Pestanas principais

Sesión de contacontos e teatro nos Seráns de Ames deste xoves, 10 de agosto

Mércores, 09 de agosto de 2023

Este xoves, 10 de agosto, o campo da festa de Bugallido acolle dúas novas actividades do programa “Seráns de Ames 2023”. A iniciativa estase a desenvolver semanalmente durante os meses estivais. Nesta ocasión, o serán estará protagonizado por Bibiana Calvo e Divina Fernández, que interpretarán o contacontos “Conto contiño”, e por Inventi Teatro, que representará a obra “A gran viaxe”. Será a partir das 19:30 horas. Premendo nesta ligazón podes consultar o cartel ao completo dos Seráns de Ames.

O campo da festa de Bugallido volve, unha semana máis, a ser escenario dos Seráns de Ames. Os máis cativos e cativas poderán gozar dunha dobre actividade para público infantil. A tarde comezará coa narración do contacontos “Conto contiño”, da man do persoal do departamento de Bibliotecas do Concello de Ames, Bibiana Calvo e Divina Fernández.

A continuación, interpretarase a obra “A gran viaxe”, unha comedia teatral da compañía Inventi. Nela nárrase a historia da capitana Centella e o doutor Potasio, dúas personaxes que chegan coa súa nave á terra en busca do Ziscornio, un elemento necesario para salvar ao seu planeta dos bechos malignos que o están a destruír. Trátase dun divertido espectáculo de rúa dirixido a toda a familia, no que a parte visual, a música e a participación do público teñen especial protagonismo. Para realizalo, Inventi Teatro conta cun vehículo espacial composto por un antigo 600 e un propulsor remolcado.

Seráns de Ames
Seráns de Ames é unha programación de verán para todos os públicos que volve ao concello por terceiro ano consecutivo, despois de que no ano 2021 se estrease a iniciativa na praia fluvial de Tapia e no 2022 se ampliase á parroquia de Bugallido. Como en anteriores edicións, as doce actividades que conforman o programa desenvólvense todos os xoves dos meses de xullo e agosto, habitualmente ás 19:30 horas.

A vindeira actividade será o xoves 17, na praia fluvial de Tapia. Ás 17:30 horas haberá unha ludoteca familiar e xogos con Nerea Couselo, e ás 19:30 horas terá lugar a representación da obra “Chocolate”, con Teatro Calavera.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "Contacontos e teatro, mañá nos Seráns de Ames"

Cartaz dos Seráns de Ames para o 10 de agosto