Pestanas principais

As "señoras de" protagonistas do Día da Muller en Ames

Sábado, 12 de marzo de 2011

[12-03-2011] Todo un exercicio compartido de memoria, as lembranzas de Filomena Fraga e Ana Blanco, dúas das protagonistas do documental de Patricia Ferreira "Señora de", protagonizaron o acto institucional do Día da Muller en Ames. Filomena e Ana asistiron á proxección da película e posteriormente falaron das súas experiencias nos tempos da ditadura para un auditorio que encheu ata o final o salón de actos da Casa da Cultura de Bertamiráns, aplaudindo os recordos das dúas mulleres e as súas compañeiras no film, premiado na Seminci de Valladolid. O acto, que foi presentado pola concelleira de Benestar Social e Igualdade, Isabel González Cancela, contou, como xa é tradicional, coa intervención dos representantes dos tres grupos políticos con presenza no Concello e foi clausurado polo alcalde de Ames que leeu o Manifesto Institucional do Día da Muller.

"Ninguén lle axuda a ninguén. Non cabe falar de axuda de colaboración nin de nada semellante. Debemos falar de corresponsabilidade e así entendelo, como o natural. Os traballos da casa, as necesidades dun fogar non son cousa nin da muller nin do home, son cousa dos dous, unha responsabilidade que ten que ser compartida. Un home que barra, que fregue, que se encargue dos coidados dos nenos ou dos maiores é o natural", deste xeito se expresou a concelleira do BNG, Olaia Alvite, a primeira en intervir no acto. Olaia fixo un percorrido por situacións que vivimos a cotío: "Traballa todo o día, non sei como da feito con dous nenos, a casa e agora a sogra... pero tenche un marido moi xeitoso", "Cúmpre os requisitos, pero... está nos seus plans ter fillos a curto prazo?" para falar de discriminación salarial, paro máis alto, emprego da crise como escusa de discriminación e para rematar dicindo que "queda moito por facer por iso é preciso unha política firme e decidida ate chegara unha igualdade real, ate ver a igualdade entre homes e mulleres como o natural".

O acto continuou coa intervención de Dolores Fernández, concelleira do Partido Popular, quen manifestou que tiña a sospeita de que "aquelas valientes pioneiras que hai cen anos deron pasos históricos no longo camiño cara a igualdade mirarían o mundo de hoxe cunha mestura de orgullo e desilusión", para seguidamente facer un percorrido pola situación da muller na política, na vida social, na vida cultural e no mercado laboral no que, dixo "déronse grandes pasos pero aínda a posición é desigual con respecto aos homes". Dolores incidiu nas dificultades que continúan existindo para conciliar a vida laboral, persoal e familiar e repasou as medidas que a prol da igualdade se están a levar a cabo desde a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. A concelleira do PP rematou a súa intervención chamado ao escenario a Brais, un rapaz de seis anos porque, manifestou "temos que darlle tamén protagonismo ás futuras xeracións". Brais dixo "No colexio todos e todas somos iguais, todos e todas xogamos e estudamos xuntos".

Respondendo ao lema da campaña elaborada pola Concellería de Benestar Social e Igualdade para este ano e que convida aos homes a "tomar o relevo" á hora de responsabilizarse das labores familiares e do fogar, o concelleiro do PSOE, José Miñones foi este ano o encargado de falar no nome do seu grupo no acto Institucional do Día da Muller. Miñones comezou preguntándose se avanzaramos e baseou parte da súa intervención en comparar o dito o ano pasado pola súa compañeira de grupo Isabel González Cancela e a actualidade. Para o representante socialista a pesar de todos os avances e de todo o traballo que se está facendo cara a igualdade "e necesario avanzar máis e máis rápido no compromiso de corresponsabilidade entre homes e mulleres". O concelleiro destacou o número de mulleres que hoxe ocupan postos importantes na universidade, na investigación, nas empresas, salientou que aínda se botan en falla as mulleres en postos como reitora, directoras de grandes empresas e presidentas, manifestando que "unha sociedade non pode prescindir dese gran potencial humano que supón a valía da muller se queremos unha sociedade máis xusta e máis igualitaria".

Tralas intervencións dos representantes políticos, proxectouse o documental "Señora de", da galega Patricia Ferreira, premiado na Seminci de Valladolid, e que amosa os testemuños de varias xeracións de mulleres ás que a historia nin sequera lles permitiu soñar e que o único que puideron facer foi resignarse e aceptar que naceron e creceron noutra época na que as súas voces, os seus desexos e mesmo os seus pensamentos foron silenciados. "Señora de" ten como protagonista, entre outras, á escritora e loitadora polos dereitos da muller Filomenta Fraga, veciña da parroquia de Agrón. Filomena asistiu ao acto acompañada doutra das protagonistas da película, Ana Blanco. Despois da proxección ámbalas dúas mulleres subiron ao escenario para seguir compartindo co público as súas lembranzas daqueles tempos nos que "as mulleres eran xulgadas só polo feito de ser mulleres".

O acto, ao que asistiu Laura Manso, a responsable de Violencia de Xénero da Delegación do Goberno en Galicia, e representantes da Garda Civil, foi clausurado coa lectura do Manifesto Institucional do Día da Muller a cargo do alcalde de Ames, Carlos Fernández.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames homenajeó en el Día de la Mujer a las señoras de"
El Correo Gallego: "Ames homenajeó en el Día de la Mujer a las señoras de"