val da Maía organizou para este sábado, 2 de marzo, un festival de música galega. Este acto contou coa participación de distintos grupos de música galega de vilas e cidades como Vilalba, Marín, Pontevedra, Boqueixón e Ames. Un dos obxectivos deste festival foi dar a coñecer entre a veciñanza amiense a música popular galega. Ademais, serve para dar a coñecer o traballo musical que desenvolve o grupo de pandereteiras As Maianas de Ames, que naceu ao abeiro da Asociación Cultural e Xuvenil Val da Maía.

Esta asociación naceu no ano 2007 cando se agruparon unha serie de mozas que compartían o seu gusto pola música galega. Despois de formar parte do Obradoiro Municipal de Música e Baile Tradicional do concello amiense durante varios anos decidiron crear esta asociación. Estas rapazas, que formaban un grupo de cantareiras, crearon o grupo As Maianas para poder desenvolver o seu propio traballo. Esta agrupación está formada por Lidia, Inés, Ainhoa, Luz, Irene e Ruth.

O grupo de pandereteiras As Maianas, recibiron o premio do xurado no concurso Vas sacar nota, organizado pola Radio Galega no ano 2012. Tamén colaboraron na gravación do último disco do grupo Quodlibet de Pontevedra. Ademais, durante os últimos anos teñen realizado actuacións en diversos lugares como Valga, Arteixo, Ames, Lugo e Pontevedra.

Neste evento participaron distintas agrupacións musicais, que foron presentadas por Xosé Martins e Davide de Lis, integrantes do grupo Tirabeque, da Estrada. Así, actuaron no acto de xeito desinteresado os grupos Chichisos e Quodlibet de Pontevedra, O Ghusto do Boi de Boqueixón, as Irmandades do Falo de Vilalba, e o grupo Picuiña de Marín. Como grupo anfitrión actuou o grupo de pandereteiras As Maianas.

Ao acto musical asistiron as concelleiras de Cultura, María Eugenia Martín, e de Atención e Mediación Parroquial, María Carmen Verde, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, e varios membros da corporación municipal amiense entre os que se atopaban Pilar Candocia, Anxo Doval, Ramón Argibay e Alfonso Rey.