Pestanas principais

SÉS, A Banda da Loba e Factoría de Subsistencia abrirán con tres concertos as noites das festas da Peregrina

Mércores, 10 de agosto de 2022

Dende o martes 9 e ata o domingo 14 de agosto, Bertamiráns celebra as festas da Peregrina con actividades para todos os públicos, música e verbena. Neste senso, e antes do comezo das orquestras, cada noite das festividades arrincará con concertos de grupos e artistas galegos, como Factoría de Subsistencia este mércores 10, A Banda da Loba o xoves 11, ou a actuación de SÉS o venres 12, dentro do programa Ames Cultural. Todas as propostas forman parte do cartel “Ames en Festas”, no que o Concello de Ames, as comisións de festas do Milladoiro e da Peregrina e a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) colaboran para encadear once días de celebración nos dous núcleos do concello. Premendo nesta ligazón pódese consultar o folleto informativo de “Ames en Festas” 2022.

Bertamiráns colleu este martes a remuda do Milladoiro e comezou as súas festas da Peregrina, que se estenderán ata este domingo 14 cunha ampla variedade de actividades, concertos e verbena. A programación do “Ames en Festas”, na que colaboran o Concello de Ames, as comisións de festas e XEA, ten preparadas para cada xornada que resta de festividades a actuación dunha orquestra e un concerto dunha banda ou artista galega.

Deste xeito, os grupos Factoría de Subsistencia e A Banda da Loba actuarán este mércores 10 e mañá xoves 11, respectivamente, ás 20:30 horas na praza da Maía. Ambas formacións representan á escena galega co seu propio estilo, xa sexa dende o rock ou dende a mestura de folk con outros xéneros como o pop, o blues ou os sons tradicionais.

Ademais, o venres 12 ás 22:00 horas, o parque do Ameneiral acollerá a actuación de SÉS, un dos concertos de maior importancia do programa Ames Cultural da Concellaría de Cultura. A cantante é unha das voces de referencia da música galega, con sete traballos discográficos publicados e múltiples xiras por vilas e cidades galegas, España ou Latinoamérica.

Verbena ao rematar os concertos, con Olympus, Gran Parada e Metrópolis

Estes tres concertos deixarán paso á verbena, que comezará nas tres xornadas ás 23:00 horas, no campo da festa da Peregrina. Hoxe mércores 10 será a quenda de Olympus; o xoves 11 actuará a orquestra Gran Parada, mentres que o venres soará a música de Metrópolis e da disco móbil Atempo.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Gran Parada e Sés animan a festa en Bertamiráns"

Imaxe da artista SÉS

Multimedia

  • Cartaz de SÉS no Ames Cultural
  • Cartaz do Ames en Festas