Pestanas principais

Sigue a canle oficial de Telegram do Concello de Ames para recibir avisos e información da actualidade municipal

Martes, 04 de xaneiro de 2022

O Concello de Ames ten presenza nas principais redes sociais e conta con diversas canles de comunicación e sistemas de avisos, co fin de que a veciñanza coñeza a actividade municipal e a súa actualidade. Unha delas é a canle de Telegram @concellodeames, que permite recibir notificacións das últimas novidades do Concello en dispositivos móbiles e ordenadores. Os envíos de avisos tamén se realizan a través  de RSS e boletíns por correo, con máis de 1.200 persoas subscritas. Ademais, os perfís sociais do municipio continúan crecendo, con 7.000 “gústames” en Facebook e con máis de 2.000 seguidores e seguidoras en Twitter e Instagram. Toda a actualidade e a axenda de Ames publícase a diario na páxina web oficial www.concellodeames.gal, que recolle unha lista con todos os medios de comunicación municipais.

A canle oficial de Telegram do Concello de Ames é a forma máis rápida de coñecer a actualidade do municipio. As persoas usuarias deste servizo reciben unha alerta no seu dispositivo de cada nova ou aviso que o departamento de Comunicación publique na web municipal, empregando o sistema de notificacións de teléfonos, tabletas ou ordenadores. Para sumarse á canle, pódese buscar na propia aplicación o nome de usuario @concellodeames, ou ben seguir a ligazón t.me/concellodeames.

O Telegram é un dos tres sistemas personalizados de envío de avisos, actualidade e axenda municipal cos que conta o servizo de Comunicación local. A este servizo de mensaxería acompáñano o tradicional formato RSS e o envío diario de boletíns informativos vía correo electrónico, que na actualidade conta con máis de 1.200 persoas subscritas.

O Concello de Ames alcanza 7.000 “gústames” na súa páxina de Facebook

A información na web municipal e os sistemas de avisos funcionan xunto ás redes sociais do Concello, que nos últimos anos están a experimentar un gran crecemento. A páxina de Facebook institucional celebrou o fin de ano superando os 7.000 “gústames”, sendo a rede de maior popularidade entre a veciñanza amesá.

Pola súa banda, o perfil de Instagram, creado en maio de 2020, conta xa con máis de 2.700 seguidores e seguidoras, mentres que o Twitter oficial suma 2.000 usuarios e usuarias. Outros departamentos municipais contan coas súas propias contas de Facebook, entre as que destaca a do Servizo de Voluntariado, con 5.300 “gústames”. A totalidade dos perfís sociais do Concello pode atoparse na sección de redes sociais da listaxe de medios de comunicación municipais, dispoñible na web municipal.

Ames Radio e contidos multimedia na web municipal

A finais de outubro, a radio municipal Ames Radio inaugurou a súa propia páxina web, amesradio.gal, na que a veciñanza amesá pode acceder a toda a súa programación en formato podcast, que inclúe espazos informativos e políticos, magacíns e os proxectos da Radio Cidadá. Estes novos contidos en liña súmanse á xa existente galería de fotos da web municipal, á canle de YouTube do Concello de Ames e á videoteca Mediatec@mes, onde se recollen os vídeos e fotografías máis destacadas de diferentes actividades e programas realizados no concello.

Sigue a canle oficial de Telegram do Concello de Ames para recibir avisos e información da actualidade municipal