- Tematica
O departamento de Bibliotecas do Concello de Ames ten programadas dúas sesións de contacontos nesta semana. “Nais; non hai dúas iguais” desenvolverase o próximo mércores 19 na Biblioteca do Milladoiro e o xoves 20 na de Bertamiráns, ambas ás 17.30 horas. Ademais, neste mes de febreiro tamén hai programados obradoiros para a conmemoración do Día de Rosalía e a festa de Entroido.
As actividades de animación á lectura, que organiza a Concellaría de Cultura, amósalles ás nenas e nenos, mediante sesións de contacontos, o encanto que se atopa nos libros. Ao longo dos próximos meses haberá varias sesións de contos nas bibliotecas do concello (no Milladoiro e en Bertamiráns).
As sesións de contos abordarán ao longo deste curso diferentes temas, sempre relacionados con aspectos de interese e de actualidade na formación emotiva, artística e formal das nenas e nenos. Deste xeito, alén de fomentar o gusto pola lectura e o desenvolvemento da linguaxe, o que estas sesións procuran é promover a educación igualitaria e en valores, fortalecer o desenvolvemento cognitivo das crianzas e ofrecer ás familias unha actividade para gozar xuntas do seu tempo de lecer.
Desta maneira, esta semana terán lugar dúas sesións do contacontos “Nais; non hai dúas iguais”. A primeira delas será o mércores 19 na Biblioteca do Milladoiro, ás 17.30 horas, e a segunda o xoves 20 na Biblioteca de Bertamiráns á mesma hora. É unha actividade destinada a nenos e nenas de entre 3 a 8 anos.
Día de Rosalía
O Concello de Ames celebra durante o mes de febreiro diversas conmemoracións a Rosalía de Castro. Sumándose a esta iniciativa, o 24 de febreiro celébrase o Día de Rosalía nas bibliotecas municipais de Ames. En ambas as dúas, tanto na de Bertamiráns como na do Milladoiro, construirase un xardín poético para festexalo e conmemorar a figura da poeta. Todas aquelas persoas que queiran participar poderán pasar polas bibliotecas para colocar a súa flor ata o próximo 21 de febreiro.
Obradoiros de entroido
Asemade, con motivo da celebración das festas do Entroido, levaranse a cabo nas bibliotecas dous obradoiros de disfraces. Nel, os nenos e nenas converteranse en personaxes dun conto por un día.
A actividade comezará lendo dito conto, e posteriormente, realizar o disfrace para converterse no protagonista da historia. Desenvolverase o luns 24 de febreiro ás 11.30 horas na biblioteca de Bertamiráns e o mércores 26 á mesma hora na do Milladoiro. Requírese inscrición previa, rematando o prazo para formalizala o próximo día 20.
Os contacontos de marzo, abril e maio
En marzo, comeza o mes cun contacontos en conmemoración do Día Internacional da Muller, o 8M, con “Contacontos en Lila”. Será o mércores 4 na biblioteca de Bertamiráns e o xoves 5 na do Milladoiro. O mes proseguirá con “Coñeces estes contos? Estás seguro?” cunha recompilación de contos tradicionais o martes 17 na biblioteca de Bertamiráns e ao día seguinte na do Milladoiro.
Xa no mes de abril, é a quenda do contacontos “Croa que croa” o mércores 1 de abril na biblioteca de Bertamiráns e xoves 2 na biblioteca do Milladoiro. Seguidamente, “Historias montruosas” chegará o mércores 15 biblioteca do Milladoiro e o xoves 16 á de Bertamiráns. E para rematar o mes, “Xa somos grandes”, o mércores 29 na biblioteca de Bertamiráns e o xoves 30 na do Milladoiro.
Finalmente, no mes de maio terán lugar dúas sesións: “Coma gatos e ratos” e “Lobos ou lobiños, auuuuuu!!!!”. A primeira delas, o mércores 13 na biblioteca do Milladoiro e o xoves 14 na de Bertamiráns, e a segunda, o mércores 27 na biblioteca de Bertamiráns e o xoves 28 na do Milladoiro.
Para máis información sobre calquera actividade, pódese enviar un correo electrónico a biblioteca@concellodeames.gal, ou chamar aos teléfonos 981 530 807 (Biblioteca do Milladoiro)/ 981 884 829 (Biblioteca de Bertamiráns).