Pestanas principais

Sergio Calvo, da Escola Ames Xadrez, primeiro e segundo galego nos campionatos de España sub10

Martes, 02 de agosto de 2022

Ao longo da semana do 4 ao 10 de xullo disputáronse en Salobreña (Granada) os campionatos de España de xadrez sub10 de partidas lentas e rápidas, nos que participou Sergio Calvo, da Escola Ames Xadrez. Sergio, actualmente subcampión galego sub10, rematou como o primeiro clasificado de Galicia na modalidade de partidas lentas, mentres que no torneo de rápidas foi o segundo rapaz galego, quedando só a unhas xogadas de acabar entre os cinco primeiros a nivel nacional.

Sergio Calvo, membro da Escola Ames Xadrez, participou a comezos de xullo nos campionatos de España de xadrez sub10, nas modalidades de partidas lentas e rápidas, que se desenvolveron na vila de Salobreña, en Granada. Sergio chegou a estes torneos como subcampión galego sub10, un título que conseguiu a comezos de abril nunha competición disputada en Padrón.

Ademais de adquirir unha gran experiencia, Sergio volveu de Salobreña con dúas excelentes actuacións contra os mellores xadrecistas sub10 a nivel nacional. Na modalidade de partidas lentas, no que competiu con máis de 150 deportistas, rematou no posto 30, conseguindo 5,5 puntos sobre nove, o que lle valeu para ser o primeiro rapaz galego na clasificación.

A vitoria neste torneo foi para o manchego Manuel González, con 8 puntos, seguido do valenciano Lucas González e do madrileño Álvaro Torres.

Pola súa banda, na competición de partidas rápidas Sergio rozou o podio ata o final do torneo, rematando finalmente no posto 15, con 6 puntos de 9, o que lle permitiu ser o segundo clasificado de Galicia. Neste senso, dous momentos chave evitaron que puidera loitar polo título estatal. Na antepenúltima rolda, que disputou contra o a posteriori campión Álvaro Torres, deixou escapar unha oportunidade de xogada que lle faría gañar a partida. O outro punto foi a última rolda, na que se disputaba entrar no top5, e na que os nervios lle xogaron unha mala pasada.

Os gañadores na modalidade de rápidas foron o madrileño Álvaro Torres, cos 9 dos 9 puntos, mentres que o catalán Gerard Tallada foi segundo e o valenciano Lucas González, terceiro.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Un joven ajedrecista de Ames, a solo unas jugadas de acabar entre los cinco primeros a nivel nacional"

Enfoques: "Sergio Calvo, de la Escola Ames Xadrez, primer y segundo gallego en el campeonato de España sub10"

Representantes da selección galega nos campionatos sub10. Fotografía da Federación Galega de Xadrez

Multimedia

  • Sergio Calvo, da Escola Ames Xadrez, primeiro e segundo galego nos campionatos de España sub10