Pestanas principais

“As silenciadas”, última proxección do ciclo de Cinema Documental este 24 de novembro

Venres, 19 de novembro de 2021

A Concellaría de Cultura de Ames remata o ciclo de Cinema Documental programado durante este mes de novembro coa proxección de “As silenciadas”, unha película dirixida por Pablo Ces e con guión de Aurora Marco e do propio Ces. Será na Casa da Cultura de Bertamiráns, este mércores 24 de novembro ás 20:30 horas, cun encontro co director e a guionista ao rematar o filme. O evento é parte do itinerario de actividades en conmemoración do 25N, elaborado de xeito transversal polas Concellarías de Benestar e Igualdade, Cultura, Mocidade e Turismo. Os convites gratuítos xa se poden retirar na billeteira electrónica do Concello de Ames.

A proxección do filme, dirixido por Pablo Ces, é a última do ciclo de Cinema Documental deste mes de novembro, coincidindo ademais coa semana de conmemoración do 25N. A concelleira de Cultura, Natividade González amosa “a súa satisfacción por este ciclo de cine, pola calidade acada dos films e polo público entregado”. González destacou tamén “a importancia de poñer en valor o noso audiovisual galego, que esta a ter moitos éxitos alén das nosas fronteiras, e si falamos de cinema en femenino, aínda podemos estar mais orgullosas”.

“As silenciadas”, estreado no ano 2010, é un documental histórico que recupera historias de vida, contextualizadas, de numerosas mulleres que estiveron na clandestinidade ou apoiaron desde o chairo o movemento guerrilleiro, e que pola súa defensa foron duramente represaliadas, ben coa morte, ou ben co cárcere, a tortura, o desterro ou o exilio. A necesidade de poñer en valor e de coñecer o papel destas mulleres durante a posguerra é chave, xa que foi fundamental na supervivencia deste movemento de resistencia antifranquista.

O documental, cun amplo traballo de investigación da guionista Aurora Marco, foi galardoado con varios premios dende a súa estrea. “As silenciadas” recibiu o Premio Mestre Mateo 2012 ao mellor Documental, o Premio Memoria i Justicia Universal 2011 no Festival Internacional de Cine de Derechos Humanos de Santa Coloma de Gramenet, e o Premio Popular runner up no Festival internacional en liña Humanity Explored 2013.

Ao rematar a proxección, o director e guionista Pablo Ces, e a guionista Aurora Marco, asistirán a un encontro coas persoas asistentes. As entradas poden obterse de balde, como é habitual, na billeteira electrónica do Concello de Ames.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Acaba con ‘As Silenciadas’ o ciclo Cinema Documental"

As silenciadas

Multimedia

  • As silenciadas