Pestanas principais

A sétima edición do programa InserAmes Brión inicia a formación que permitirá mellorar a empregabilidade de 80 persoas dos dous municipios

Mércores, 12 de novembro de 2014

[12-11-2014] O Concello de Ames continúa coa súa aposta pola formación e o emprego dentro da que se enmarca o programa InserAmes Brión, que xa comezou a súa sétima edición. Esta é, ademais, a segunda ocasión na que Ames conta para o seu desenvolvemento coa colaboración do Concello de Brión. Nas últimas semanas, un total de 80 persoas desempregadas dos dous municipios, todas elas menores de 30 anos e sen cualificación, comezaron a súa formación. O programa, que se desenvolverá ata maio de 2015, conta cun orzamento de 180.000 euros e está cofinanciado pola Consellería de Traballo e Benestar e os dous concellos.

Este ano a principal novidade é que o programa InserAmes Brión terá unha maior duración que noutras edicións. Deste xeito, desenvolverase ao longo de 11 meses. As accións formativas deste programa levaranse a cabo nas dependencias do centro de formación que o Concello de Ames ten en Aldea Nova e tamén en Brión. Ao rematar a formación, os alumnos e alumnas realizarán prácticas non laborais en empresas.

O concelleiro de Emprego, Bernardo Moar, visitou aos alumnos deste programa e destacou a importancia desta iniciativa de formación que, subliñou, “ten por obxectivo mellorar as posibilidades de acceso ao emprego dos desempregados e desempregadas no mercado de traballo, pola súa conta ou por conta allea”. Bernardo Moar lembrou que InserAmes Brión enmárcase na liña de colaboración entre os municipios de Ames e Brión que neste 2014 “como sucede co obradoiro de emprego Entre Ríos decidiron deseñar novamente un programa conxunto, convencidos de que esta colaboración permite prestar de forma eficaz e eficiente o servizo de programa integrado para o emprego e minorará os custes económicos da prestación illada do mesmo servizo”.

En setembro realizouse o proceso de selección de participantes e tiveron lugar as entrevistas de acollida para analizar os perfís dos 80 seleccionados e poder deseñar así a oferta formativa específica do programa, incidindo no colectivo de menores de 30 anos sen cualificación. En outubro realizáronse diferentes accións formativas entre as que se realizaron dúas do curso de técnicas de busca de emprego e novas tecnoloxías.

Ademais, comezaron os cursos de formación específica para o emprego entre os que se atopan os de operario de caixa-repoñedora, de 70 horas de duración, o de operacións auxiliares de almacén, con 120 horas, e o de monitor de actividades de tempo libre, que consta de 200 horas. Os tres cursos contan con módulos de prácticas non laborais en empresas e que se desenvolverán ao rematar a formación teórica.

Intermediación laboral
Ao longo de todo o período de duración do programa realizaranse tarefas de prospección de empresas e intermediación laboral, xa que se considera que esta fase é imprescindible para a operatividade das accións concretadas no itinerario, como son as prácticas non laborais e para o logro do obxectivo final de todo o proceso, a inserción laboral.

O programa InserAmes Brión inclúe outras liñas de actuación. Deste xeito, levaranse a cabo itinerarios personalizados de inserción para mellorar a ocupabilidade dos participantes. Tamén se realizará formación transversal, principalmente farase fincapé na relacionada coas técnicas de comunicación e coas habilidades sociais para a busca de emprego. Ademais, incidirase na alfabetización informática, no aprendizaxe do inglés, prevención de riscos laborais e na manipulación de alimentos.

Outro aspecto no que se incidirá é na formación cara o autoemprego, que incluirá asesoramento para a creación de empresas e xornadas de motivación do espírito empresarial.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames colabora con Brión y forma a 80 jóvenes, incluyendo prácticas"